Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

13.8.10

Isto foi todo



Até máis ver, c’est fini, au revoir, the end, game over... acabouse. Calquera diría que este moucho aproveita o ronsel de Vieiros e Chuza para que tamén choren por el, pero nada máis lonxe da realidade. Quen siga este espazo ben facilmente pode apreciar que as olladas foron a menos desde hai un tempo, e que as que se deitaron foron froito máis de impulsos que da constancia que o tema require e que noutro tempo demostramos sobexamente. Chegou o intre de botar as contras, pois de nada serve ter a tenda aberta, coa luz acesa e sen xénero novo no mostrador.

Se lle damos á retranca poderiamos dicir que non houbo empresario que apostase polas moucholladas, falei con Jacinto pero dixo que co que tiña enriba xa lle chegaba. Podería alegar que tras o bipartito me retiraron os mouchobolseiros e un só xa non se valía... e mesmo se nos poñemos tráxicos podería dicir que camiño de Santiago, vindo de Ourense, me espetei no alto de Dozón contra un muíño de vento dos que tanto abundan polo país ou que os de Galicia Bilingüe contrataron uns voitres colombianos que me tenderon unha emboscada e me partiron as ás, e que en ambos os casos, impedido no leito, lle estou a ditar estar letras ao meu curmán pequeno Litín que vos presentei no Facebook.

Mais nada diso hai. Simplemente cansazo, fastío e poucas ganas de seguir co que hai catro anos encetabamos. Galegolandia naceu como un espazo para o divertimento e a (auto)crítica, para deitar olladas do máis variado tal e como se anuncia no seu frontispicio e ultimamente recoñezo que calo máis do que digo, que a agudeza non é tanta, que nas olladas prima o cabreo e a desgana, e pululan polo blogue sinistros personaxes fieis exemplos do principio de Peter. E mirade que pasan cousas ben interesantes, indignantes e mesmo choqueiras: porteiros de discoteca aos que se lles esixe o galego, presidentes que non saben o que é unha pinacoteca, os americanos que irrompen no escenario lingüístico peninsular ou a deleiba vergoñenta de La Voz criminalizando a quen practica a “fala galega”.

Nestes catro anos deixamos clara desde o principio a nosa opción, demos conta das recuadas de Méndez Romeu, creamos o neoloxismo pedindo que as primeiras nadegadas das crianzas nos paritorios fosen en galego, estivemos aleutos cando vimos que Galiza saía do armario e pisaba moqueta, demos conta das duplicidades do bipartito, destapamos o que puido ser o marisolgate, contamos con palabras certa noite de luar que vimos pisar a Dona-Dana a certo académico (e aínda hoxe seguimos agardando a que alguén colgue o vídeo por certo), tivemos correspondentes nas opos do mencionado conselleiro e escandalizámonos con elas, propuxemos un Scattergories para Touriño que, sospeito, herdou Pachi, denunciamos a Shola y Angeliño, alertámonos cos lumes do ano 2006, caéronnos críticas cando cuestionamos unha acción d'A Mesa, aínda que nunca recibimos parabéns cando as aplaudimos, traballamos tamén o 28 de decembro e cosemos unhas camisolas ben chulas e uns tangas ben poñedoiros, denunciamos a vergoñenta retirada do PP cando o anterior decreto, rímonos de Sagrario Pérez Saldaña (e hoxe volveriámolo facer), fixemos un pequeno tratado de anatomía e descubrimos dous músculos novos (os quefoides e os quehaides), deixamos claras as nosas cores, carteámonos con Gloria, analizamos sisudamente unha pintada na rúa que amablemente unha lectora nos fixo chegar, compuxemos con carraxe a nosa particular oración, fixémoslle un disco a Galicia bilingüe co seu gran supervendas Un poquito español, gañamos un premio que o chorado Vieiros nunca nos chegou a entregar, presenteivos a unha amiga de Ferrol que lle dixo a Feijoo aquilo de “Que se prepare”, enchemos o peito grazas a Belén Regueira, denunciamos os sábados sen fútbol de primeira en galego, cachamos nas patacas a Anxo Lorenzo e tal foi a cachada que dous meses despois a ollada deste moucho chegou á portada do Xornal, en portada, aínda que de revista, tamén sacamos a Gloria, acollémonos á moda da información rosa e demos conta dos amoríos de Alberto, xogamos á oca grazas a Anxo Lorenzo, pedimos dimisións para quen cumprían, emocionámonos co mellor capítulo do Ben falado, entroidamos no seu tempo e até homenaxeamos a mouchanai. Sen esquecer que creamos un grupo no Facebook e parimos catro números en PDF, aínda consultables, con cadansúa entrevista imposible e un par de especiais de agasallos en lingua galega.

Vaia, que non sei vós, mais este moucho pasouno caralludamente!!!!

Case 500 olladas e 17000 visitas despois chegou o momento de botar o peche, non me atrevo a dicir que definitivo, deixémolo, como dirían en Casa Juan, nun cesamento temporal da convivencia blogueira, pero xa se sabe como rematan eses cesamentos... Se callar noutrora, noutro sitio, coa plumaxe máis avellentada e coas forzas e o entusiasmo renovados poidamos tomar a nosa propia remuda.

Beizóns a todos aqueles e aquelas que vos deixastes caer por este espazo, a quen opinou, retrucou e animou a este servidor (tamén a quen especulou sobre a súa persoa:-)

O pracer foi meu.
Déixovos co xenial recitado con que Mini e Mero agasallan nos seus concertos.


Convócovos á loita en desespero,
coa palabra xa cansa de derrotas,
que o silencio está acabando cos menceres
e a razón non aluma cal debera
sen xustiza, sen xuízo, nin sentenza.



Que nos comen os tecnócratas traidores
que só pensan que vivir
é fría cadea... para os outros
non para eles, que gobernan,
e uns tras outros producen en ringleira
profecías de novas primaveras.

Chaqueteiros, mentidores,
salvapatrias que se agachan
por detrás da ramalleira
para usaren a mudez como resposta,
cun sorriso perverso e de rastreiros,
no humillante labor de tirar pedras,
desde a sombra, coma sempre,
e fan burla sen que os vexan.



Arribistas da neutra posición que nada arriscan
que engaiolan os coitados por algunha comenencia
ou aqueles que vencidos...
nunca soñan nin esperan.

E, aínda así, coa fatiga das batallas venceremos,
como non, co orgullo da lingua por bandeira
pois é nosa, e só nosa, a nosa terra,
e terán que devolver canto furtaron,
convertendo en dozura a súa dureza
e un a un proclamar os silenciados,
como non, a máis ruín das súas miserias.



Na ilegal usurpación dun breve soño:
ver Galicia gozando a súa existencia
e os galegos compracidos na autoestima,
rexeitando dunha vez, dunha por todas,
a mentira, a ruindade e tanta merda!!!

Que nos comen os traidores salvapatrias,
que nos levan pola corda prá condena,
que o silencio está acabando cos menceres,
e a razón non aluma cal debera
confundindo a nosa voz,
e no furto da memoria
facendo nesta loita
a néboa aínda máis mesta.