Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

27.9.07

A votar toca...


Volvemos á arte da demoscopia e como non todo van ser novas negativas nin tangallegadas, o moucho proponvos que exerzades dereito a voto na enquisa da marxe dereita. Botémoslle optimismo á cousa!!!

Por certo a anterior enquisa velaí tendes na imaxe a distribución dos 74 votiños que botastes no saco... A cousa estivo reñida, pero alguén coñece o dato de cal é o centro que ten máis bolseiros. Por aí se puido decantar o asunto.

26.9.07

Lingua de gato


Existe a diglosia entre especies? Cóntovos o que este moucho puido presenciar logo de que llo contaran e lle custara o seu crelo: imaxinade unha señora maior, na franxa dos 65-70, xubilada e que vive de rendas (é caseira) nunha cidade galega. A súa orixe, porén, é aldeá. Isto é: se vivise na Coruña ben podería ser dalgún lugar de Boimorto ou Ordes, e se vivise en Vigo cadraríalle ser da Limia ou do Pereiro de Aguiar, por exemplos. A señora fala galego (segue a falar galego na cidade!!), aínda que quen sabe se ao longo da súa vida tivo outros comportamentos lingüísticos, pero o caso é que hoxe en día ao único ser que lle fala en castelán é ao seu gato.
Si, si, como o ledes... ao seu micho, ao seu felino doméstico... Cos netos lonxe, este é o destinatario dos seus bos días mañanceiros, das súas galletas do almorzo, das súas manías propias da idade e mais da súa diglosia.
Aviso a autores de futuras análises, enquisas e estudos sociolingüísticos: non vos esquezades de reparar na interacción lingüística dos galegos cos seus animais domésticos!!

22.9.07

Reaccionamos ou que??


E este moucho di, non sería cousa de contraatacar, de se mover, de rebater, de facer algo diante deste magote de tangallegos que se lles enche a boca co bilingüismo? Non é preocupante esta multiplicación de webs que gastan píxeles coa liberdade lingüística, coa Galicia bilingue e cos tangallegos de bandeira? Non é preocupante que as televisións locais (especialmente as urbanas) lles cedan minutos e minutos en entrevistas e reportaxes e apenas se escoite a outra parte? Non é preocupante que todas as semanas estean na prensa vía entrevista, artigo de opinión ou carta ao director e ninguén se mova? É que se neste país se pode falar de que se está a impor o galego e non hai quen avergonce e lle chame ignorante a quen así o diga? Agora seica están a xuntar máis sinaturas.. non se vai organizar nada??? É que estamos todos durmidos, mirándonos o embigo e fartos de autocompracencia???

19.9.07

Historia


19 de setembro de 2007: o día en que Callón pisou María Pita e non era para presentar nada no rexistro... Se algún día se lle fai un álbum de fotos a isto da normalización da lingua gárdenlle espazo para esta foto.

18.9.07

Alerta


E agora que di Manolita ao respecto? que di?? A ver, que a queremos escoitala... tan

faladora como estaba onte no Hai debate.

13.9.07

Adeus verán


Os mouchiños van á escola, os días xa minguan... e por moito que o tempo se empeñe en dicir o contrario: o verán vai murchando. Foi o verán do Valedor, ese tipo con rostro de película de Pajares y Esteso, que un bo día espiu o seu sentir lingüístico e négase a pór o albornoz; foi o verán dos tangallegos (como se lles está a comezar a chamar) que agora resulta que colleron envexa e tamén montan unha Mesa, calor non fixo moita pero a esta xentiña quentóuselles a cabeza co Decreto (ollo porque a demagoxía desta xentiña non parece ter fin, quen sabe se Rosa Díez os espera). E pouco máis, agudizaremos a vista para este novo curso porque xa me berraron que ultimamente parezo andar nas patacas...

6.9.07

Vexo Vigo...


O moucho aterra na cidade máis poboada de Galicia e quere o azar que hoxe aquí se celebren os axóuxeres. Ducias de rapaces olívicos danzan en galego e reclaman como súa a lingua do país. Só por uns minutos que a saber cando terán continuidade. A idea chama a atención polos protagonistas, a realización é correcta e o resultado nin moito menos defrauda. Mágoa que isto das linguas non sexa coma os deterxentes ou as series de televisión; feita a campaña axiña teriamos un índice de vendas ou unha cota de pantalla. O quede do E logo!, a súa plusvalía, custará sabelo.

Outra ollada vai: contanme que en Vigo a prensa gratuíta arrasa; tanto como para que o decano tivera que baleirar un concesionario de coches alemáns hai ben pouco para amainar o temporal. Bótolles un ollo e non hai desperdicio: no ADN falan da Fiesta del sonajero e o 20minutos xoga co par porro-puerro para dar conta da tradución dos menús nos bares (a noticia é do máis comentada, por certo). Sonvos paveros estes vigueses!

Adiviña, adiviña


Escoiteille falar a un alcalde dunha das sete grandes do "desenvolvimiento económico" da súa urbe. Ai deus, o das linguas que mundo este!!!!

Na prensa isto mesmo xa está estudado.

2.9.07

Historia grande ou grande historia?


A Voz prepárase para seguir enchéndonos e alombándonos os andeis desta volta cunha historia do país enciclopédica. Di Villares que non vai ser unha Wikipedia (e aínda que o fose tampouco sería tan demérito digo eu...), pero a este moucho chámalle a atención o título. Non me convence. A ver filólogos valédeme: a min ensináronme que gran diante de vogal é grande (un grande invento) e digo eu que historia non é vogal pero para estes efectos como se o fose. E se resulta que moita encadernación, moito equipo de especialistas, moita bicefalia na coordinación da obra (presidentes ambos) e o título xa o temos mal???

Eu de momento rescato a que aparece na imaxe. Non é gran nin grande, senón breve pero é a que lembro desde sempre na miña casa. Dérana na caixa de aforros, está en banda deseñada e foi a primeira historia de Galicia deste moucho que escribe.