Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.3.06

Cuestión de repertorio


Pasan as semanas, pasan os meses e a sensación de que nada mudou no camiñar da política lingüística deste país vaise acrecentando... As mesmas subvencións, os mesmos cursos, practicamente os mesmos xestores... e viaxes, iso si, moitas viaxes. A política lingüística galega parece estar de xira, de gala en gala, como se dunha orquestra en pleno verán se tratase. Os mouchos asiduos ás verbenas sabemos que as orquestras de máis sona e que atraen a máis xente non son aquelas que meten máis ruído, nin tampouco aquelas que abusan dos pasodobres e temas xa sabidos. Cómpre anovar o repertorio, cambiar os músicos, experimentar outras melodías... e volver traer a ilusión ao campo da festa.

30.3.06

Novo chequeo á lingua (II)


Aos estudos sociolingüísticos podéselles aplicar aquilo de que valen máis polo que calan que polo que din. Adoita haber neles moita atonía, moitas realidades facilmente contrastables no día a día (alguén non apreciara acaso o do galego nas forzas armada ou na xustiza? por poñer un exemplo), polo que é nos tiles onde merece deitar a vista.

Ocorre que no caso galego os tiles son máis ben poucos, velaquí algúns: ao parecer os monolingües en galego parecen recuperar falantes na xeración máis nova, pero ao parecer, tamén, descende o número de bilingües con predominio en galego e ao mesmo tempo seica os inmigrantes declaran escribir e ler en galego nunha media moi parecida aos nados en Galicia (sic!).

Pouco máis, fabas contadas... corremos o risco de quedarnos se acentos e volvérmonos todos átonos.

29.3.06

Novo chequeo á lingua



Había unanimidade en que co Mapa Sociolingüístico de Galicia a do galego se convertera na situación sociolingüística mellor coñecida, controlada e estudada. Unha ducia de anos despois, da man do Consello da Cultura Galega, obtemos unha posta ao día do chequeo á lingua, unha nova toma da temperatura e das constantes vitais.
Xeneralizando, en termos médicos a situación parece estable, haberá quen vexa repuntes para a esperanza e outros que vexan un ritmo cardíaco e un encefalograma constantes. O que non se discute é que a ventilación asistida da normalización lingüística segue sendo necesaria: o paciente non se vale por si mesmo.
O que tampouco se discute é que por análises, tomas de mostras, chequeos, medicións, pesaxes, peritaxes e demais probas de control e valoración non vai quedar...

Outra máis de cartos


A Mesa atinou na campaña: xuntar nóminas e dicirlles aos bancos e caixas que se galeguizan os seus servizos poderán administralas. Non se piden cacerolas, xogos de sabas, edredóns nórdicos nin fins de semanas en casas de turismo rural, só respecto e garantía de dereitos lingüísticos.
Segundo A Mesa xuntáronse uns 18 millóns de euros, cifra que non dá para espallar polo país ikastoliñas á galega ou botar a andar xornais, pero nada desprezable e que pode abrir unha vía nova para explorar noutros ámbitos.

Sería útil retomar a idea, tamén d’A Mesa, de crear unha guía do sector servizos dispoñibles en galego ou que proxectos en rede como Avaliaxe dispuxeran dunha maior orde e sentido e non acabasen sendo un revoltallo onde é posible atopar unha caixa de aforros xunto ao bar da esquina.

26.3.06

Novos aires


Pouco ten que ver coa lingua, pero a imaxe do mástil que sostiña o bandeirón rojoygualdo rachado polo vento confirma que o vazquismo queda atrás. O deus Eolo quixo brindarnos a imaxe que todo cambio necesita.
Co mástil polo chan e as declaracións de Losada dicindo que non pretende continuar coa guerra do topónimo, este moucho só pode pensar que novos aires, nunca mellor dito, teñen que chegar á cidade herculina...

25.3.06

A vaquiña polo que val


E é que os cartos son os cartos e non hai outra. A Consellaría de Industria advirte ao Concello da Coruña de que ou mudamos vellos vicios e rachamos co vazquismo lingüístico, ou a billa das axudas á promoción turística minguará o seu caudal...
Ben feito tocar onde máis doe, na carteira.
Se na Coruña ninguén é forasteiro, non é sen tempo que os galegofalantes comecemos a deixar de sentirnos tal...

Reintegracionismo horario


Por Galiza os fusos horarios parecen torcerse como se dunha isoglosa dialectal se tratase. Ocorre cada vez que lle hai que andar na rodiña ao reloxio: acordámonos de que estamos na mesma franxa horaria que os irmáns portugueses e que isto de mudar a hora non nos acaba de convencer. Xorde o reintegracionismo horario, máis tenue que o lingüístico, pero reintegracionismo á fin e ao cabo. Parece o noso sino...

18.3.06

Aí quedaches...


Atención, pregunta: Que teñen en común Barreiro Rivas, Anxo Guerreiro, Celso Currás ou Xerardo Estévez? Pois que ocupan as beiravías da política galega dende hai máis ou menos tempo... pero, comparten algo máis?? Pois que non só eles ficaron aparcados polas urnas ou polos seus propios partidos, senón que a lingua galega tamén quedou aparcada cando o seu contaquilómetros político se deteu e a prensa galega os reciclou como cronistas-colaboradores habituais... Agoran enfían o castelán e o galego permanece neles pairado na beiravía, co freo de man botado e as luces de emerxencia postas...

Galegochorantes


Non me gusta relacionar a morte coas linguas calquera que sexa esta, dáme certos arrepíos, polo que non me acaban de convencer estas campañas que garanten testamentos, lápidas e enterros en galego. Non é que non fagan faltan, pero son un caso curioso de planificación lingüística post mortem do falante.
Atraéme máis a idea de traballar e pular pola lingua daquel que ten toda a vida por diante que a de quen ten toda a eternidade, preferiría trocar últimos alentos por primeiros choros, camposantos por materno-infantís, cregos por matronas.
Se hai nenos que ao nacer os pais xa os fan son socios dun club de fútbol, por que non unha campaña que cree un club de neonatos galegochorantes? Por que non unha que garanta que as primeiras nadegadas que leva un meniño ao nacer sexan en galego?

Os 061 da lingua


Gústame este debuxo do xenial Xaquín Marín. Transmite moito. Cal sería o estado da lingua en universidades, concellos, institucións ou empresas (as menos) sen esas unidades medicalizadas chamadas servizos de normalización lingüística?? Estado crítico? Comatoso? Morte cerebral?
Nalgún SNL xa conseguiron subir o enfermo a planta; noutros o estado é estacionario, as curas en forma de traducións e correccións son constantes, a paciencia e tesón dos facultativos é fundamental e a melloría é lenta; noutros as carencias de medios, as intermitencias do persoal e a falta dun verdadeiro interese simplemente permiten manterlle as constantes vitais e a respiración asistida...

16.3.06

Pirulas varias


Certo catedrático de literatura galega gustaba de alentar aos seus alumnos propóndolles traballos pendentes e sinalándolles recantos do coñecemento virxes. Este moucho colle o modelo e propón que se faga, como se fai con outras linguas, unha obra sobre disparates cometidos coa lingua galega. Posible título: Grallas, borranchos e cintas de vídeo.

Acó van algúns exemplos co que encetalo: a xa clásica definición de carallo como ‘órgano xenial masculino’ do chamado "misal" da RAG, as marabelas que Paula Vázquez gababa nunha noite de luar e esta pirula moi recente que se montaron no xornal de balde Qué!

13.3.06

Sómolo ou non o somos?


A ver que alguén llo explique a este moucho: primeiro foi a Biblioteca Galega 120, logo outra máis pequena de autores galegos que lle deron ao castelán, logo ducias e ducias de volumes do Dicionario Enciclopédico Galego Universal, posteriormente a Biblioteca Galega de Clásicos Universais e agora semanalmente unha enciclopedia escolar chamada A aula na casa.
Ou aquí hai un compadreo entre a Voz e o sector moble galego para enchernos as casas de tomos e máis tomos e as vendas de andeis suban ou non se entende.
Somos ou non somos un mercado?
Seica noutros lares idiomáticos se chegaron a interesar polo éxito dalgunhas das coleccions. Que máis hai que demostrar?
Veña Santiago, para cando o xornal e esquecemos o do Golfiño...?

12.3.06

Non nos entenden, non


Iso é o que di a letra do himno que estes días cumpre anos, pero dende hai tempo que teño as miñas dúbidas. Vaia se nos entenden!! ou senón como se explica que nos medios estatais nunca gasten letriñas subtitulándonos ou voces en off traducíndonos. Hai anos circulaba o chiste preguntando en que se parecía Pujol a un karaoke, mais aos galegos parece que nos negaron a posibilidade de tal brincadeira. Dá igual que sexa pola radio ou pola tele e nos xornais xa nin digamos, o panorama é á inversa (véxase, en terras viguesas mírese, o que fai o Faro).
A ver se agora que Touriño xa non aspira tanto os eses vai mudando a cousa...

A que doe...


A campaña institucional en si é un tanto ridícula: agasallar cunhas zapatillas deportivas que sirvan para trotar e trotar rúas á procura dun piso. Pero máis ridículo aínda resulta o nome utilizado: kelifinder, combinación de argot xuvenil desfasado e un anglicismo. Os hispanistas (non confundir cos Hispanitas calzado:-) láianse e xa xurdiron críticas por este uso da linguaxe e certamente razón non lles falta. Igualiño ca cando se reclama que o inglés non invada a publicidade (Fortuna for you, Just do it... e americanadas desas). Historia vella xa sabida: o foráneo resulta máis atractivo.
Episodios así axudarán a que entendan mellor as queixas e demandas que se lanzan desde as "periferias lingüísticas"?? Porque a dor e os danos son os mesmos, ou non?

9.3.06

Goodbye, sir Vázquez, goodbye


Adeus e non volva, fixo sempre o que quixo, obviou sentenzas, insultou a todo un pobo até o último momento... o seu foi a gran perrencha da capitalidade que quixo pagar con todos...
Adeus sir adeus, agora resulta que lle gusta a música, pois acó vai dedicada unha composición que este moucho aprendeu dun bo amigo seu: "Vai, vai que te leve o demo, vai vai que te vai levar..."
Con todo, se cadra no fondo o peor non era vostede, senón todo o mal que fixo e deixa...

3.3.06

Letras e cifras


Recoñezo que me gustaba máis antes cando a informática non o controlaba tanto, cando as fichas eran fichas e non píxeles informáticos, cando aínda había rotulador e pizarra de papel. Era en español daquela e agora xa o temos en galego dentro dese lavado de cara que se está a producir en San Marcos. Falo do Cifras e letras co que este moucho enfía a sesta diaria. Por certo, confirmado: as ciencias e só as ciencias son exactas. Seis por nove van ser sempre cincuenta e catro, aquí, aló, antes e despois,en galego ou en maltés... outra cousa é que esta ou aqueloutra palabra veña neste ou naqueloutro dicionario. Aahh, depende que diría a vella... non si Yolanda??

2.3.06

Cuxos e cuxas


Leo nun libro unha elocuente caracterización do adxectivo relativo cuxo. Di Álex Grijelmo (unha sorte de epígono de Lázaro Carreter) en La punta de la lengua que “muestra en quien lo usa una buena coordinación mental y un armazón sintáctico eficazmente construído”. E no galego anos e anos dándolle voltas e máis voltas ao tema, insistindo en cursos e manuais nos subterfuxios posibles até que chegou a amnistía do 2003 e nesas estamos... recuperando a coordinación e reconstruíndo o desfeito.