Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

18.5.06

A resaca do 17



Apuntamentos breves dun longo día:
1. traxe folclórico regulamentario para os xornais galegos (enténdase as portadas) e agasallos e especiais deses mesmos xornais (a novidade deste ano: unha camisola);
2. a A-9 volver ver desfilar GZs polas súas peaxes; nada comparable, por suposto, a aquel histórico 1 de decembro de 2002, pero dá gusto ver que a capacidade de mobilización é unha realidade e motivo de orgullo
3. mentres ao norte o concello coruñés se desvirgaba nisto das celebracións e abandonaba a indiferenza pola hipocrisía, ao sur, na cidade máis poboada de Galicia todo o pouco (ou moito) que se fai co gallo das letras parte dos movementos veciñais e de base (o concello corinés non fixo ren);
4. en debatendo sobre se o 17 debe ser ou non festivo, moitos colexios camuflan o debate collendo libres os dous días que a normativa lles permite. Conclusión: na semana das letras, colexios pechados e media semana branca. Celebración oficial o día 12 de maio. Á par este moucho viu onte até dous electricistas a traballaren, un escaiolista amañando un local comercial, axencias de lotarías abertas; repensemos isto do día festivo.
5. mentres uns seguen coa harmonía, o harmonioso e o harmónico nos seus beizos, a leria sobre o deber ou non deber promete ser o sarillo en que andaremos envoltos nos próximos meses
6. o día péchase cunha Champions do Barça, un pobo orgulloso berra o seu himno en pleno pulmón de Francia, a megafonía do estadio tamén falaba catalán... eles non teñen día das letras; certamente non parecen precisalo moito.

1 Comments:

  • Creo que este non é o lugar mais apropiado, mais colo aquí a invitación para o autor deste blog e para os blogueiros en xeral:

    Desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra organizamos, para o martes 23 de Maio,ás 16:15, a Resaca das Letras 2006 [RdL06], unha xornada na que buscamos reivindicar a web galega.

    Queremos convidarvos a asistir, xa que o interese está asegurado ao falaren Amador Loureiro (dorfun), Berto Yáñez (chuza, aduaneiros), María Yáñez (Vieiros, todonada), Carlos Santiago (Arredemo), Marcus Fernández (codigocero) e Luis Álvarez Pousa (Tempos Novos).

    Tamén agradeceriamos que puxesedes unha nota nos vosos blogs a cerca do evento, xa que da asistencia dependerá a continuidade do certame en anos vindeiros.

    Un saúdo a animádevos a vir a Pontevedra este martes!

    Para calquera cousa: resaka06@gmail.com , e enviaremosvos o material das xornadas.

    By Anonymous Anónimo, at 5:26 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home