Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

27.4.06

Golpe de efecto



Salario da liberdade, derogación do programa Labora, remodelación da bolsa de algueiro, axudas ás familias para mercar ordenadores, loita preventiva contra os incendios xa desde a primavera, paralización da Cidade da Cultura, supresión de peaxes, creación das seleccións galegas, diálogo cos sindicatos... o novo goberno, tanto os da rosa coma os da estrela, en poucos meses buscou golpes de efecto en moitas das súas áreas de traballo. Cumpría facer patente e ben visible o cambio, crear novos termos, levar a cabo novas medidas, fornecer de titulares aos medios...

Este moucho espera con ansias ese golpe de efecto no terreo da lingua, devece porque chegue o día en que sexa presentado e polo que está a tardar a cousa promete... por que... estar o que se di a estar, estase a preparar algo, non si??

Porta pechada


A mesa do Parlamento Europeo pechou as portas, que iso das linguas minoritarias dá moito traballo, que se recoñecen todos os dereitos que se queiran... pero o de pólos en práctica xa é outro cantar...

Empurraron a porta e botaron o candado os de sempre...

25.4.06

Axudemos a Ibarra


Ibarra quedou sen escudeiros. Foise Bono, foise Vázquez pero el segue de cabaleiro andante, errante, senlleiro. Ibarrá está mal, precisa axuda: ve castelos onde non hai nin tan sequera muíños de vento, ve delirios de grandeza nos demais, sinala imperios no horizonte, ataca, perde as formas, móstrase violento incluso cos seus...

Ibarra perdeu o rumbo, axudemos a Ibarra.

24.4.06

Suicidio colectivo


Empresarios da área de Vigo e Porto reúnense no sur de Galicia para o troco de experiencias. Na mesa de traballo carteliños tipo “Mueble y madera” identifican os distintos sectores. Os empresarios lusos saen da reunión falando castelán o mellor que saben.

Días antes un obreiro portugués avaliaba a crise económica do seu país sentenciando que o mellor que lle podía pasar a Portugal era a súa absorción por España (sic).

Así as cousas, parece que en algo lle levamos a dianteira a Portugal....

21.4.06

NORMAlización


Nai e fillo duns seis anos viaxan en bus. Xogan ás palabras encadenadas en castelán. A nai de súpeto sae do paso coa palabra orballo. O neno pide explicacións. A nai explícalle en castelán que é unha palabra válida, que existe. Segue o xogo.
Quilómetros adiante a nai fala co pai por móbil en galego.
Quilómetros adiante o neno ve a pintada “Outro mundo é posíbel”. Non entende o posibel que el le como palabra aguda e que di ter xa visto máis veces. A nai muda de tema. Eis un exemplo práctico do que persegue a normalización lingüística.
Irene Lozano autora dun libro e receptora dun premio veu hai uns meses a Galicia e dixo non entender o concepto. Irene Lozano non viaxaba nese autobús.Normalización do susbtantivo norma; normalización do adxectivo normal, así me lo aprendí yo...

20.4.06

Insistencia machacona

Di o web da Xunta que "Administración e Educación son as principais prioridades da actuación de Política Lingüística para este ano"; é que neste país non hai empresa, industria, colexios profesionais, investigación científica, etc. etc.? Todo ten que pasar polos colexios, institutos e edificios administrativos...?

O dito, cuestión de repertorio...

Onde vas comparar


O catalán non é lingua oficial nin de traballo na Unión Europea mais si curiosamente na Champions League. Os seareiros culés alá onde se desprazan son recibidos, informados e despedidos polas megafonías dos estadios en catalán. Ocorre en San Siro, Highbury, Anfield e demais campos... (seguramente eses mesmos seareiros en calquera estadio da Liga española ou nunha final de Copa no Bernabeu non recibirían o mesmo trato, mais ese é outro tema...). Paralelamente os xogadores cataláns do Barça xa son pronunciados á catalana (caso de Oleguer).

Mentres por acó o Deportivo segue lucindo un escudo a lo Masiel, os que non somos futbolistas pero si temos nome galego volvémonos louros para que non nos traduzan o nome e pedir un zume de péxego en certos sitios é todo un risco...

Certo: as comparanzas son odiosas.

19.4.06

Recorte xustificado



Quen lle ía dicir a Bieito Lobeira e Paco Rodríguez que collerían algún día o revezo nunha iniciativa que xa no seu día levara adiante o mesmísimo Cela turrando por quitar do dicionario académico a acepción de ‘bruto’. E é que andan os do Bloque queréndolle meter man ao dicionario da RAE. A magna institución restaura na súa última edición acepcións que nos equiparan aos tatexos e aos parvos e desvían o ollar cara a Costa Rica e San Salvador.
Non se entende que se os dicionarios evolucionan a canda as sociedades (ninguén definiría hoxe muller como ‘femia do home’ como se ten feito, mesmo no galego), se o que se tende é a actualizar grafías, acepcións e usos, a estas alturas recuperemos vicios doutrora.
Se cadra excesivo celo do(s) correspondente(s) académico(s) de alá da América do Sur, mais o que xa non ten perdón é que o lexicografo de garda situé a definición de galego como lingua romance na oitava acepción...

18.4.06

Sorprendente-surpreendente



Chégame un correo anunciándome que o buque insignia da lexicografía galega en norma AGAL, é dicir o Estraviz, está dispoñible en norma ILG-RAG!!!!! Non dou creto, acudo rápido a comprobalo e a sorpresa inicial é matizable. Non é que se maquillara toda a obra palabra por palabra, senón que a través dun programiña interno que actúa de trasno é posible que inserindo na caixa de texto voces como canción ou favorable se obteña "espellada" a correspondente cançom e favorábel.

Cousa curiosa... non si?

17.4.06

Tarde piaches!!!!!

A lingua galega chega tarde ao enciclopedismo. Cando nos oitenta era moi común recibir a visita de comerciais ofrecendo o último en enciclopedias e consultores didácticos, para o galego aínda se estaban a facer os primeiros dicionarios minimamente metodolóxicos.
Agora que o galego xa dispón da súa enciclopedia universal, segue habendo comerciais, pero de tarifas planas, paquetes de telefonía e televisión dixital, Google cómelle as papas a Larousse e a enciclopedia de cabeceira chámase internet...
Menos mal que na wikipedia damos a talla...

11.4.06

Houbo debate...



Pensei que os programadores da TVG agardarían ás proximidades do 17 de maio e se cadra por iso faltaban os primeiros espadas (por que se para falar da cota leiteira acode o conselleiro Suárez Canal, para falar de temas lingüísticos non fai o mesmo a máxima responsable? u-la secretaria xeral?).
Un tal Raúl Vilas de Libertad Digital, malencarado no falar e chulesco no estar, confirma que o jardonismo segue vivo: ao rapaz non lle chega que as canles en español se multipliquen progresivamente, senón que tamén a TVG debe emitir en castelán que para iso fai a declaración da renda todos os anos; próelle, vaille mal que os parlamentarios galegos usen única e exclusivamente o galego (nas trincheiras de enfronte tamén andan escasos do repertorio e comezan a repetirse).
Outro apuntamento: seica como non andamos a ostias, non hai conflicto lingüístico. A ver se a solución pasa por chamar ao 061 ou a atestados para que levanten parte cada vez que os galegofalantes non sintamos agraviados e se produza un "choque lingüistico"?

10.4.06

... e un observatorio

E pola súa banda A Mesa contraprograma coa creación dun observatorio para os dereitos lingüísticos. O dito por chequeos, mostraxes e análises diciamos uns días que non vai ser, por observadores e facultativos que estean á espreita tampouco...

Unha comisión...

Non me gusta o nome de comisión, non polas reminiscencias pecunarias que poida ter (e máis coa que está caendo aló por Marbella), pero non me gusta... Soa tamén a investigación, a depuración de responsabilidades, a documentos clasificados. Seica agora vai haber unha que siga a evolución e marcha do Plan Xeral de Normalización e a verdade é que visto o visto até o de agora traballo, o que se di traballo non vai ter moito... Se o Plan fose un coche non faría falta mercar radares para controlar a súa velocidade de aplicación, nin tampouco cumpriría pasarlle a ITV porque non foron moitas as medidas que se levan gastado...

Outrora, na era fraguiana, xa houbera unha comisión de nome moi parecido, chamábase Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística; si, si hóuboa, existiu, foi real, dos seus papeis non se sabe ren...

7.4.06

Galiza sae do armario


Xa toca moqueta, xa reside en despachos de San Caetano, xa viaxa en coche oficial, xa dá nome a accións e actuacións do goberno. Véxase o Galiza Suma ou xuventudegaliza.net. Se algo trouxo o bipartito, ou mellor dito a presenza do Bloque nel, é que o termo Galiza é máis visible e deixa de ser exclusivo de lecturas nacionalistas e de colectivos afíns.

Queda agora o máis difícil: explicarlle a xente por que se os topónimos galegos teñen como única forma oficial a galega, como é que o nome do país non ten unha única forma. Algo se fixo mal cando a Academia abriu a porta do armario, a chave quizais pasaba polo DOG en forma de decreto ou algo, A ocasión pode estar cando na reforma do Estatuto, pero a este moucho non hai quen lle quite da cabeza que algo se fixo mal...
Por certo: hai dous gobernos e un país, ou dous países e un goberno?
Por certo (bis): por que non houbo a mesma decisión coas camisolas da selección? por que Touriño estaba no palco se cadra?

4.4.06

O espírito Jardón...


...segue vivo, de cando en vez os Alejo Vidal-Quadras, Calazas e compañía encárganse de mantelo vivo, de resucitalo nos seus mellores momentos e de lembrarnos que vivimos en recantos peninsulares onde hostes hostís e radicais impoñen as súas linguas. Un que se suma á lista é un tal Alfredo Aycart que denuncia no ABC (bo sitio para facelo hai que recoñecelo) que o botaron da Radio Galega por non falar galego e que os Touriño's boys impoñen o galego nas oposicións e que Callón xa manda neste país tanto coma eles, e que el non ten nada en contra do galego, e que........blablablabla

3.4.06

Unha Xunta sen consellarías


Así é, a Xunta de Galicia non ten nin unha soa consellaría, como o len, son todas consellerías, algunhas novas, creadas canda o cambio de réxime e outras vellas que manteñen o mesmo nome de principio a fin ca antes, pero todas consellerías...
Cando se produciu a reformiña ortográfica e se comezaron a visualizar os cambios (caso do Sergas) resultaba estraño ver que nada cambiaba na denominación das carteiras do executivo, dicíase daquela que Pita exercendo de boss se opuña, que impedía tal cambio...
Pita marchou ou, mellor dito, xa non está onde estaba, mais nada mudou co decreto 211/2005: mudaron denominacións pero perpetuouse innecesariamente o descritor...
Outra ocasión perdida para á colección...

1.4.06

XXX


Andan na Arousa estes días coa súa peculiar "(fin de) semana verde", moi ao estilo da de Silleda: postos de exposición, demostracións prácticas e en vivo, e carne, seica moita carne... Ao parecer xa se deron os primeiros pasos e xa se conta algunha produción propia porno feita por estes lares e mesmo se escoita que se está preto de inaugurar o porno en lingua galega... por riqueza e variedade de eufemismos na lingua non será...

Unha vez escoitei que o galego estaría plenamente normalizado cando, entre outras cousas, houbese películas porno en tal lingua, será certa esa previsión?? O PXNL non di nada ao respecto :-)