Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

25.5.07

Fin de campaña

Remata a campaña e deus vaia con ela. Linguisticamente xa o Galicia hoxe se encargou de retratar os líderes hai uns días. Creo lembrar que un 6 para Quintana, un cinco para Touriño e un catro para Feijoo. Polo demais pouca presenza da lingua galega nos programas. O galego non dá votos ou cando menos non os atrae (o galego en todo substitúese nalgúns casos polo inglés para todos). Co urbanismo na boca de todos moita confusión entre solo e chan ao tempo que un descobre que o pleonasmo pór en valor cotiza en alza e promete chegar lonxe.
E o domingo, á noitiña, cos resultados quentes a facer todos xogos de lingua para disimular a derrota, engrandecer a media vitoria, facer comparanzas beneficiosas... Ninguén parecerá que perdeu. Todos parecerá que gañaron.

23.5.07

Adverbio máis


Seguimos en campaña: gústame o lema dos socialistas. Gústame porque os define ben. É ambiguo coma eles. "Faremos máis" tanto lles serve para aqueles concellos nos que gobernan e aspiran a seguir facéndoo, aqueles concellos nos que cogobernan e aspiran a facer máis ca o seu socio e para aqueles nos que non cheiraron o bastón de mando pero aspiran a collelo.

Un exemplo do que dá de si a linguaxe.

22.5.07

Tanto querer, tanto querer...


Seguimos en campaña: tócache Feijoo. Dicías a semana pasada co gallo das letras que á lingua galega había que quererlle e non impoñela. Mira ho, sen entrar xa nisto último, eu quérolle á miña parella, a meus pais, a meu irmán, aos meus amigos, a algún veciño, á panadeira que lle me bota pouca cebola ás empanadas que lle encargo e pouco máis... Á lingua o que se di quererlle, quererlle... á lingua quéroa que é distinto. Quéroa para usala, para me comunicar, para vivir nela, para quererlle a todas esas persoas que che dixen antes. Pillas a diferenza? Pois iso.

21.5.07

Que Galicia vivirá en que...??


O moucho entra en campaña e quen sabe se de aquí ao domingo aínda hai tempo de deitar unhas cantas olladas repartidiñas. Comecemos polo Partido Galeguista que compaxina esta imaxe dispoñible no seu web con un candidato como Carlos Marcos, do que xa temos falado, que ten un web que entra por defecto en castelán, cunha enquisa que pregunta sobre en que lingua deberían expresarse os organismos públicos da cidade (enquisa na que se pode participar, pero da que non se saben os resultados) e que lle agocha o artigo lexítimo ao topónimo.

Unha estraña mestura nun estraño partido: Estratexia electoral, renuncia á hipocrisia moi propia destas datas, mala conciencia e boa dose de localismo.

20.5.07

O ele máis caro do mundo



O ele máis caro do mundo. O ele da vergonza.

A pequena Marta


E Marta, saberá Marta falar galego?

18.5.07

Linguas cruzadas


Unha obra sociolingüística imprescindible. Debería distribuírse en dvd, substituír nos andeis os tres volumes do mapa sociolingüístico e poñelo ao pé do volume O galego segundo a mocidade pois vén sendo a súa banda sonora.
Este moucho quédase coa frase coa que remata: "Eu creo simplemente que os pais llo falen aos fillos".

16.5.07

Unha precisión


Olliño que o de fedellar no bUSCatermos é libre até finais de mes ehh!!!! non vaiades pensar... Talmente coma cando a plus tiña un detalle no Nadal cos non aboados.

15.5.07

O bUSCatermos en aberto!!


A fedellar toca!!!! (agora que está tan de moda) o bUSCatermos en aberto!!! acabouse o codificado, acabouse o de adquirir as chaves de acceso no mercado negro!!!! se a semana das letras vai traer tan boas novas coma esta, este moucho apúntase para aplaudir e felicitar os responsables.
(por certo, isto que quede entre nós, boa nova: mañá quedará un día menos para que a ansiada, prometida, anhelada e arquipublicitada base terminolóxica do Termigal estea en rede). Pero xa vos digo, é un segredo, pico calado!!!

13.5.07

Inimigos


Pois claro que hai moitos inimigos señor Barreiro e o peor, se cadra, é que non todos son tan coñecidos como o Vázquez ou o Juncal, senón persoas anónimas, coñecidas unicamente nas súas casas á hora de xantar. Téñoo dito máis veces, nunca crin niso das actitudes espléndidas cara ao galego. A indiferenza pode agochar hostilidade e a esta pode serlle máis rendible aparentar indiferenza.

12.5.07

Paralelismos


Ao mellor para algúns é mesturar allos con cebolas, mais cando vexo esta campaña de Medio Rural non podo deixar de lembrarme das que se fan para a lingua e establecer paralelismos...

3.5.07

Adeus manifa, adeus!


Un clásico da axenda de todos os anos que cae, que desaparece. A Mesa deixa de convocar a manifestación xeral do día das letras e diversifica as súas accións polas comarcas galegas. Realmente a decisión parece atinada. As manifestacións convertéranse no punto de encontro dos de sempre. Un bo momento para organizar xantares, ver como medran os mouchiños dos amigos ou ver como leva as opos aquel colega teu da facultade, mais era difícil ver o veciño do quinto, ou esa señora que sempre topas na panadaría á mesma hora, ou aquel fontaneiro que por amañar unha billa che limpou 35 euros, ou esa moza feituca dos pantalóns verdes que ves suar no ximnasio todos os mércores. Non nos enganemos: eramos sempre, os mesmos de sempre!!


Mágoa que seguramente se reuniramos todos os lemas destes anos, todos eles seguirían aínda vixentes. Con todo, un bo xeito de comezar a repensar o día 17, A Mesa xa o fixo, tócalle a outros facer o mesmo.

1.5.07

Dereitos lingüísticos


Vía Agal este moucho coñece o informe sobre a situación dos dereitos lingüísticos en Euskal Herria e en parte leva sorpresas. Quizais porque estamos afeitos á queixarnos e pensar que outros territorios son paraísos lingüísticos, mais non. A cousa non só pinta mal nesta fisterra europea. En Euskal Herria os ertzainas cometen atropelos, a televisión pública inza os programas de opinións en castelán, aos médicos esgótalles falar e pensar en éuscaro e as operadoras de telefonía tamén comunican cando se lles require a atención na lingua propia. Paradoxal situación cando aló teñen polícia de seu, operadora móbil de seu e un forte sector privado que mesmo aquí suscita admiración e serve de modelo (ex.: Eroski).
Crucial para este e outros informes (mágoa que este último aínda non estea traducido) a alerta permanente e atenta da sociedade civil e o labor dun observatorio de dereitos lingüísticos (Behatokia) que xa conta un lustro de historia. O observatorio galego xa cumpriu o seu primeiro ano e velaí está, deámoslle uso!!!!!