Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.1.07

Os enredos de Baltar pequeno


Navego á deriva e entro en augas xurisdicionais de Manuel Baltar, Baltar pequeno para que nos entendamos, e dou unha volta polo seu cumprido web. A Baltar pequeno débelle gustar a arte da demoscopia pois conta con preto de trinta enquisas do máis variado: unha delas pregunta que membro do goberno galeguizara antes o seu nome (e apelidos polo que vexo). As enquisas son do máis tendenciosas ben nas súas preguntas, ben nas súas respostas polo que as podemos considerar de autoconsumo.

En todo caso se do que se trata é seguir facendo humor fácil coa lingua e precisa suxestións para seguir engordando a lista aí vai un par delas: Que membro do goberno lle mercará antes bonecas en galego aos seus fillos? Cantos galegofalantes máis haberá grazas ao bipartito? Que aprenderan antes os cativos nas galescolas? (respostas: as dúas estrofas do himno do Pondal; a vogal U; treitos do Sempre en Galiza).

En fin...

29.1.07

Máis sobre os cursos de lingua

Con entusiasmo foi recibido nisto que se deu en chamar blogomillo a convocatoria de listas abertas e públicas para impartir cursos de lingua e este mesmo moucho foi partícipe de tal recibimento, o cal pode dar boa mostra da situación da que se partía. Con entusiasmo mais tamén con algún pero. Porque pasada a emoción inicial e se un fai o exercicio de se meter en fariña na orde comproba que os matices poden ser moitos. Poderíase falar do mellorable que é a solicitude para facela máis práctica ou de certas ambigüidades ou vaguidades que o texto presenta (no que fai á escolla de ámbitos, por exemplo). Mais o gran pero é sen dúbida o requisito número tres (ser demandante de emprego) e que en ningún apartado da orde se especifica se vai haber relación contractual algunha coa administración (e moito me temo que aquí o de quen cala outorga non vai ser).

Imaxinades un letrado dando un curso de dereito comunitario para o funcionariado sen contrato? ou un experto en temas tributarios formando os funcionarios da consellaría de Economía nas novidades fiscais para o ano que acaba de entrar? ou un informático dando un curso sobre software libre ou calquera outra nova aplicación da Xunta? Este moucho non o imaxina, o que non quere dicir que non poida pasar, que na Administración xa se sabe... Non o sei, mais si sei que cos filólogos galegos si pasa: o requisito é ao mesmo tempo o resultado final. Renovas a tarxeta cada trimestre, agardas a que te chamen, dás o curso e segues renovando a tarxeta. Ou sexa que volves do curso cunha man diante e outra atrás, aínda que con tres mil euros no peto que vai ti a saber se Facenda non che pon mala cara e problemas para ver de onde os quitaches ti piltrafilla que estás no paro.

Dádesvos conta, ademais, de que se fai unha lista que, en teoría, vai estar sempre funcionando, sempre dando a volta sobre si mesma? Dádesvos conta que non se aposta por un profesorado de calidade e estable? A Administración precariza a ensinanza e precariza os ensinantes. Que non hai saídas laborais para os filólogos? Que vaian lambendo un curso de cando en vez...

Haberá que seguir ao asexo, ver como se xestiona esa trasparencia, ha de haber beneficiados e prexudicados non teño a menor dúbida, pero moito me temo que, como está a acontecer noutros ámbitos, a medida se quede só nun lavado de cara, nunha man de pintura, nun xesto cara á galería... e no fondo, non moito no fondo tampouco (case na superficie), as cousas sigan como estaban.

28.1.07

Esa sintaxe, por deus...


Marisol López é autora dun moi bo estudo sintáctico sobre a preposición a e o obxecto directo. Sen dúbida, cuestión esta que é unha das pedras onde é máis fácil tropezar na gramática da lingua.
Casualidades da vida fan que en pleno marisolado a prensa e internet se incen de titulares coma o da imaxe e que está dispoñible desde aquí.
Está visto que os tradutores automáticos e os esquemas sintácticos do español fan estragos na lingua...

27.1.07

Longa vida ao Longa Lingua


Teño ganas de tela nas mans, de lela. Teño ganas de que triunfe, de que sirva para algo, de que axude ao seu fin. Teño ganas de vela vender nos quioscos e librarías. Teño ganas de que perdure (ollo: unha periodicidade mensual non será moi ambiciosa!!?? que non resulte que acabe sendo simplemente o soporte das queixas e batalliñas de normalizadores e demais...).

Pero mentres non chega á miña póla, ireime entretendo co seguinte informe que atopei o outro día: é do Colexio de Xornalistas e leva por título A lingua nas novas. Xa é de finais do 2004 (con datos do 2002), pero este moucho non sabía del a verdade. Algunha conclusión interesante e contundente: só cinco de cada 100 páxinas da prensa están en galego, cómpre unha maior presión lingüística por parte da poboación lectora, a decisión e estratexia do grupo editor é fundamental no uso dunha ou outra lingua, etc.

26.1.07

Ben pola de Arcade!


Nunca entendín moi ben as críticas que recibiu e recibe, pero vela onte falar en galego e os periodistas veña a insistir en que mudara de lingua confírmanlle a este moucho dúas cousas: a súa empatía cara a ela e a ruindade dos uniculturais e ignorantes xornalistas madrileños.

25.1.07

Que me dis dese e logo?


O da nova campaña da SXPL preocúpame e desconcértame un tanto: o primeiro porque de momento non se saben as medidas que lle van dar corpo, coñecese o envoltorio mais non o que leva dentro, o continente mais non o contido, sábese o fin mais non os medios.

Desconcértame ese E logo! co que se pechan as cuñas e os anuncios. Na fala deste moucho e logo é as máis das veces interrogativa, non exclamativa, e úsase como equivalente a por que? ou daquela. É sen dúbida o seu uso máis estendido até o punto que no discurso dos castelanfalantes tamén aparece camuflado baixo o traxe de y luego? Porén, acudo ao dicionario e comprobo que a súa primeira acepción é en efecto 'claro, por suposto'.

Afortunadamente un nunca deixa de aprender cousas novas e este moucho fai a promesa de prestar máis atención á fala das xentes para rexistrala no seu uso real. Quédame a dúbida, iso si, se non primaría máis buscar un xogo de palabras que roza a cacofonía dito sexa de paso (galego-logo), a custa de sacrificar a súa acepción máis estendida. Porque... por usar tamén podían ter tirado de xaora, que non é tan coñecida e por iso mesmo axudaría a ter ese efecto de perdurar na memoria da xente que toda campaña procura, non credes?

24.1.07

Estatuto catalán (en galego)


Agora que se cumpre unha semana da desfeita de Monte Pío e para os que tiveran moitas ganas dun novo estatuto, aquí lles deixo a ligazón ao Estatut catalán na súa versión galega (traducido por certo pola SXPL). E se o queren en papel do de sempre e non tirar de impresora, un formulario para que o remitan por correo, tamén do de sempre, á póla de cada un.
Para que despois digan dos cataláns...
Certamente como non precisa tradución, aquí deixo o que di sobre as linguas
ARTICLE 6. LA LLENGUA PRÒPIA I LES LLENGÜES OFICIALS
La llengua pròpia de Catalunya és el català. Com a tal, el català és la llengua d'ús normal i preferent de les administracions públiques i dels mitjans de comunicació públics de Catalunya, i és també la llengua normalment emprada com a vehicular i d'aprenentatge en l'ensenyament.
El català és la llengua oficial de Catalunya. També ho és el castellà, que és la llengua oficial de l'Estat espanyol. Totes les persones tenen el dret d'utilitzar les dues llengües oficials i els ciutadans de Catalunya tenen el dret i el deure de conèixer-les. Els poders públics de Catalunya han d'establir les mesures necessàries per a facilitar l'exercici d'aquests drets i el compliment d'aquest deure. D'acord amb el que disposa l'article 32, no hi pot haver discriminació per l'ús de qualsevol de les dues llengües.
La Generalitat i l'Estat han d'emprendre les accions necessàries per al reconeixement de l'oficialitat del català a la Unió Europea i la presència i la utilització del català en els organismes internacionals i en els tractats internacionals de contingut cultural o lingüístic.
La Generalitat ha de promoure la comunicació i la cooperació amb les altres comunitats i els altres territoris que comparteixen patrimoni lingüístic amb Catalunya. A aquests efectes, la Generalitat i l'Estat, segons que correspongui, poden subscriure convenis, tractats i altres mecanismes de col·laboració per a la promoció i la difusió exterior del català.
La llengua occitana, denominada aranès a l'Aran, és la llengua pròpia d'aquest territori i és oficial a Catalunya, d'acord amb el que estableixen aquest Estatut i les lleis de normalització lingüística.

"Ao estacionar o seu vehículo observa..."


Este moucho xa o advertiu hai un tempiño que o do galego non debía quedar só nos teitos dos vehículos... segundo escoitei na tele seica mesmo é máis fácil quitar o carné en inglés que na lingua propia do país... A ver que resulta.

23.1.07

Aquí non pasou nada


O do Hotel Louxo deixa unhas cantas interrogantes no ar: cantas medidas haberá no mundo sociolaboral galego, escritas ou non, que prohíben falar galego e aínda non saíron á luz? e vista a celeridade con que xa temos páxina web en galego: será que hai empresas que ocultan a páxina web en galego e só se deciden a facela accesible cando "hai problemas"? que ocorre, que os galegos non fan turismo na Toxa?
Outra máis: canto poder ten a sociedade cibernauta?

22.1.07

Falo por min...

... se pido escusas pola precipitación cometida antonte co da suposta campaña Fala por ti. Grazas a Depósito coñezo da existencia de tal cousa no seguinte enderezo. Unha especie de experiencia piloto que non se está a cocer, senón que xa está cocida, preparada e degustada cuxo obxectivo foi o de empurrar a falar mocidade, algo así como facer galegofalantes activos onde hai galegofalantes latentes. Descoñezo se as estratexias de mercadotecnia aconsellan non promocionar e anunciar as experiencias piloto, se cadra buscando un efecto sorpresa, mais coméntanme dende Vigo (cidade onde tivo lugar) que a súa trascendencia foi máis ben nula nos medios, así como comprobo no Google que a súa presenza na rede é mínima.
En todo caso, segue no ar o da Academia cando hoxe, revisando mellor, comprobo que o Mapa Sociolingüístico de Galicia xa está en rede.

21.1.07

Alguén sabe quen é Pedro Figueras??


Si Figueras con efe de falcatruada e con que de queixo, o outro xa sei que está en Telecinco e é o da imaxe. Pois Pedro Figueras é director creativo e o seu móbil é 666 052 663. A conto de que vén isto?? pois porque de bolina polo web da Academia Galega atópome na súa páxina de inicio cunha ligazón que me leva a isto: unha páxina, que intúo está en construción, con datos sobre o Mapa Sociolingüístico de Galicia do ano 92. Ou sexa que todo pinta a que se van colgar os datos do MSG en rede (non é sen tempo...) ou que o Seminario de Sociolingüística da RAG vai ter espazo propio (mediando, claro está, subvención de Industria). Pois perfecto, pero que alguén aclare porque se o web non está feito aínda, que fai aniñado na páxina deste bo home, co acceso aberto e cunha ligazón dende a propia páxina principal da realísima??

Pero ollo porque a cousa non queda aquí, sabedes dalgunha campaña de Vicepresidencia que leve por lema: Fala por ti?? Pois se non sabedes debe ser porque tal campaña aínda se debe estar cocendo e este tal Figueras tamén debe andar polo medio. Premede, premede aquí.

E agora dicídeme, somos ou non somos un país serio???


20.1.07

Transversalidade e transparencia


Dúas presenzas da lingua nos dogas desta semana: a primeira ten que ver coa refundación da Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística. E digo refundación e digo ben porque o decreto 258/2006 deroga o decreto 221/1990 daquela primeira Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da que tres lustros despois pouco se sabe máis que o seu nome e o seu logotipo nuns cantos volumes de material didáctico e glosarios. É dicir, isto de querer coordinar aquilo que se fai non é idea nova, aínda que agora aparece reformulada agardemos que para ben. Xa non interveñen só catro consellarías, senón todas; dispón dun plan de reunións e dunha maior complexidade organizativa que veremos como resulta. É novidade tamén que está centrada de xeito exclusivo no binomio lingua-administración, para cando o mesmo pero aberto ao conxunto da sociedade?? para cando unha especie de consorcio, mesa ou axencia que conte coa presenza de todas as administracións cámaras de comercio, colexios profesionais, confederacións de empresarios, etc.??? Seguiremos ao asexo.


A segunda presenza ten que ver coa impartición sobre os cursos de lingua galega á que por fin parece querer metérselle man. Sobre a adxudicación dos cursos, os criterios utilizados até o de agora para baremar e o traballo feito dende algunhas delegacións provinciais daría para encher unhas cantas olladas. Vexamos como funciona esta nova orde e a ver se os tempos da opacidade nas adxudicacións, o emprego da vía dixital e o simultaneamento de máis dun curso pasan á mellor vida. Seguiremos ao asexo (bis).

19.1.07

Non me estraña...


Touriño intentou exercer de pacificador ou, mellor dito, de mediador entre partes e a xogada non saíu. Pensaba que con camuflar o termo nación entre o substantivo fogar e o adxectivo común abondaría, pero tampouco foi o caso. Feijoo, Alberte como lle chaman na Galega, non cedeu e Quintana xa optou por non dicir ren. O que lle pareceu curioso a este moucho é que o preámbulo do Estatuto desbotado co que hoxe sae fotografado nos xornais xa na primeira palabra contiña unha gralla: "O longo da súa historia, Galicia..."
Coa de lingüistas que hai no paro...

18.1.07

Outra ocasión perdida


Que o galego fose un deber non quería dicir que se lle fose pór unha pistola no peito a quen non o falase, nin que os castelanfalantes fosen ser perseguidos e acosados. Era máis simbólico que outra cousa. Pero un simbolismo moi importante e necesario. Supuña fortalecer, mandar unha mensaxe á sociedade de plena igualdade entre linguas. Supuña pór en letras maiúsculas que o galego é unha lingua OFICIAL. Supuña, en definitiva, abrir o camiño para unha política e planificación lingüísticas decidida, ben esteada e non debedora nin temerosa de caer nunha hipotética discriminación da lingua castelá que non está nin vai estar discriminada nunca.
Outra ocasión perdida, outra ocasión que sae lambendo o pao e non muda o marcador.

16.1.07

Pais e nais que delegan


Os pais e nais galegos hai tempo que renunciaron a lles transmitir a lingua galega aos seus fillos e delegaron ese labor de aprendizaxe e transmisión na escola. Nas urbes galegas o contacto co galego dos máis pequenos dáse (case) unicamente entre as paredes dunha aula. O que non é xusto é que agora receen dun decreto do ensino na lingua que vén regular aquilo que non se fai nas paredes dos fogares galegos e do que eles debían ser cando menos corresponsables.

14.1.07

Libros-canapé en galego




Brétemas abre o debate acerca da aparición en galego do libro sobre a perruqueira máis sonada de Galicia e este moucho é dos que pensa que benvidos sexan os libros-canapé, libros de urxencia, libros-ventureiros ou chamémoslle como queiramos... Se normalización é que haxa no sector editorial galego todo aquilo que hai en calquera outro normalizado pois adiante con eles e que este non quede nunha anécdota. Galicia, ao fin e ao cabo, tampouco é que xere moitos personaxes do papel couche (que diría un cursi) ou do ámbito deportivo, polo que todo o que axude a ligar os poucos que hai á lingua galega debe ser ben recibido. Dous casos recentes: por que non unha biografía de Óscar Pereiro aproveitando o seu éxito? (se cadra aínda se está a tempo para este ano), por que non un libro sobre Eva a de Operación Triunfo? (mágoa, certo, que non chegase máis lonxe pero tería o seu público sen dúbida...)

12.1.07

Parabéns, conselleiro


Xa o comentamos noutra ocasión e en San Caetano era un segredo a voces que o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández, estaba traballando arreo para aprender e mellorar o seu galego. O outro día escoiteino na Galega e os avances son notables e de calidade.
Non é que haxa agora que comelo a bicos (fai o que lle corresponde por lei e coherencia), pero non é habitual na clase política nin o empeño, nin a preocupación por mellorar a verba lingüística. Moitos serían suculentos exemplos de estudo de pedágogos, terapeutas e analizadores do discurso.

11.1.07

Quen te viu e quen te ve...


"Nós veneramos a Castelao. Somos os seus epígonos, os seus seguidores e discípulos. Queridos amigos: Castelao non volverá. ¡Regresou!. ¡¡Está no Partido Galeguista!. ¡¡¡Está entre todos nós para sempre!!!"

Esta arenga pódese ler no web do Partido Galeguista que na Coruña presenta á alcaldía a un tal Carlos Marcos que di cousas como: "Eu levo toda a vida chamándolle La Coruña, pero recoñezo e asumo a legalidade vixente".

Necesito que alguén lle poña cualificativo a isto, este moucho quedou sen eles.

Con razón o bo de Pousa Antelo renega deles.

9.1.07

O Madrid plurilingüe


Unha de fútbol: até agora viramos ao presidente do Madrid, o mesmo que ten pesadelos cos carteiros e sacas chea de votos, Ramón Calderón recibir os xogadores estranxeiros cun breve discurso no seu idioma. Pois ben, que saiban os seguidores brancos galegos que poden seguir os encontros en directos a través da páxina web do club na lingua galega entre outras moitas, grazas a un sinxelo sistema ofrecido por Terra que seguramente se estenda a outros webs.
Non é habitual recibir de Madrid tanto plurilingüismo aínda que sexa en pequenas doses.

6.1.07

A Voz das bonecas


Hai que recoñecer que a centenaria e algo máis Voz está en forma malia os anos. En forma nisto de facer demagoxía e humor fácil ante calquera tema lingüístico que teña o galego como protagonista. Dá noxo ler hoxe a última páxina do xornal a conto da proposta do BNG de pular polo galego nos xoguetes e outros obxectos de lecer. Son expertos en quedarse no detalle, facer a graza fácil e conseguir que o tema pareza absurdo.
Se o quixesen tratar cun mínimo de rigor podería entrar en calquera xoguetaría e comprobar en termos reais (porcentaxes) cal é a presenza da lingua en xogos de mesa? en videoxogos? en bonecos faladoiros? en calquera obxecto de lecer para os cativos e se cadra só así se lles quitarían as ganas de xoldra co tema.
Semella que xa non é unha cruzada contra o galego senón contra unhas siglas políticas determinadas (véxase o tratamento do tema dos fusos horarios), pero o ton empregado e a súa situación no xornal (a última folla) lémbrame a outro diario compostelán que mostra a súa liña editorial repartindo todos os días polvoras e magnolias á vez que achega un chiste do máis ruinceiro posible.
Malo cando os xornais, por moitos anos que teñan, non inclúen os seus editorias no seu interior e si na derradeira páxina. A este moucho nunca lle gustou a xente que actúa por detrás.

3.1.07

A quiniela dos apelidos


Certamente coñezo a pouca xente que galeguizara o seu apelido polo que unha campaña que o difunda non pode ser mala idea. Así coma cos nomes hoxe en día está bastante normalizado o asunto e o nomes galegos viñeron ampliar o repertorio onomástico, conseguiron por momentos estar de moda e co tempo se desprenderon de connotacións varias (non todos os Braises e Catuxas son fillos de nacionalistas nin falan galego), cos apelidos a historia é ben outra.
Parece impor máis galeguizar un apelido que un nome, facelo un só e non o resto dos parentes parece tirar para atrás e en ocasións non necesariamente é unha castelanización ou está é tan antiga e está tan asentada que non hai consciencia dela.
O que nunca entendín é que nos medios de comunicación galegos se lesen os Seijo, Tojeiro e demais á castelá e nunca á galega (pola contra si se lle galeguiza o nome a todo bípedo dende Méndez Romeu até o inmigrante venezolano que vive en Vigo e lle ardeu o salón por mor dun braseiro). Esa podería ter sido a primeira medida para pular polos apelidos galegos. Se cadra aínda se está a tempo de póla en marcha.
E para quen queira comprobar como vai o marcador entre formas propias versus formas castelanizadas pode comprobalo aquí: hai poucos empates, escasean as victorias caseiras e abundan as foráneas. Ou sexa que é un boleto dos que dá cartos :-)

1.1.07

Junta de Galicia


Comeza un ano novo e quen ía dicir que a primeira ollada ía ser sobre se Junta de Galicia ou Xunta de Galicia. Resulta que a vicepresidencia de Quintana lle reclama ao MAP de Jordi Sevilla que corrixa os documentos, que os volva remitir e así si haberá firma. Os de Madrid ampáranse que o Estatuto do país na súa versión castelá emprega Junta e razón non lles falta pois este moucho chegou a contar até 34 veces o dito termo. E aínda máis: nese mesmo Estatuto en castelán no artigo 2º 1. fálase das provincias de "La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra".
En Cataluña seica non é inusual oír falar da Generalidad e parece non levantar moita poeira (de feito utilízano na versión castelá do seu diario oficial), mais acó certamente que algo se nos move nos tímpanos ao escoitar Junta de Galicia.
Unha vez máis os nomes propios a escena. O tema ten o seu aquel porque este moucho aínda non escoitou nin leu argumentación razoable ningunha que saiba conxugar a nosa esixencia de que se nos respecten as nosas formas co noso dereito a traducir ao galego as dos demais. E nesa franxa entre as dúas situacións é onde xorden os problemas e os argumentos se entrecruzan (un dos que utiliza Losada neste caso serviría perfectamente para defender o uso de La Coruña). Entre lingüistas e xentes de leis ten que andar a solución.
En parte, ás veces, tamén é cuestión de coidar os detalles, eses que ás veces pasan desapercibidos: a RAG até hai uns poucos anos nos seus estatutos mantiña La Coruña como lugar da súa sede ou, segundo me confesan, chamar ao ILG e que che respondan algo así como "Instituto de la Lengua Gallega, buenos días" non é nada estraño.
Propósitos para o 2007? comezar a coidar os detalles.