Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

11.9.06

Despois do catalán, por que nós non?


Leo en internet que unha das últimas accións de Montilla como ministro foi asinar un convenio cos responsables da política lingüística catalá ben substancioso. Nove millóns de euros para proxectos de moi distinta índole que ligan a lingua coas novas tecnoloxías: tradutores automáticos, dobraxe de películas, proxectos de acollida a inmigrantes... E seica esta non son as únicas axudas, senón que xa houbo outras e máis que se aveciñan (se cadra con el xa como molt honorable)...
Dende logo o convenio en si dá envexa sá e demostra que quen ten poder, ten poder..., pero tamén delata que non se realiza dende o Estado (nin parece haber intención de tal cousa) unha política lingüística global para o conxunto das linguas estatais. Certo que as situacións son diferentes, mais moitos dos proxectos seguramente serían extrapolables e aforraríanse custos... vai sendo hora que dende Madrid se mude o chip e se entenda que política lingüística é algo máis que a tradución dos webs institucionais ás distintas linguas, cousa que nin tan sequera ocorre sempre... e dende logo se co catalán é posible coas demais tamén...