Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

10.6.08

Trapalleiros unidos


Trapalleira a RAG cando modifica as Normas, lexitima Galiza e aquí parece non pasar nada, malia abrir a porta a unha duplicidade de facto aínda que non de iure. Trapalleira a clase política que reacciona tarde, non se dá por aludida e mira para o outro como se andar a remexer no nome do país fose unha cuestión menor (imaxinade a que se montaría se a RAE falase ou sopesase o termo Hespaña). Trapalleira a Consellaría de Cultura por lle pedir opinión xurídica a quen non ten potestade para emitila. Trapalleira a RAG, novamente, por coller o envite e responder para non dicir nada novo ao que está no texto normativo. Trapalleira a lexislación por crear unha lea que se cadra era evitable. Trapalleira A Mesa que tempo lle faltou de dar a rolda de prensa adobada cunhas nocións de filoloxía medieval, cun ataque á realísima e cunha oda poética (logo do "sen nabo non hai nabiza, sen galego non hai Galiza" agora a coplilla é que "o galego é a Galiza o que o mar aos montes"). Trapalleira (e ruín) La Voz que tardou case tres anos en reparar no que hai tempo era unha obviedade (como o curso remata e os de Galicia bilingüe collen vacacións con algo hai que encher claro...). Trapalleiros eses intelectuais que están no Consello, na RAG e en canto chiringuito hai e cando se lles pregunta falan diante da prensa como se estivesen dando unha clase.

O peor de todo e o que máis pena lle dá a este moucho é que a páxina da Voz xa leva uns 130 comentarios. Recollen o que pensa a xente...

Sabedes que vos digo? merquemos unha dorna, xuntémolos a todos e botémolos ao mar... Merecemos cousas mellores.
Trapalleiros somos,
trapalleiros seremos,
por cataláns
nunca pasaremos!!!!

1 Comments:

  • Bo día, compañeiro. Había tempo que non tiña nin un minuto para pasar polo teu blog, o cal por certo me parece moi interesante.

    Sen quitar a posibilidade de que puidese haber un erro na resposta da Mesa (aínda que eu penso que non e que o peor sería facer como a avestruz), quero matizarche dúas cousas: 1) A Mesa non convocou ningunha conferencia de imprensa sobre o tema, senón que os xornalistas formularon preguntas nunha conferencia celebrada en Ferrol para presentar na zona a campaña "Imaxinas unha Galiza sen mar? Imaxinas unha Galiza sen monte? Imaxinas unha Galiza sen lingua?" 2) De aí vén a frase descontextualizada e mal reproducida por un medio de comunicación.

    Hoxe publiquei un artigo sobre o tema, que podes ler na páxina da Mesa. Se che for posíbel, gustaríame saber a túa opinión e tamén cal sería segundo o teu criterio a táctica máis acertada.

    Por certo, un día eu tamén pensei "terra trágame" cando, froito do cansazo de varios días de intensa campaña, se me escapou nunha entrevista en directo "milleiros e milleiras", proveniente de non sei qué parte do cerebro en piloto automático...

    Unha apertiña.

    By Blogger Carlos Callón, at 10:00 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home