Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

7.9.06

Desenterrar a Lei de normalización lingüística??


Até o de agora neste país os inspectores de educación cando atendían a cuestións lingüísticas adoitaban facelo por un suposto "exceso de galego", pero non nos máis dos casos en que a lexislación lingüística non se cumpría e o mínimo da presenza do galego non se respectaba. Se é certo que esta situación se vai propiciar que mude, benvida sexa pois non é sen tempo, e se o gremio dos inspectores, aos que na súa maioría seica lles hai que dar de comer á parte, comeza a ser máis amable e considerado coasituación lingüística pois benvido sexa tamén.
Claro que en Madrid seguirán emporcando o tema como só eles saben: nun confidencial madrileño chegan a falar de que a Xunta desenterra (sic) a LNL do 1983 e confunden un proxecto curricular de centro cun suposto "plan para potenciar la presencia de la realidad gallega" (tamén sic). Chega a tal a paranoia que se asustan que dende a administración se lles lembre aos centros e profesorado o deber de cumprir a lei! Patético!!!!!
Quizais falan de desenterrar a Lei, porque o certo é que até o de agora a política lingüística levada en Galicia apenas pisaba as cabeceiras e rotativas españolas. Non era noticia porque non se consideraba un problema. A inacción é o que ten. O termo "bilingüismo" en Madrid sabía a gloria e adubado co adxectivo "harmónico" xa era o máximo. Como dixo Antón Losada en menos de 59 segundos, en Madrid certa beira mediática xa ten xoguete novo: chámase bipartito e, ao parecer, unha das súas pezas preferidas vai ser a lingua.
Haberá que estar atentos e co paraugas preparado, pero de dicir que chove nada de nada...