Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

9.3.07

Un mito que se cae


Recoñezo que hoxe se me caeu un pouco un mito. Este moucho é asiduo das súas columnas e como bo moucho tamén do seu Volver ao rego por moi tarde que a Galega lle acordara poñelo, mais non agardaba que dixese que os seus argumentos se defenden mellor en castelán e de non facelo así se estaría a eivar a metade da poboación. Queda pensar que non dixo exactamente iso, que é só un extracto descontextualizado, pero a verdade é que xa había tempo que un argumento sobre a utilidade ou non da lingua me sorprendía tanto pola súa procedencia.
Tampouco concordo que Galicia estea chea de parvadas ditas en galego. Non creo que a porcentaxe sexa moito maior que noutros sistemas editoriais e os propios editores denuncian o colapsado que está o mercado e os fugaces que resultan as novidades.
Por certo, na páxina seguinte do xornal, un mito que renace. Velaí o dato: segundo o fistor de Ventosela haberá no país unas 200 familias acomodadas, de clase media alta que lles falan galego aos seus fillos. É bo calculador Alonso Montero? O seu Informe dramático... velaí está.