Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

26.2.06

Cuestión de axenda


Cóntame un correspondente que no próximo mes de marzo se van celebrar as asembleas xerais da Coordinadora de traballadores/as pola normalización lingüística, da Sociedade Galega de Terminoloxía e d'A Mesa pola Normalización Lingüística... aí queda iso, tres nun mes...
Aposto a que máis de un e de dous repite ou "tripite".
Superada queda esa parvada de que a lingua se leva no corazón; a lingua lévase na axenda.

Recuar (II)


Máis sobre a gran recuada. Leo nun foro dunha academia destas que preparan as oposicións o seguinte: "El tema relacionado con la obligatoriedad del gallego en los exámenes de la Xunta queda fuera de los temas objeto de debate de este foro. Por lo que procederemos a eliminar dichos mensajes. Un saludo."
A mensaxe é do administrador-moderador do foro ao que lle debían saír polas orellas as mensaxes a prol e en contra da medida; ou sexa que o tema interesar o que se di interesar, interesa... (hai debate! que dirían agora na TVG)
Por certo, iso é un moderador ou un antidisturbios??

Recuar


Primeiro: a convocatoria prevé unicamente a existencia de versións en galego dos exames; segundo: a prensa de sempre cacarexa a varias columnas a polémica e as queixas dos que se acordan dos pobres colegas de alén-Padornelo que non se poderán presentar; terceiro: a Xunta defende a legalidade da medida e invoca o Plan Xeral de Normalización!!!!; cuarto: a mesma Xunta semanas despois inaugura no DOG o libro das instrucións e protagoniza a gran recuada; quinto: a Mesa pretende a golpe de escritos e sinaturas provocar unha segunda; sexto: seguro que nada cambia, o si pero non e o non pero si xa visto tantas veces.
Xa se sabe: para atrás nunca nin para coller impulso!!!!!!
Quen dixo que coma os cataláns nós non publicamos a nosa terminoloxía no DOG??? mentira, publicámola e mesmo poñemos exemplos prácticos...

25.2.06

Aló imos!!!!


Boto andar por este espazo e xa levo a primeira labazada, o aparelliño non ten menús na lingua patria, ducias de linguas para escoller e a galaica non aparece... que se chinés de Hong Kong, que se chinés de Taiwan, que se español de Madrid, que se español de Chile, de Colombia, de Venezuela... (cal será a diferenza???), que se portugués de Portugal, que se portugués do Brasil, que se portugués de día feriado, que se portugués de día solto... pero o galego velaí que non consta... ben, non consta até que un espabilado lle bote breoganite vaia e o traduza, co catalán xa pasou, e se todo será cousa de espabiladura???? non o creo, polo de agora agárrome ao portugués de Portugal e ir aboiando con el
o lusismo é moitas veces o flotador dos que queremos aprender a nadar sós