As cores do moucho

As novas xeracións veñen pisando forte, non hai dúbida, rompen un tópico escurantista que xa duraba moito: os españois tamén a saber meter. Quero pensar que nese espelir complexos, unha miga tamén nos toca a nós, os galegos, aínda que a miña inxenuidade xa non é a mesma que cando neno. Hai outros tópicos que perduran, o discurso e a posta en escena parecen doutrora: as comparanzas cos touros salfiren o discurso e hai quen se lembra de José Tomás, estoques e tricornios locen nas bancadas, o xefe do Estado presidía o xogo, dos balcóns penduran enseñas, Manolo do Bombo ocupa segundos en cámara, os comentaristas recitan as 17 comunidades como se facía cos nomes dos ríos nas escolas de pupitre, catecismo e rezo diarios, reúnense nas prazas ao pé de grandes bandeiras, a canción Que viva España ameaza con rexurdir e cubrir o oco, a estas alturas aínda non cuberto, da canción do verán... Mágoa que os pilla con Manolo Escobar xa moi maior e co Fary, a Jurado e a Flores entoando o silencio eterno, senón abofé que este era o ano dalgún deles. Sempre terán a Camacho, a Rosa Díez do fútbol que sentenciou aquilo de que "siendo español, hay que sentirlo", e que cantando os goles parecía o mesmiño King África.
1 Comments:
E ao final os peores presaxios cumpríronse.
De vergonza allea!!!
http://br.youtube.com/watch?v=tCiHwHcegZM
By
omouchoasexante, at 6:41 da tarde
Enviar um comentário
<< Home