Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

12.6.08

Luz e preguntas

Recollo as palabras do presidente Callón e ao seu comentario súbolle a categoría e convértoo en postaxe co fin de deitar luz sobre o tema:
Sobre as declaracións do outro día afirma o seguinte:
"Sen quitar a posibilidade de que puidese haber un erro na resposta da Mesa (aínda que eu penso que non e que o peor sería facer como a avestruz), quero matizarche dúas cousas: 1) A Mesa non convocou ningunha conferencia de imprensa sobre o tema, senón que os xornalistas formularon preguntas nunha conferencia celebrada en Ferrol para presentar na zona a campaña "Imaxinas unha Galiza sen mar? Imaxinas unha Galiza sen monte? Imaxinas unha Galiza sen lingua?" 2) De aí vén a frase descontextualizada e mal reproducida por un medio de comunicación."
Aclarado queda: os xornalistas son os profesionais da descontextualización.
Como se me convida a dar opinión sobre o seu artigo, pois alá vai esta: susbcribiríao na súa totalidade sen problema. Se hai que apuntar á Academia, apuntemos á Academia. Nela hai quen sabe de dialectoloxía, quen sabe de fraseoloxía e refráns, quen sabe de escritores represaliados, quen sabe de dornas e gamelas, quen sabe das partes do carro, quen sabe da sociedade da información, quen sabe de lexicografía, quen sabe de historia etc etc mais ou me falla a vista ou non hai, que este moucho saiba, xurista ningún. De leis saber o que se di saber non hai ninguén.
Cando os filólogos destes país tiveron a ben "concordiarse" e aceptaron Galiza nas Normas eran conscientes do que iso supuña? consultaron con alguén das implicacións que supuña? non é ben triste que o tema, transcendente como é, o amañaran cun parágrafo de cinco liñas escasas no texto? Por que o trataron como quen cambia a forma gráfica dun conector, dun fórmula de agradecemento ou dunha locución calquera?
Por non saber, aínda hoxe non temos moi claro se ese texto tiña que ter pasado polo DOG ou non; se si, por que si? se non, como ata agora é, por que non?
De xullo de 2003 vén o problema e as súas consecuencias, de modo que catro anos despois nestas estamos e quen sae gañando e se relambe no seu asento son os de sempre (La Voz, o PP...). Que despois non nos estrañe que de lingua opine todo o mundo como se este país fose onde maior número de filólogos hai.
Outra Academia é posible, claro que si, mais tamén outra SXPL, outra Mesa, outro moucho, outra Galicia e outra Galiza.

1 Comments:

  • "sabemos que ti podes ser outra cousa
    sabemos que o home pode ser outra cousa"

    Iso é da "Letanía de Galicia", curiosamente.

    Un saudiño!

    By Blogger Carlos Callón, at 3:48 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home