Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.7.06

O Nunca Máis resucita


Foi tal o movemento no seu momento que dende hai tempo penso que se pode afirmar que Galiza e a súa lingua aqueles días exportaron un lema: o de NUNCA MÁIS.
Este moucho escoitouno berrar no Camp Nou para botar o daquela presidente Gaspar, as xentes de Aragón usárono para protestar polos asolagamentos do Ebro, foi collidiño da man do "Non á guerra" cando os das Azores fixeron das súas... e agora cando xa parecía esquecido, caído no desuso un pasaxeiro (alemán posiblemente) deulle por facer esta composición e colgala nun mostrador do Prat (así o vin na tele) e tamén na rede.

As dúas palabriñas, adverbios elas, caeron en graza. Axuda o asunto a entender ese valor diferencial que á lingua posúe e que tantos e tantos cegos dentro do país non acaban de ver.

29.7.06

Para pór rubia a moita xente


Alumnos de 23 nacionalidades distintas que dan como resultado 23 acentos galegos distintos. Ese é o balance que se podería facer dos cursos de verán organizados pola RAG e mais o ILG que acaban de rematar. Cónstame que as ganas que os alumnos lle poñen ao asunto e que os resultados que finalmente obteñen servirían para pór rubia a moita xente e a moitos colectivos do páis.
Exemplos? eses funcionarios que foxen do galego coma do lume, eses xuristas que se escandalizan cando oen falar do galego como un deber, eses alumnos galegos que acoden aos cursos só polos puntos e se queixan da súa suposta dureza, eses políticos que no mellor dos casos chapurrean o galego sen maior vergonza, esas señoras de La Coru que cogen a los niños en el colo e mais esoutras que veranean en Panjón, etc. etc.

28.7.06

O Scattergories de Touriño



Seica a Touriño lle gusta a denominación "nazón de Breogán" para o Estatuto e vai ti saber se a Quintana tampouco lle ha parecer mal. O aval está no propio himno do país (o mesmo que Touriño rosmaba polo baixo hai ben pouco). Iso si, postos a recuperar vellas denominacións barallemos tamén con Gallaecia, Regnum Suevorum ou Reyno de Galliza por citar só tres exemplos. E se lle imos meter man ás deputacións pensemos o de volver aos vellos conventus (sempre e cando os veciños administrativos nos deixen).
A cousa ten o seu aquel, parece un exemplo máis do si pero non tan típico dalgunhas forzas políticas, non usamos nación para que parte do electorado non se asuste, senón un termo que se lle parece, unha sorte de sucedáneo lingüístico traído doutro tempo, que nos liga co pasado e cos antergos blablabla... e que pode resultar mellor de vender.
A Beramendi, no último número de Tempos, sinxelamente lle parece de fábula tentar trasladar unha fórmula dun himno a unha norma xurídica.
Con todo, se a fábula segue adiante pois este moucho lembra que a Constitución no seu artigo 147 di que: "os Estatutos de autonomía deberán conter a denominación da Comunidade que mellor corresponda á súa identidade histórica". Pois perfecto: aceptamos nazón de Breogán como definición, recuperamos Galiza como única forma para o país e o Scattergories para Touriño (ou deixámosllo quedar a Núñez Feijoo?).

27.7.06

Loia


Unha compañeira de especie deste moucho, a loia, dálle nome ao novo web do Consello da Cultura Galega que sirve de porta de entrada para aqueles que queiran saber máis sobre a lingua do recanto noroeste peninsular ibérico: historia, gramática, sociolingüística, presenza na rede...
Tamén loia significa 'rumor, información de orixe ignorada que corre de boca en boca'. Pois o dito, aquí a fonte de información é coñecida pero o que fai falta é que rule, se espalle e cumpra os fins para os que foi creada.
Benvida compañeira!!

26.7.06

Resaca do 25


Asistimos por vez primeira á celebración do "Día Nacional de Galicia", así o anunciaba a propaganda institucional, aínda que logo cada consellaría en función da rosa ou da estrela o abreviase en "Día de Galicia" ou "Día de Galiza". Con razón polas rúas compostelás amables recollesinaturas fan o seu traballo solicitando un único nome: Galiza.
Dou hoxe unha volta polo Chuza ese pequeno grande escaparate da internet galega e descubro varias cousas: documento gráfico e cuase-sonoro que dá a entender (imos ser cautos) que Touriño é un galego máis deses moitos que non saben a segunda parte do himno; mentres o Caneiro agarda a pasarse ao español xusto no día (iso do tradutor automático aínda ha resultar en gañar número de páxinas e perder escritores).

21.7.06

Heroes lectores


Este moucho recibe na súa póla o Tempos deste mes, non sen certo atraso xa habitual, e atópome nel un bo informe da situación dos lectorados. Hai cousas sabidas: que Cataluña é o noso perenne espello, que falta coordinación, que a avaliación do feito está en cueiros... e cousas novas que chaman á esperanza: leve mellora das condicións dos heroes-lectores, maior diálogo aínda sen concretar en feitos...Unha última frase do autor do informe que este moucho subscribe ao cen por cen. Di sobre os lectores que "están a desenvolver unha actividade frenética que merece a máis alta consideración por parte da sociedade galega".
A deste moucho dende logo téñena.

15.7.06

De Constantino a Yolanda


Este moucho segue enfiando a sesta co Cifras e letras e fóra dalgunha decisión na que media o dicionario laranxa de referencia que me perturba, observo que ultimamente a profe Yolanda non só fai de lingüista cos concursantes, senón que máis ou menos disimuladamente vai soltando pílulas didácticas sobre a lingua galega.
Pois perfecto, entre aquel Cousas da lingua con Constantino García fumando a súa cachimba e Yolanda Castaño non hai cor, se ademais Yolanda pronuncia as velares e todo...

12.7.06

O Celta en galego


Este moucho sobrevoa Balaídos e gústalle o que escoita. O ex-presidente Horacio caracterízabase por falar galego só na Radio Galega pero, por unha estraña razón que descoñezo, nunca se deixaba ver dándolle á lingua na TVG. Agora, cos últimos cambios habidos seica ao galego de Castrofeito de Fernando Vázquez, váiselle unir o do novo director xeral, e ex-vicerreitor, Xabier Martínez. Dinme que pode ser el quen estea detrás de, por exemplo, a publicidade do club (en prensa e radio) comece a estar en galego. Que cunda o exemplo e non decaia... Queda galeguizar a páxina web, aumentar o número de xogadores galegos... pero o camiño parece encetado.
Máis sobre lingua e deporte: sinxelo pero moi interesante o informe que os ciberirmandiños nos ofrecen sobre o uso da lingua nos webs das federacións deportivas galegas. Cumprirían máis informes deste tipo.

11.7.06

Andazo ortográfico



Como moucho debería estar preocupado pola influenza aviaria que xa temos por terras vascas, mais ultimamente detecto outra que tampouco me chista moito. Coa reformiña ortográfica do 2003 a lingua estase a inzar de terminacións en -nza (e en menor medida en -zo). Na escrita e na fala, e a cousa non é allea nin aos mesmísimos profesores de lingua nin ás páxinas oficiais da Xunta. Por aí rulan influenzas de todo tipo, exercizos, tendenzas e mesmo desperdizos...
Moito olliño, por tanto, que ou se para isto ou mal pinta...

10.7.06

Asturies patria querida...


Cónstame que en Asturias están moi sensibles co tema, que seica temos afáns imperialistas, que seica os queremos conquistar e ir ás súas terras occidentais e falar en galego cáusalles molestia. Ánxela B., como lle gusta chamala a Caneiro, foi valente, non confundiu fronteiras administrativas con isoglosas e falou en galego. No galego que alá mesmo se escoita -e segue- na TVG e no mesmo galego co que moitos asturianos teñen seguido os seus equipos de fútbol grazas ás retransmisións da mesma canle (mesmo en moitas ocasións desprazándose dende o centro cara ao occidente). Ademais, se se trataba dun acto de irmandamento, non todo tiña por que quedar en palabras (como adoita acontecer), senón que tamén é de celebrar que se vaia pasando aos aos feitos.

9.7.06

O debate daquel luns

Este moucho botou a fin de semana voando pola fraga do YouTube e mira por onde batín con aquel debate sobre lingua na TVG: o momento en que Raúl Vilas di que se o que se pretende é converter castelanfalantes en galegofalantes con el lévano chungo e as verdades ditas por Rosa Aneiros o mellorciño dos dous video.



8.7.06

Bin Laden en galego

Logo da polémica das opos e xa que imos entrando en tempo estival imos desengraxar un pouco e poñer unha declaración do mesmísimo Bin Laden falando galego. A fórmula en si é coñecida e vese moito agora nas teles: dobrar a alguén estranxeiro e se di algun taco ou animalada mellor que mellor...

6.7.06

Dime de que presumes...


Presumía a Voz de que seica no mes de maio o número de visitantes á súa páxina aumentou considerablemente... pensando, pensando, non foi en maio cando habilitaron a opción de traducir automaticamente ao galego o xornal? Coincidencia curiosa non credes??

3.7.06

Máis sobre as opos e a lingua




As probas de acceso á función pública e o tratamento da lingua seguen dando que falar e moito que escribir no blogomillo. As pombas das que falaba o sábado confírmanme o xa dito: incumprindo xa non a Orde de convocatoria, senón a instrución ditada posteriormente, a petición expresa da lingua dos cuestionarios non era só para aqueles que o desexaban en castelán, senón para todo o mundo.
Como quere o descafeinado, de sobre ou máquina? Pois tal cal... Unha chapuza nas formas e un escándalo no fondo.
Outro dato: a lingua da speaker que lles daba as instrucións aos aspirantes (suponse que a presidenta dun tribunal), seica de vergonza allea e de xulgado de garda (non sei se contra ela ou contra quen lle expediu os diplomas de perfeccionamento e/ou linguaxe administrativa que seguramente posúe). Era incapaz de pronunciar as cantidades e os verbos compostos inzaban o seu discurso. Por favor repensemos o dos cursos...

Reprodución literal dunha pregunta do exame para subalternos:
21. O orzamento da Comunidade Autónoma:
a) O elabora, controla e aproba o Parlamento de Galicia.
b) O elabora a Xunta ou Goberno e as Deputacións Provinciais e o aproba o Parlamento de Galicia.
c) O elabora, controla e aproba a Xunta de Galicia.
d) O elabora a Xunta ou Goberno, e o aproba e controla o Parlamento de Galicia.
Pero estes de San Caetano non tiñan un tradutor automático ben xeitoso? (cónstame que aberracións coma esta non as comete). A pregunta en si sería impugnable por incorrección lingüística? Por certo, aínda que para o tema que nos ocupa é o de menos, a resposta correcta é a d).
Ligazóns onde falan do mesmo:

1.7.06

Lingua dos exames grupo D


Unhas amigas pombas, habilmente infiltradas no interior dos pavillóns feirais, infórmanme do acontecido hoxe en Silleda (exames de acceso ao grupo D): a instrución de Méndez Romeu que este moucho insiste en chamar a gran recuada segue cotizando á alza, e son maioría os aspirantes que solicitan o cuestionario en castelán (seica a ollo sobre un 20%, sendo xenerosos, o solicitaron en galego). E este moucho di solicitar e di ben, pois o método utilizado era o de tu pide por esa boquita y se te dará... coma cando nunca cafetaría che preguntan de lata ou de botelliña ou nunha farmacia de seis ou doce comprimidos, pois tal cal. Os chamados coidadores, aos que seica a algún lle facía gracia o escaso número de exames en galego entregados, limitáronse a levar nos brazos exemplares en cadansúa lingua e ían un por un preguntando en que idioma se desexaba.
Lembremos o que dicía a Orde da convocatoria: "O primeiro e o terceiro exercicio redactaranse
e distribuiranse exclusivamente en galego."
; lembremos o que dicía a nefasta instrución: "ordenáselles aos membros dos tribunais cualificadores dos distintos procesos selectivos que lles faciliten aos candidatos que así o soliciten expresamente ao comezo dos referidos exercicios tipo test exemplares destes redactados en castelán, en aplicación da normativa de rango superior citada nesta instrución." Por expresamente este moucho entendía que os exames serían por defecto repartidos en galego e aquel que o desexase en castelán tería que requirirllo ao coidador correspondente que estivese encargado unicamente diso, pero nunca que ía estar servido en bandexa de prata.
O acontecido semella gravísimo, patético e unha trapallada: candidatos a funcionarios públicos da administración galega foxen do galego coma da auga fervendo, dunha disposición con rango de orde que nacía das bases do plan xeral de normalización modíficase cunha instrución e a aplicación desta acaba rematando nunha auténtica e vergoñenta chapuza; minorízase máis o que xa é minoritario.
Un último dato: no web da consellaría de Presidencia xa non hai nin rastro da devandita instrución.