Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

6.11.06

Eu subscribo



Xa rula en papel, para goce ou calvario do funcionariado, a segunda edición do Manual básico de documentación administrativa que dende aquí está dispoñible na súa primeira edición. Entre unha e outra modificáronse os exemplos consonte a nova estrutura orgánica da Xunta, adaptouse o texto ás últimas mudanzas ortográficas e corrixíronse algúns outros erros.
Tamén mudou o limiar: onde puña Consellería de Educación e Ordenación Universitaria agora pon Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde puña Celso Currás Fernández e o seu cargo agora pon María Sol López Martínez e o seu cargo. No demais subscríbese na súa totalidade.
Mal síntoma, non credes?
Por certo, este mesmo volume circula en papel acompañado dun CD co volume en PDF cuxa única utilidade é poder imprimir o que xa se dispón editado en papel ou descargable dende o web. Nada máis, nin tan sequera dispón de modelos configurados de modo que se poida traballar sobre eles. Curioso xeito de entender as novas tecnoloxías...