Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

30.5.06

Escusas de mal pagador?



Rodríguez pediu explicacións e Caffarell deunas. O 17 de maio todo pareceu confabularse en contra das Letras: que se o Estatut dá moito xogo, que se na Audiencia Nacional hai traballo arreo, que se os atracos nos chaleciños dos ricos van a máis, que se Bush envía máis soldados, que se Evo Morales nos quita o sono... e sobre todo Rodríguez, que o Barça se xogaba a Champions!!!!

27.5.06

MarisolGATE



Omouchoasexante dispón dos documentos, dos “pelos da burra” que diría certo xornalista deportivo: o escrito da lectora Olga Novo no que expón a descrición do lectorado en Rennes e as actividades que desde el se levaban a cabo e os textos dos dous correos electrónicos, inzados de incorreccións lingüísticas, cos que a Marisol’people (en concreto un tal Toño) leva a cabo unha inaudita forma de despedimento ou non renovación.
- Escrito de Olga Novo
- Correo primeiro e correo segundo
- Escrito de Olga Novo no Galicia hoxe

Á mente vénme aquela ladaíña de INCOMPETENCIA, LARALALALALA INCOMPETENCIA...

26.5.06

Fartura galaica









Galicia está claro é o país da fartura e dos excesos: pratos e fontes cheos nas festas, bombas de palenque a eito en honra do patrón e orquestras das melloriñas en calquera aldea por pequena e despoboada que estea, que o patrón non pode quedar sen romaría... Isto no terreo folclórico-festivo, mais nas infraestruturas e dotacións a situación é cuspidiña: sete grandes cidades recoñecidas como tal por lei e unha cidade da cultura faraónica en facéndose; tres aeroportos; tres universidades e sete campus; nove cámaras de comercio; dous portos exteriores en construción (ben preto un do outro por certo) e a cousa promete que o futuro-agardado-desexado-prometido AVE ha ter tantas paradas como antollos e perrenchas collan os alcaldes respectivos...

O caso é que á lingua galega tamén chegou esta moda: anos e anos insistíndolle á Voz que dispuxese de versión galega e xa a hai... pero non unha, dúas, DÚAS versións en lingua patria!!!!! grazas a cadanseu tradutor automático...
E xa logo todos somos novos ricos!!!!!

25.5.06

Caída libre



Ser un paracaidista nunha universidade e toparte impedimentos no teu voo non é agradable. Comprobar que non hai un plan de voos definido resulta frustrante. Ver que viaxas nunha nave da que non compartes o rumbo marcado polos seus responsables é desalentador. Toparte con que os que che subministran o teu precario equipamento para a aventura non están do teu lado roza a traizón.

23.5.06

Portada curiosa



A fotografía que vai na portada dun xornal adoita ter a súa importancia. Adóitase buscar chamar a atención e o titular principal adoita, tamén, ir en consonancia. Se isto non é así é que algo buscaba o responsable do peche da edición (o posto en La Razón está moi disputado). En vésperas das Letras, o Galicia hoxe obsequiábanos cun Quintana obtendo un condón dunha máquina expendedora, mentres que o titular principal facía referencia ás galescolas que o seu departamento abandeira.
Alguén lle ve relación?

22.5.06

Convocatoria


Asinamos o xustificante de recepción e damos conta do seguinte aviso:

Creo que este non é o lugar mais apropiado, mais colo aquí a invitación para o autor deste blog e para os blogueiros en xeral:Desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra organizamos, para o martes 23 de Maio,ás 16:15, a Resaca das Letras 2006 [RdL06], unha xornada na que buscamos reivindicar a web galega. Queremos convidarvos a asistir, xa que o interese está asegurado ao falaren Amador Loureiro (dorfun), Berto Yáñez (chuza, aduaneiros), María Yáñez (Vieiros, todonada), Carlos Santiago (Arredemo), Marcus Fernández (codigocero) e Luis Álvarez Pousa (Tempos Novos).Tamén agradeceriamos que puxesedes unha nota nos vosos blogs a cerca do evento, xa que da asistencia dependerá a continuidade do certame en anos vindeiros.Un saúdo a animádevos a vir a Pontevedra este martes!Para calquera cousa: resaka06@gmail.com , e enviaremosvos o material das xornadas.

Bipolaridade


Os colegas de culturagalega.org confirmárono hai unhas semanas: o termo Galicia aparece vinculado co oficialismo, coas institucións e nomeadamente co turismo (ante todo que os turistas non se vaian para a Galicia polaca) e Galiza pola súa banda ao asociacionismo, aos movementos civís e ao folk.
Mudarán as tornas nun par de anos? Seguiremos ao asexo, por de pronto quen nos ía dicir que a dualidade ía ser obxecto de chistes e grazas na mesmísima TVG e polo incombustible Morris? Ou que pasaría hai uns meses se unha presentadora de informativos lucise unha camisola co lema Regaliza?

18.5.06

A resaca do 17



Apuntamentos breves dun longo día:
1. traxe folclórico regulamentario para os xornais galegos (enténdase as portadas) e agasallos e especiais deses mesmos xornais (a novidade deste ano: unha camisola);
2. a A-9 volver ver desfilar GZs polas súas peaxes; nada comparable, por suposto, a aquel histórico 1 de decembro de 2002, pero dá gusto ver que a capacidade de mobilización é unha realidade e motivo de orgullo
3. mentres ao norte o concello coruñés se desvirgaba nisto das celebracións e abandonaba a indiferenza pola hipocrisía, ao sur, na cidade máis poboada de Galicia todo o pouco (ou moito) que se fai co gallo das letras parte dos movementos veciñais e de base (o concello corinés non fixo ren);
4. en debatendo sobre se o 17 debe ser ou non festivo, moitos colexios camuflan o debate collendo libres os dous días que a normativa lles permite. Conclusión: na semana das letras, colexios pechados e media semana branca. Celebración oficial o día 12 de maio. Á par este moucho viu onte até dous electricistas a traballaren, un escaiolista amañando un local comercial, axencias de lotarías abertas; repensemos isto do día festivo.
5. mentres uns seguen coa harmonía, o harmonioso e o harmónico nos seus beizos, a leria sobre o deber ou non deber promete ser o sarillo en que andaremos envoltos nos próximos meses
6. o día péchase cunha Champions do Barça, un pobo orgulloso berra o seu himno en pleno pulmón de Francia, a megafonía do estadio tamén falaba catalán... eles non teñen día das letras; certamente non parecen precisalo moito.

17.5.06

Galegolandia en PDF


Omouchoasexante súmase a esta festa de especiais e páxinas extra, acende o microondas e mais as rotativas do Acrobat e dende aquí ofrece o seu volume número 1:
- moitas cousas ditas;
- un editorial;
- e unha entrevista imposible e apócrifa a un number one das letras galegas actuais, tes curiosidade en saber quen é? preme aquí.

E marchando mil primaveras máis!!!!!!!

Día das lerias galegas


Outro 17 de maio máis: haberá algo que nos sorprenda? Algo diferente respecto doutros 17-Ms maio? Non sei, non sei... malo cando dun día xa se saben os seus actores, os seus tópicos, cando o horizonte de expectativas (que diría un Arturo Casas) presenta un limiar xa coñecido: declaracións oficiais, portadas dos xornais en galego, suplementos especiais, programación televisiva tamén especial, manifestación correspondente etecé etecé
O día 17 é o da anestesia colectiva coa que todos contribuímos...
Sáense do guión este ano as galescolas do Quin, o mancomun.org de Industria e a súa tradución do OpenOffice e pouco máis

15.5.06

Poxa lingüística


Que Educación fala dunha ducia de centros coa primaria en galego, pois Vicepresidencia fala dun cento de "galescolas" para os máis cativiños... isto de ter dúas políticas lingüísticas vai resultar un choio, en menos dun ano xa nos dá para facer dúas listas: a PL e a PL' prima que diría un matemático...
Que siga a poxa!!!!!

Á rúa con entrevistador!!!!


No caso de Montse Irago toda a vida que fallou a entrevista, o encargado dela tamén debe ser despedido...
Este moucho sabe de casos en que na entrevista falar galego é sumar papeletas para que non che collan...
O entrevistador, á rúa con el...!!!!!

10.5.06

Unha OPE hostil


Pasou un tanto desapercibido pero na primeira oferta pública de emprego do bipartito (DOG do 28 de abril) non se albiscan lingüistas, hai enxeñeiros moitos, algún arquivista e até legoeiros, pero linguistas ningún; quen agardara outra cousa pecou de optimista e exerceu de inxenuo. Iso si: segundo a Secretaría Xeral de Política Lingüística a Administración (xunto co ensino) segue a ser unha prioridade.
Conseguilo, é o obxectivo; conseguilo sen persoal, o milagre.

9.5.06

Lumeeeeee!!!!!!!!


Da letra de Pedro Feijoo, produtor musical e baixo de Lamatumbá, no seu libro ¡Viva o Fu Remol! este moucho sabe de curiosidades lingüísticas ben boas: ao parecer coa eclosión no seu momento da banda de Toñito de Poi Galicia enteira inzouse de grupos musicais que cantaban os seus temas con seseo e gheada facendo tremer as pedras de Mazarelos onde sisudamente se puxeron os marcos das isoglosas do galego.
Outra máis, esta do español, pero é ben curiosa: canturreaches algunha vez a Mecano? canturreaches esa de “y tu contestastes que no”? repararas na cagada lingüística?
E por último unhas sisudas palabras que non só aplicables aos furremoleiros principiantes: “O galego é un idioma coma calquera outro [...] que, ademais de ser noso, tamén ten unha serie de condicións propias, como o acento, pronuncia ou gramática”.
Un, dous, tres responda outra vez: colectivos aos que lles son aplicables estas palabras? aos políticos, aos presentadores de televisión, ás azafatas de congresos que falan galego cando hai congreso, ás escasas dependentas do Corte Inglés que falan galego, ao funcionariado, etc.

5.5.06

2x1




Anos e anos reclamando que a política lingüística neste país dependera de Presidencia, anos e anos insistindo en que non debía ser un reducto exclusivo de Educación e os desexos foron concedidos, anos e anos reclamando transversalidade na acción normalizadora e os desexos están aínda por conceder... Porque ninguén dixo que a transversalidade consistise en dispor de máis dun órgano promotor de políticas lingüísticas. O Bloque reivindica o non concedido (conseguido? solicitado?) no pacto de goberno e camufla nunha secretaría xeral campañas a prol da lingua.
Aplícase a estratexia comercial dos supermercados: dous polo prezo de un.
Os que pensan que hai dous gobernos tamén atopan na lingua argumentos...

4.5.06

O mp3 de Rosalía



Pois bendito 2x1, mentres á secretaria xeral de política lingüística se lle reprocha (non sen razón) que se limiten a engadirlle unhas páxinas PDF á mesma obra que todos os anos se requenta e á que se lle agregan escolmas do autor agraciado anualmente, dende a consellaría de Industria preséntase un portal con cousas novas, cousas distintas, cousas atractivas, cousas modernas... e seica contra o día 17 haberá novidades, estaremos ao asexo

Marisol, Emilio, deixade o casete e pasádevos ao mp3, cuestión de formatos

2.5.06

E o golpe de efecto chegou...


Nestas estabamos cando a Consellaría de Educación nos sorprende cun plan piloto que crea unha liña educativa integramente en galego... pois que cunda o exemplo, polo de agora en El País e no ABC xa lles deu que falar...