Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

29.6.07

Un golfiño novo


Xa temos Golfiño novo. Este non nos vén co xornal os domingos (nunca nos habemos queixar o suficiente por aquel amigo), pero é benvido e celebrado igualmente.

28.6.07

Retirada


O PP toca retirada, a última hora e por sorpresa...

Razóns? este moucho non lembra onde foi que leu que o PP se sente forte no medio urbano e os xestos cara á poboación urbana inclúen presentar batalla coa lingua galega? Por aí podería andar a cousa...

27.6.07

Operación ACortippex

Comeza a operación ACortippex.
(e agora recemos a que fagan a contracción que corresponde: nada de Concello de A Coruña)

25.6.07

Anecdotario da CRTVG


Ai Pampín se as paredes dos platós, estudios e redaccións da CRTVG falasen, cantas anécdotas saberiamos!!!

(como non falan nin se preve que o fagan, alguén podía recompilalas, non?)

24.6.07

A Frase


Descoñezo se é del ou quen a inventou, pero a frase "sen nabo non hai nabiza, sen galego non hai Galiza" que lle dá títular á entrevista de Callón no Tempos deste mes deixou a este moucho sen adxectivos.

A que ten o seu aquel??

23.6.07

Un galego no Liverpool


Agora que vexo esta nova lémbrome que este moucho tiña algo pendente de falar sobre o Liverpool de Benítez. Que se vaia preparando o tal Ángel Vales porque o bo de Benítez non lle vai deixar falar castelán (e moito menos coruño...) coa tropa española que visten a camisola red. E é que Benítez llelo ten prohibido aos seus xogadores e cadro técnico co fin de que mellor se integren na sociedade e no club inglés.
O curioso é que na prensa madrileña os mesmos que despois se espantan de que o Barcelona lles recomende, vía contrato, aos seus novos xogadores recibir clases de catalán, foron os primeiros en aplaudir este xesto de Benítez como mostra do seu carácter e rigor disciplinario.
Ai, ai, ai que axiña se vos pilla...

20.6.07

Zzzzzzzzz


Pois os do Consello de Publicacións da Xunta poden comezar por ler o que din as Normas, non? E que a RAG se luza un pouco máis que o tema ben merece algo máis de tres liñas...
Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.

17.6.07

Ai Martiño, Martiño


Andamos faltos de referentes neste círculo mediático do século XXI e máis aínda que eses referentes respiren minimamente en clave de país. Nestas andamos cando vén o Martiño Rivas (que vén sendo fillo do Rivas que todos temos en mente) e nos conta que desgaleguizou o nome, que iso de Martiño non era ben captado polos oídos madrileños. Ou sexa que en Madrid aprenderon a pronunciar e escribir Schwarzenegger, Pagazaurtundua, Abbondanzieri ou Mitsubishi, pero o de Martiño seica se lles pon na gorxa (por non dicir noutro sitio...) e nós, os galegos, por aquilo de non lles querer complicar a vida somos así de guiadiños e mesmo estamos dispostos a eliminar calquera atranco que lles trabe a lingua. De Robinhos, Ronaldinhos e Cicinhos xa nin falamos...

Certamente o rapaz este luciuse pero ben lucido.

16.6.07

Un Grumir lingüístico


E agora como lle imos chamar ao futuro servizo lingüístico do Concello da Coruña? SRL? Servizo de Recuperación Lingüística? ou SCPdL? Servizo de Coidados Paliativos da Lingua? ou SADL? Servizo Anti-Desfeita Lingüística?

Ou quizais directamente o que se necesita, máis que un servizo, é un grupo municipal deses de intervención rápida. Grumir, chámanse. Dotación? unidades móbiles para andar polos barrios coruñeses, ferramentas lingüísticas en perfecto estado, de longo alcance e de todo tipo (en papel e en soporte informático), conos de sinalización de ameazas, feblezas e oportunidades, barreiras de protección fronte aos que se han de amosar reacios, formación especializada en afrontar situacións extremas, etc... e se pode ser que entre os seus membros haxa un cirurxián... porque operar hai que operar, e amiguiños, non vos é esta cirurxía menor...

8.6.07

Poza lingüística


Téñoo insinuado outras veces e cada vez estou máis seguro: a Voz é coma os nenos coas pozas. Poza que ve, poza en que se mete. Tempo lle faltou de organizar xa unha enquisa en rede sobre se hai ou non imposición do galego... ao fío de que estes do tanga-gallego non van e pensan nunha manifestación para o día 16!!!

4.6.07

Unha vergonza



Un ano máis oposicións e un ano máis o galego nas oposicións unha vergonza e o curioso é que apenas está a ter repercusións. Coméntanme que está a ocorrer nas do Sergas: cando non hai preguntas no exame de galego co enunciado incorrecto, hainas con máis dunha resposta atinada posible... por non falar das cautelas que se toman os tribunais advertindo, antes de comezar os exames, que en caso de dúbida ou discrepancia o que prima é a versión castelá.


Así, cando todo está en xogo, quen vai optar pola versión en galego?


Un escándalo, unha vergonza e ninguén di nada.