Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.3.07

O futuro



É o retrouso que cada certo tempo se repite no galego: o seu futuro. Ás veces é debido a un estudo ou pseudoestudo que mesmo se atreve a lle pór cifra e todo, outras por unhas declaracións de alguén que quería saír nos medios, outras por un informe... pero comeza a cansar un pouco o temiña. Con todo, o discurso aumenta e evoluciona: aos lugares comúns de sempre (responsabilidade da Administración, invocación do Plan Xeral, situación desastrosa na mocidade...) ultimamente, grazas ao bo de Isaac, se lle sumou ao tema da lingua en que fode a xente e quen sabe se cada día está máis cercana unha campaña para promocionar a lingua na cama (puff, a de slogans que se me ocorren!!!!). Tradución do Kamasutra xa!!!!!

30.3.07

Dualidades


O mesmo día o branco e o negro, o día e a noite, as luces e as sombras, a versión oficial e a contraversión.

E ti con cal que te quedas??

27.3.07

Historias de Galicia


Arrepiei un chisco cando vin comezar o espazo co Borbón a remexer a lingua galega na súa boca, mais axiña quedou claro o porqué deste comezo (non fose que tal presenza tivese efectos disuasorios sobre a audiencia). O domingo Historias de Galicia falou da lingua galega, da súa historia, dende cando foi lingua de reis e do pobo asemade até que foi lingua do país. O último século foi certamente condensando penso que demasiado contra os últimos minutos do documental (oxalá fagan un espazo só dedicado a el).
Para que non o vise, que prema aquí.

22.3.07

Outra máis sobre cursos


As cousas mal paridas é o que teñen e o pasado martes o DOG incluía unha nova resolución sobre a impartición de cursos de galego que modifica a primeira (nova resolución como lle podían chamar corrección de erros). Seica houbo protestas, as protestas convertéronse en recursos e non quedou outra que dar o brazo a torcer. O caso é que o que se engade é:


No artigo 3º engádese un novo parágrafo:

«Malia o previsto nos parágrafos 1º e 2º deste artigo, poderán solicitar a súa inscrición nestas listas as persoas que xa impartisen cursos de galego como profesores colaboradores desta secretaría xeral».


Os parágrafos 1º e 2º refírense á titulación exixida e o feito de ter avaliados postivamente os seminarios de formación.

Daquela, quere isto dicir que poderán dar cursos xente que non cumpra algún destes requisitos?? daquela quere dicir isto que xa daban cursos quen non era licenciado en filoloxía ou quen non fixera os seminarios correspondentes?? Penso que a resposta nos dous casos é afirmativa.

O que dixemos no seu día, aquí.

21.3.07

Yo, Emilio




Ou sexa que Touriño levou o seu granciño de area ao espallamento do español por Brasil?? Queda algúen que aínda non entenda o de Badaxoz? Claro que a noticia non especifica para quen era o tradutor...

19.3.07

Distancia


Cando acó damos un pasiño adiante, en Euscadi andan a chimpos... Mirar de lonxe é o que nos queda.

16.3.07

O galeuscat lingüístico


Xa era hora!! botábase en falta un acordo, un convenio, un plan común... algo que fose máis alá de se copiar institucións, traducir glosarios dos cataláns ou parafrasear decretos e leis de normalización... De agora en diante, o que haxa en catalán ou éuscaro, que o haxa tamén en galego!!!

A cousa non debería quedar só a nivel das distintas administracións, senón chegar tamén ao inmenso sector servizos. Por que non pensar nunha axencia que vixile, coordine e garanta que calquera servizo que haxa nunha lingua oficial tamén o haxa nas outras? Para que casos como os de Yoigo, por citar un exemplo ao chou, non volvan ocorrer.

10.3.07

A outra normalización


A outra normalización é a dos institutos de ensino secundario (as outrora, ou aínda hoxe, chamadas "equipas"). Esa que non existiría sen o voluntarismo do profesorado e o entusiasmo dos rapaces e rapazas. Ao parecer a SXPL e a consellaría de Educación van intentar regulala, coordinala, dotala de plans (e agardemos tamén que de orzamentos) e, en definitiva, pórlle algo de orde. Até o de agora, sen esa planificación, coordinación e con moi poucos recursos xa deran froitos ben interesantes: publicacións do máis diversas, campañas de galeguización (telefonía móbil, Asterix en galego...) e mesmo ferramentas como é o caso de Traducindote. Agardemos que siga esta vizosidade, pois as ferramentas cada vez son máis (velaí o último cos webquests) e os colectivos profesionais sempre estiveron aí (AS-PG, NEG, edugaliza...)

9.3.07

Un mito que se cae


Recoñezo que hoxe se me caeu un pouco un mito. Este moucho é asiduo das súas columnas e como bo moucho tamén do seu Volver ao rego por moi tarde que a Galega lle acordara poñelo, mais non agardaba que dixese que os seus argumentos se defenden mellor en castelán e de non facelo así se estaría a eivar a metade da poboación. Queda pensar que non dixo exactamente iso, que é só un extracto descontextualizado, pero a verdade é que xa había tempo que un argumento sobre a utilidade ou non da lingua me sorprendía tanto pola súa procedencia.
Tampouco concordo que Galicia estea chea de parvadas ditas en galego. Non creo que a porcentaxe sexa moito maior que noutros sistemas editoriais e os propios editores denuncian o colapsado que está o mercado e os fugaces que resultan as novidades.
Por certo, na páxina seguinte do xornal, un mito que renace. Velaí o dato: segundo o fistor de Ventosela haberá no país unas 200 familias acomodadas, de clase media alta que lles falan galego aos seus fillos. É bo calculador Alonso Montero? O seu Informe dramático... velaí está.

8.3.07

Outro kit máis...


Segue sen me gustar o ton con que a Voz trata os temas de lingua. O día que a xefa da política lingüística do país presenta as liñas do seu programa entre as que se sinalan a creación dun Consorcio para a Planificación Lingüística ou o verniz europeo que adquiren os cursos de lingua, o xornal coruñés opta para o seu titular a varias columnas pola anécdota do kit para as mulleres que agardan un pícaro. Un xornal que pretende ser serio debería aspirar a algo máis.

Sexa como for, a palabriña, sen ser nova, si se está a poñer de moda. Poderíamola definir, improvisando, como o 'conxunto mínimo de elementos imprescindibles para a realización dunha acción'. Pois este moucho agarda moitos máis kits, que boa falta fan e hai moitos eidos ermos...
Con tanto kit un lémbrase dos galegochorantes que inventamos certo día e mais do labor asistencial que lle recoñecemos aos snl's...

6.3.07

O kit do normalizador


Tiña ganas de falar del e por fin xa está en rede: os normalizadores do país non terán reloxo co que pedir auxilio, mais si xa teñen o seu kit propio ao que recorrer no caso de estar en apuros e necesitar documentación daquilo que xa está feito, analizado e posto sobre a mesa. Máis de 300 megas cos que o CDSG celebra o seu décimo aniversario: artigos de investigación, análise, lexislación, manuais... se non todo, si case todo o que se leva feito pola normalización da lingua nestas últimas décadas.

Kit necesítote!!!

4.3.07

50-50


Isto do fifty-fifty no novo decreto para o ensino soa a algo así como nin pra ti nin pra min. Suporá avances non o nego, pero na etapa infantil, cando se adquiren as destrezas e está en xogo bastante, semella que do que ía ser ao que é a cousa mudou bastante.