Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

27.9.06

Máis de tradución automática


O andazo de tradutores automáticos segue en auxe: o acordo entre a SXPL e o Instituto Cervantes comeza a dar froitos e un xa non sabe exactamente cantos tradutores automáticos hai neste país, en Cataluña tampouco son alleos a el e a Generalitat "contraataca" co seu que coma sempre parece máis guapo, máis alto e máis rico...
eu traduzo
ti traduces
a máquina traduce
nós traducimos
vós traducides
as máquinas traducen

25.9.06

A Galega: e ti en que número a tes do mando?


O de mudarlle o nome á Televisión de Galicia e reducilo en A Galega é un caso curioso de como a denominación popular se acaba impoñendo e é recollida para dar nome oficial. Algo así como se o Barcelona se pasase a chamar oficialmente Barça, Torrespaña aparecese nos papeis como "O Piruli" ou a Igrexa incluíse no santoral A Moreneta no canto da virxe de Montserrat. Por suposto nin se pensou en lle chamar "telegaita" como moita xente lle chama despectivamente, mais se o cambio chega a ser noutrora quizais entraría en lide tamén a denominación d'A Terceira, que é outra tamén moi estendida. Ocorre que a estas alturas do panorama audiovisual, os números do mando xa están moi solicitados (mesmo Localia ten unha promo para ser ela a que ocupe o número oito). Pero agora que se me ocorre, ti en que número do mando tes A Galega??
Vexamos a que pode ser unha situación tipo: se aínda hoxe é moi común chamarlle "a terceira" é porque cando apareceu aos fogares galegos só chegaba a TVE-1 e TVE-2 (esta última con dificultades en moitas zonas).
Chegaron as privadas; Telecinco estaba fácil de encadrala e Canal Plus e Antena 3 repartíronse o número catro e seis porque teño a sensación de que a TVG mantivo o tirón da tele de Asensio e seguiu co número 3. Apareceron as locais (xeralmente no 7), logo La Sexta pero sigo pensando que nos máis dos fogares galegos a agora denominada A Galega segue firme no número tres do mando.
Por certo, outro detalle lingüístico: o lema da renomeada canle é "Mira e verás...", que tomen nota no baixo Miño e sur de Pontevedra :-)

22.9.06

Armas de tradución masiva (e II)


Cumpriría unha especie de manual de instrucións de como usar os tradutores automáticos, un manual de precaucións, pois o que sae do tradutor, non nos enganemos, galego galego non é. Todo o que sae dun tradutor automático precisa dun labor de postedición, precisa da man dun lingüista e é curioso que os que agora se apuntan tan dispostos ao da tradución automática seguramente son (ou foron) ben reacios a dispor no seu cadro de persoal dos servizos de especialistas.
Poñer tan abertamente ao dispor da xente ferramentas deste tipo sen ningunha outra explicación, pois non ten por que ser necesariamente bo. Pódese gañar en número de páxinas, pero nun galego que deixa moito que desexar e non todos os efectos teñen por que ser positivos. E este moucho advirte disto pois a Xunta que, todo hai que dicilo, dispón do mellor tradutor (por algo o chegaron a presentar en público até dúas veces) ten intención de abrir o seu emprego ao conxunto do funcionarado. Está por ver como se fará, mais así de entrada xa se me ocorre unha primeira consecuencia e risco: o funcionariado redactará na lingua na que pensa maioritariamente, daranlle ao trebello do tradutor automático e o texto irá como irá...

21.9.06

A Hortensia do 1984


Foi no 84, causara mortos e graves destrozos de modo que aínda hoxe (máis de vinte anos despois) en moitas falas galegas falar de Hortensia é sinónimo de mal tempo, fortes ventos e chuvias... O nome da Hortensia perdurou na fala, este Gordon por sorte será cousa dun día...

20.9.06

Armas de tradución masiva (I)

O da tradución automática comeza a coller unhas trazas que por momentos non me chistan moito. Diciamos hai uns meses que a Voz, a tan deostada Voz, dispuña dun sistema que permitía a tradución do xornal. Daquela tamén Vieiros permitía facer tal cousa co Traduza-G. Se a estes dous lle engadimos o Apertium dispoñible dende a Universidade de Vigo xa temos tres, e tres son tres. Tres versións distintas do mesmo texto, tres versións distintas da mesma páxina.
Cónstame que é empregado en máis xornais, editorias e para traducir páxinas web, polo que xa hai material dabondo para facer unha comparativa e ver o distinto grao de desenvolvemento de cada tradutor. A Voz xa recoñece que o seu está en fase de mellora e dispón dun correo para colaborar no seu perfeccionamento: traduce os textos que xa están en galego, problemas con nomes propios... e mesmo xa hai material dabondo para facer unha recompilación de disparates que as máquinas producen. Vexamos estas tres probas de hai uns días:

Apertium:




A tradución da propia Voz na seguinte ligazón: mi madriña, chégase a falar de fertilizante para a Dama, se se enteran en Elxe escarállannos...




17.9.06

Callón le Galegolandia?


Pois sospeito que si e fai ben, e mellor fai aínda en reclamar o que este moucho denunciaba hai uns días.

16.9.06

Dúas varas de medir


Que pasaría se o Sergas lles esixise aos médicos de fóra de Galicia coñecer o galego? Pois que sería portada en El Mundo, editorial no ABC, La Voz montaría unha enquisa no seu web, a demagoxía cotizaría á alza (lembremos o que pasou na vaga de lumes) e a conselleira tería que saír ao paso e dar explicacións.
Porén, se o mesmo fai o Ministerio de Sanidade con aqueles médicos chegados de fóra que si saben algo de español pero se lles esixe un nivel medio de coñecemento, pois non pasa nada. Apenas é noticia e non se levanta unha voz máis alta ca outra.

15.9.06

O Photoshop de Ánxela: a primeira (e única) consellaría da Xunta


A Consellaría de Cultura e Deporte acaba de estrear web e convértese na primeira e única consellaría da Xunta como tal. Xa non só nos textos, senón porque tamén o logotipo aparece corrixido e coa terminación preferida (-aría), modificando así o establecido no Manual básico de identidade corporativa da Xunta. Aínda vou pensar que os laios deste moucho comezan a escoitarse... falta que se una Industria, Vivenda e Medio Rural e que as consellarías dos da rosa tomen exemplo.

Seguimos sen lingüistas...


Hai uns meses falabamos da primeira oferta pública de emprego do bipartito e laiabámonos da inexistencia de prazas de lingüistas nela. O bipartito botou contas, ampliou a oferta mais os lingüistas seguen missing. E a cousa é curiosa pois o emprego da lingua por parte da Administración, cara a fóra cando menos, é ben alto pero, que este moucho coñeza, haber só hai dous servizos lingüísticos constituídos como tales: o da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais o do Diario Oficial de Galicia. Haberá lingüistas ocultos? lingüistas ocultos nos sotos de San Caetano traballando día e noite coma chineses?

13.9.06

Ligazóns formativas para o señor Feijoo


Señor Feijoo, se todo se reduce a unha cuestión de redacción pensen dende o partido en matricular á señora Faraldo nalgún dos moitos cursos de técnicas de redacción e expresión escrita que hai na nosa lingua. Sen saír da provincia da Coruña pregunten na USC que os organiza dende hai tempo a través do seu SNL e contan xa cunha ampla tradición. Se o que queren é afastar durante unha temporada á devandita señora do aparato coruñes do partido, pois pregunten en Vigo que a súa universidade tamén os organiza.
Se xorden inconvenientes por aquilo de estaren destinados con preferencia á comunidade universitaria, pois vaiánse directamente á privada e pregunten na empresa Tagen Ata, non creo que sexan moito máis caros como para que o partido non poida asumilo. Todo sexa pola fluidez da expresión escrita e a correcta transmisión das ideas, que hai que ver que malentendidos máis tontos se forman ás veces e canto mal pensado hai polo mundo!!!
E se non hai tempo para facer cursos (ben é certo que as municipais están cerca e haberá que ir preparando os programas electorais), pois agasallen a señora cun libro ou manual dos moitos que hai (moi recomendable algo de Cassany ou Martínez de Sousa).
Feito isto, máis adiante falaremos da preparación e disposición dos textos, parágrafos, cuestión de estilo etc. etc. que este moucho viu por aí moita anarquía coas tabulacións e moita maiúscula solta...
De nada, señor Feijoo.

Razóns para o optimismo?


As razóns non son deste moucho senón da RAG e da SXPL, que algo de lingua tamén deben saber. E baséanse no ultimo chequeo feito ao idioma. Fálase de saír do pozo e de ver o vaso medio cheo, pero o adxectivo e adverbio que se utilizan son "lixeiramente" e "moderado". Pois tentaremos ser optimistas daquela, pero se alguén sabe a óptica onde Barreiro e López mercaron os seus lentes pois que o diga... de acordo?
Ah, e anúncianse máis estudos e diagnósticos, que por atencións ao paciente non ha quedar...

11.9.06

Despois do catalán, por que nós non?


Leo en internet que unha das últimas accións de Montilla como ministro foi asinar un convenio cos responsables da política lingüística catalá ben substancioso. Nove millóns de euros para proxectos de moi distinta índole que ligan a lingua coas novas tecnoloxías: tradutores automáticos, dobraxe de películas, proxectos de acollida a inmigrantes... E seica esta non son as únicas axudas, senón que xa houbo outras e máis que se aveciñan (se cadra con el xa como molt honorable)...
Dende logo o convenio en si dá envexa sá e demostra que quen ten poder, ten poder..., pero tamén delata que non se realiza dende o Estado (nin parece haber intención de tal cousa) unha política lingüística global para o conxunto das linguas estatais. Certo que as situacións son diferentes, mais moitos dos proxectos seguramente serían extrapolables e aforraríanse custos... vai sendo hora que dende Madrid se mude o chip e se entenda que política lingüística é algo máis que a tradución dos webs institucionais ás distintas linguas, cousa que nin tan sequera ocorre sempre... e dende logo se co catalán é posible coas demais tamén...

10.9.06

Chamar ou non chamar?


Sigo a darlle voltas ao do anuncio d'A Nosa Terra, estou tentado a chamar: será unha broma? será unha tapadeira para vender algo? (por exemplo a EGU :-) ou, como ben apunta mendinho, será o futuro da lingua nas cidades cando menos?

9.9.06

Galegofalantes solteir@s busco


Ben podería ser o título dunha película non? quen sabe se o audiovisual galego nos sorprende algún día con tal cousa... O tema vén a conto porque leo n'A Nosa Terra desta semana o anuncio por palabras da imaxe. Omito o teléfono porque non é o importante e quen teña verdadeiro interese que merque ANT, aínda que deduzo (atención galegofalantes da zona!!!) que ben podería ser da cidade de Vigo.
Meu deus tan mal están as cousas que xa hai que pór anuncios para atopar xente que fale en galego?? Porque se aínda fose para falar dun tema concreto, pois oe, busca ti a economistas que che expliquen ben ao xeito e sen trabar a lingua o do euríbor ese famoso e saber en que vai dar a túa hipóteca na túa lingua; ou busca ti un astrólogo que che explique o de Plutón e o que vai ser del agora...
E non haberá algo máis detrás do anuncio?? ambiente familiar? xuntanzas mensuais? aberto tanto a donas coma a cabaleiros? ui, ui, ui que aínda hei de chamar e ver en que resulta o conto...

7.9.06

Desenterrar a Lei de normalización lingüística??


Até o de agora neste país os inspectores de educación cando atendían a cuestións lingüísticas adoitaban facelo por un suposto "exceso de galego", pero non nos máis dos casos en que a lexislación lingüística non se cumpría e o mínimo da presenza do galego non se respectaba. Se é certo que esta situación se vai propiciar que mude, benvida sexa pois non é sen tempo, e se o gremio dos inspectores, aos que na súa maioría seica lles hai que dar de comer á parte, comeza a ser máis amable e considerado coasituación lingüística pois benvido sexa tamén.
Claro que en Madrid seguirán emporcando o tema como só eles saben: nun confidencial madrileño chegan a falar de que a Xunta desenterra (sic) a LNL do 1983 e confunden un proxecto curricular de centro cun suposto "plan para potenciar la presencia de la realidad gallega" (tamén sic). Chega a tal a paranoia que se asustan que dende a administración se lles lembre aos centros e profesorado o deber de cumprir a lei! Patético!!!!!
Quizais falan de desenterrar a Lei, porque o certo é que até o de agora a política lingüística levada en Galicia apenas pisaba as cabeceiras e rotativas españolas. Non era noticia porque non se consideraba un problema. A inacción é o que ten. O termo "bilingüismo" en Madrid sabía a gloria e adubado co adxectivo "harmónico" xa era o máximo. Como dixo Antón Losada en menos de 59 segundos, en Madrid certa beira mediática xa ten xoguete novo: chámase bipartito e, ao parecer, unha das súas pezas preferidas vai ser a lingua.
Haberá que estar atentos e co paraugas preparado, pero de dicir que chove nada de nada...

6.9.06

Galego power


O galego loce cada vez máis no peito (ou peitos) e as camisolas feitas no país e con lemas galegos déixanse ver máis polas rúas e non sería de estrañar que deixaran de ser cousa exclusiva de empresas novas e aventureiras, tipo caramuxo, avacalactea ou reizentolo, senón que outras xa instaladas tamén se suban ao carro (veña Amancio anímate!!).
O galego vende ou non vende? o galego pode ser moda ou non?

4.9.06

Cantas fontes!!!!


Xa falamos noutra ollada o contentos que estaban na Hispania por dispor de letra de seu para o ordenador, pois hoxe sobrevoo aduaneirossemfronteiras e tópome co agradable sorpresa de que en Galicia non só hai un único modelo xa feito, senón varios. Para dar envexa... e o bo é que o proxecto é aberto.