Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

11.1.10

Xogamos á oca?


En que se parece a política lingüística que desde o goberno se nos propón ao xogo da oca? Pois se mo preguntades onte diría sen dubidar que en nada, pero mirade por onde que hoxe xa son doutra opinión. Parécense e moito. Púxome sobre a pista a lectura do artigo que hoxe nos brinda Anxo Lorenzo no decano da prensa.

Seguídeme porque a partida vai estar entretida e vai ter de todo. Resulta que comezas a ler o artigo e é como xogar á oca. Nada máis saír botas o dado e consegues un 6. Pois trocotró! para a casa 12 que me vou. De ponte a ponte e tiro porque me leva a corrente!! Ou dito á galega se o preferides: De ponte a ponte e vou por auga a outra fonte!!

Desde os anos oitenta, co inicio da autonomía, o modelo lingüístico da educación en Galicia estableceu como obxectivo que todo o alumnado acadase un coñecemento semellante e pleno das dúas linguas oficiais (galego e castelán) e que os centros educativos contribuísen ao mantemento e dignificación da lingua galega. Estes dous obxectivos enmarcábanse no respecto e aplicación da Constitución española, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei de normalización lingüística, documentos legais que impulsaron a cooficialidade do galego e do castelán, a non discriminación por razón de lingua e a promoción activa da lingua propia de Galicia. Sen modificar ese modelo de conxunción de linguas, a Xunta de Galicia elaborou e presentoulle á sociedade galega o 30 de decembro pasado as bases para un novo decreto educativo....

Iso é o que pasa neste parágrafo. Citamos a carta magna, o Estatuto, a LNL e de repente... zas!! aparecemos no 30 de decembro de 2009 coas uvas nunha man e unhas bases de decreto na outra. No medio semella que non debeu haber nada. Nin dous decretos anteriores, nin as recomendacións do Consello Escolar de Galicia, nin os estudos que alertaban do papel desgaleguizador que estaba a xogar o ensino, nin o papel dos movementos de renovación pedagóxica... Nada de nada. É o que ten que che saia un seis nada máis saír.

Se facemos un exercicio de imaxinación resulta que poderiamos seguir xogando e caer na 19. A pousada. Total que perdemos unha quenda e temos que agardar. Para pasar o rato alí ofrécennos unhas pseudoenquisas que debemos cubrir. Hai enquisas a esgalla, tanto podes cubrir unha como cincuenta. Seica teñen moito valor e responden "a un compromiso de goberno adquirido coa cidadanía", a pesar de que até agora non se lles preguntara nada aos pais nin ás nais e nunca nada pasara, pero iso pouco importa porque como nos saíu un 6 na primeira tirada, levounos a riada e non pasou nada.

Seguimos a xogar e vaites, caemos na 31. Non nos toca unha oca nin á de tres!!!. Eu non quero mirar para ninguén, pero aquí debe haber un desavegososo entre nós. Que hai na 31? O pozo!!!!! No pozo, no máis fondo do pozo, é onde imos topar todo aquilo que a corrente levou por diante, incluído o consenso que xa había ou que entre todos se soubo crear. Alí abaixo tamén habemos atopar a autoridade, a profesionalidade e o criterio do profesorado, os estudos, ditames e recomendacións que desde Galicia -e non só desde Galicia- alertaban da situación do galego no ensino -e non só no ensino-, o bo uso das palabras e o respecto polo que verdadeiramente significan. Mesmo se reparades ben habedes atopar algunha sentenza do Tribunal Constitucional, o mesmo que non dá parido a sentenza do Estatut, e con cuxo nome algúns se enchen tanto a boca. E se ademais de mirar ben tendes paciencia habedes atopar dúas cousas máis: o sentido común que se perdeu hai tempo e as bondades do que nas bases e neste artigo se nos propón. Porque ter, teraas, pero só moi no fondo se lle aprecian.

Máis botaduras de dados e zas!!! caemos na cela 42. O labirinto!! isto é, o envurullo, a lea, o enredo, a maraña, a confusión... na que nos vemos metidos porque unha boa tarde do mes de xuño de 2007 o PP decidiu meter a lingua na contenda electoral, facerlle caso a catro señoritos das cities galegas, retroalimentarse con Madrid, rúa Genova, Cope e Intereconomía e até hoxe. É de tal envergadura o labirinto que nin eles mesmos saben saír del.

Próxima parada? pois un golpe de sorte fainos evitar a cela 52 que vén sendo o cárcere e que só pode ser sinónimo de conflito. Como unha hipotética denuncia ou impugnación nunca iría polo Penal non hai risco de que ninguén vaia para A Lama ou O Pereiro de Aguiar, pero en todo caso isto só pode presaxiar que a cousa só pode acabar na cela 58. Ou sexa mal... ou quizais ben, porque tocaría volver comezar.

Retiremos estas bases porque non, non é un decreto necesario, non contenta a ninguén, non é aplicable, non é real e non facía falta se non se traspasasen unhas liñas vermellas que parecían ben esteadas, coñecidas e asumidas por todos.

1 Comments:

  • Encantoume a comparativa... eu que lle tiña tanto aquel ao xogo da oca, vai ser que agora lle estou collendo bastante arrepío á historia...

    By Blogger dende a periferia, at 11:03 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home