Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

30.6.08

Non entendo nada

Cal se supón que é a noticia? Que o persoal da Xunta reciba cursos? que os reciba de linguaxe administrativa? que os reciba en lingua galega? ou é que xa entraron os bolseiros de verán e coouse descaradamente a nota de prensa da Xunta.

En fin, o da Voz dá para facer un blog á parte... recollen, engradecen e crean supostas polémicas e fan da anécdota noticia.
Patético.

29.6.08

As cores do moucho

Estas son as miñas cores, non outras.


Por moito que me impoñan unha programación ininterrompida de máis de 12 horas, por moito que me repitan os goles até a fartura, por moito que o vermello pareza inundalo todo, por moito que un goberno, tele e radio que van de "progres" se suban ao carro dun xeito que arrepía, por moito que te fagan sentir un becho raro, mesmo entre os teus máis achegados...

O que non se sente, non se pode impor.

As novas xeracións veñen pisando forte, non hai dúbida, rompen un tópico escurantista que xa duraba moito: os españois tamén a saber meter. Quero pensar que nese espelir complexos, unha miga tamén nos toca a nós, os galegos, aínda que a miña inxenuidade xa non é a mesma que cando neno. Hai outros tópicos que perduran, o discurso e a posta en escena parecen doutrora: as comparanzas cos touros salfiren o discurso e hai quen se lembra de José Tomás, estoques e tricornios locen nas bancadas, o xefe do Estado presidía o xogo, dos balcóns penduran enseñas, Manolo do Bombo ocupa segundos en cámara, os comentaristas recitan as 17 comunidades como se facía cos nomes dos ríos nas escolas de pupitre, catecismo e rezo diarios, reúnense nas prazas ao pé de grandes bandeiras, a canción Que viva España ameaza con rexurdir e cubrir o oco, a estas alturas aínda non cuberto, da canción do verán... Mágoa que os pilla con Manolo Escobar xa moi maior e co Fary, a Jurado e a Flores entoando o silencio eterno, senón abofé que este era o ano dalgún deles. Sempre terán a Camacho, a Rosa Díez do fútbol que sentenciou aquilo de que "siendo español, hay que sentirlo", e que cantando os goles parecía o mesmiño King África.

Á póla deste moucho, arestora, chegan os ecos dos coches de claxóns lixeiros, bombas de palenque e foguetes varios. Eu tranquilo, vou durmir, hai que entendelos: tamén eles, de cando en vez, necesitan reafirmarse... Só pido que a resaca non lles dure moitos días.
Por certo, o seu lema era PODEMOS; a nós, primeiro, agora que se senten fortes, que nos deixen tentalo.

Volver ao rego


Xa había tempo que non lle lía nada ao bo de Suso que me enchera o ollo. Aquí un exemplo.

E por certo, quen precise razóns para non ver Tele 5, aquí ten unha máis.

25.6.08

Susto ou morte

Que pasou para que nunhas horas quen suspendera aparecese como aprobado e á inversa? Moitas queixas teño oído dos Celga... diferenzas de criterio entre aulas, chamadas de última hora para consultar o non previsto... O conto xa chegou ás cartas ao director e confiemos que sexa a última...

24.6.08

???


E ti que fumaches nena??

Vía Galiciaconfidencial.

18.6.08

Corrixe, corrixe


Ai Romeu Romeu canto daría por te ver co boli vermello e o tippex nas épocas grandiosas de Paco Vázquez e o seu lalala!!! Vaia coas ansias correctoras que che entraron agora!!!

17.6.08

Suíños, máis que suíños!!!!


Hai que ver que suíños son os da Voz!! o titular non é que unha empresa lle prohiba falar a un traballador en galego, non; o títular e subtitular dan a entender que ese traballador se permite rexeitar un emprego por se empeñar en falar galego malia que fala sete linguas.
Por certo a nova non é tan nova, é destas que se requentan e piratean doutros medios. Debe ter aproximadamente un mes que debe ser o tempo que lle levou á Voz atopar o titular idóneo. Pero nada unha vez que o atoparon xa nos podemos agardar cousas como "Négase a morrer até que o medico lle faga o parte de defunción en galego", "Deixa a súa moza no altar porque o crego se negou a oficiar en galego", "Non bebe auga até que as embotelladoras galegas etiqueten en galego"...
Que siga o disparate!!!!!

16.6.08

Ai meu Deus!!


Ai Deus bendito, que penitencia lle poñemos a este camándula con sotana?? Vós que pensades.

Outra opción é suxerirlle que saia na busca do seu compañeiro brasileiro, mercámoslle entre todos milleiros de globos e a subir aos ceos!!!!
Estou seguro que había pedir que o baixaramos ata por xestos

13.6.08

Querida Gloria:


Permíteme estas liñas polo que a seguir che conto: onte tiven a tarde ociosa e deume tempo a ir a dous centros comerciais e unha libraría e sorpresa a miña que xa están á venda os libros de texto para as vacacións. Ata tres grandes expositores, cheíños de libros de todas as materias cheguei a ver (talmente ocupaban tanto espazo coma os iogures). Os meus mouchiños saíron espabilados, iso de teren tres linguas no sistema educativo non lles causa maior problema, pero mira quen sabe, o verán é moi longo, as tardes dan para moito, non todo vai ser parque, praia ou consola, seguro que nalgunha que outra chove e nunca está de máis repasar e non esquecer o aprendido.


O caso é que non atopei libros en galego...


Pois nada, iso era o que che quería transmitir, confío que antes de collerdes as vacacións, saiades desde GB con algunha rolda de prensa desas que acostumades reclamando e denunciando esta grave anomalía. Á fin e ao cabo o curso non son só os nove meses de clases e hai que estar en todo. Quedo, daquela, atento á Voz ou ao Faro, estes días ademais mércoos sempre por aquilo do Audi e do Citroën, e mais a Localia que tamén sempre atopades as súas portas abertas e na miña póla xa fedellaron na antena o que cumpría e agora vai coma un tiro.

En ti confío amiga.

12.6.08

Luz e preguntas

Recollo as palabras do presidente Callón e ao seu comentario súbolle a categoría e convértoo en postaxe co fin de deitar luz sobre o tema:
Sobre as declaracións do outro día afirma o seguinte:
"Sen quitar a posibilidade de que puidese haber un erro na resposta da Mesa (aínda que eu penso que non e que o peor sería facer como a avestruz), quero matizarche dúas cousas: 1) A Mesa non convocou ningunha conferencia de imprensa sobre o tema, senón que os xornalistas formularon preguntas nunha conferencia celebrada en Ferrol para presentar na zona a campaña "Imaxinas unha Galiza sen mar? Imaxinas unha Galiza sen monte? Imaxinas unha Galiza sen lingua?" 2) De aí vén a frase descontextualizada e mal reproducida por un medio de comunicación."
Aclarado queda: os xornalistas son os profesionais da descontextualización.
Como se me convida a dar opinión sobre o seu artigo, pois alá vai esta: susbcribiríao na súa totalidade sen problema. Se hai que apuntar á Academia, apuntemos á Academia. Nela hai quen sabe de dialectoloxía, quen sabe de fraseoloxía e refráns, quen sabe de escritores represaliados, quen sabe de dornas e gamelas, quen sabe das partes do carro, quen sabe da sociedade da información, quen sabe de lexicografía, quen sabe de historia etc etc mais ou me falla a vista ou non hai, que este moucho saiba, xurista ningún. De leis saber o que se di saber non hai ninguén.
Cando os filólogos destes país tiveron a ben "concordiarse" e aceptaron Galiza nas Normas eran conscientes do que iso supuña? consultaron con alguén das implicacións que supuña? non é ben triste que o tema, transcendente como é, o amañaran cun parágrafo de cinco liñas escasas no texto? Por que o trataron como quen cambia a forma gráfica dun conector, dun fórmula de agradecemento ou dunha locución calquera?
Por non saber, aínda hoxe non temos moi claro se ese texto tiña que ter pasado polo DOG ou non; se si, por que si? se non, como ata agora é, por que non?
De xullo de 2003 vén o problema e as súas consecuencias, de modo que catro anos despois nestas estamos e quen sae gañando e se relambe no seu asento son os de sempre (La Voz, o PP...). Que despois non nos estrañe que de lingua opine todo o mundo como se este país fose onde maior número de filólogos hai.
Outra Academia é posible, claro que si, mais tamén outra SXPL, outra Mesa, outro moucho, outra Galicia e outra Galiza.

11.6.08

Milleiras

Es ministra (aínda en prácticas e co L colgando certamente), dis "miembros y miembras" e hai que ver a que se monta...
Que política galega foi a que dixo aquilo de "milleiros e milleiras"? xa non me acorda porque trascendencia non tivera ningunha e só un filólogo moi ávido e esperto nese momento pode reparar en tal cousa.
Ata nas zoupadas á gramática demóstrase que somos lingua B... Por ter mesmo temos a Touripedia.

10.6.08

Trapalleiros unidos


Trapalleira a RAG cando modifica as Normas, lexitima Galiza e aquí parece non pasar nada, malia abrir a porta a unha duplicidade de facto aínda que non de iure. Trapalleira a clase política que reacciona tarde, non se dá por aludida e mira para o outro como se andar a remexer no nome do país fose unha cuestión menor (imaxinade a que se montaría se a RAE falase ou sopesase o termo Hespaña). Trapalleira a Consellaría de Cultura por lle pedir opinión xurídica a quen non ten potestade para emitila. Trapalleira a RAG, novamente, por coller o envite e responder para non dicir nada novo ao que está no texto normativo. Trapalleira a lexislación por crear unha lea que se cadra era evitable. Trapalleira A Mesa que tempo lle faltou de dar a rolda de prensa adobada cunhas nocións de filoloxía medieval, cun ataque á realísima e cunha oda poética (logo do "sen nabo non hai nabiza, sen galego non hai Galiza" agora a coplilla é que "o galego é a Galiza o que o mar aos montes"). Trapalleira (e ruín) La Voz que tardou case tres anos en reparar no que hai tempo era unha obviedade (como o curso remata e os de Galicia bilingüe collen vacacións con algo hai que encher claro...). Trapalleiros eses intelectuais que están no Consello, na RAG e en canto chiringuito hai e cando se lles pregunta falan diante da prensa como se estivesen dando unha clase.

O peor de todo e o que máis pena lle dá a este moucho é que a páxina da Voz xa leva uns 130 comentarios. Recollen o que pensa a xente...

Sabedes que vos digo? merquemos unha dorna, xuntémolos a todos e botémolos ao mar... Merecemos cousas mellores.
Trapalleiros somos,
trapalleiros seremos,
por cataláns
nunca pasaremos!!!!

8.6.08

Estamos como estabamos


Para este moucho o texto non achega nada novo, nada que non se soubese, en todo caso si maior confusión: quen é a Academia para decidir sobre as derivacións xurídicas do tema? Hai tempo dixen que este tema é para xuristas... outra cousa é que os filólogos fixeran o seu traballo e complicaran bastante o asunto.

5.6.08

Para que?


Ala veña a fedellar, a fedellar... gustaríame saber a opinión que se ten do tradutor nalgún departamento universitario e este moucho non pode deixar de apreciar certo dobre discurso e dobre praxe en certas persoas, mais non imos ir máis aló que logo me berran que me queixo por todo... Só unha pregunta polo baixo e ao oído: realmente, fai falta?

Aí o tendes, dádelle, dádelle... xa veredes que bonitiño cambiar palabras por palavras.