Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

18.11.06

O outro "L" do galego


Seica mudou o de obter o carné de conducir: exames con máis seguridade vial e menos mecánica, preguntas-trampa fóra e quen sabe se mellor redacción sintáctica, menos lápis e papel e máis ordenador e rato. Da lingua, das linguas non se dixo nada: descoñezo se noutros lares é posible facer os exames e estudar o código na lingua propia. En Galicia dende logo non e o curioso é que este moucho non sabe de ningunha campaña que alertara desta situación e fixera algo por mudala. Fanse campañas para galeguizar facturas, páxinas webs e mesmo lápidas mortuorias, pero a obtención do carné de conducir semella esquecida.
A galeguización das autoescolas limítase, no mellor dos casos, ao cartaz no teito dos coches; ao galego nisto da condución mesmo lle sobra o L.