Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.3.08

7%


Nese 7% que quedou sen executar xa todos sabemos o que vai incluído... e trazas non hai de propósito de emenda.

25.3.08

Onde señor Valedor, onde?


E onde abonda o galego señor Valedor? Onde? Se cadra no ILG o índice de falantes está sobredimensionado, non? Se cadra nas aldeas que están a quedar despoboadas, non si?

Pero de onde quitou o tío Emilio a este tío por deus!!!!!

15.3.08

Os zetas


Estes socialistas sonvos listos coma allos dándolle ao "zeta": antes da campaña deulles por poñer na rúa carteliños coma o da imaxe e xa tivemos "GaliZia". Quedáronse tan panchos e ninguén lles dixo ren (cando menos nada parecido á que se montou cando en castelán fixeron rematar as palabras en "-z"). Por que non empregaron Galiza e todos contentos? (que pregunta máis ilusa non credes?)
Iso si, agora un entra no seu web e ben que aproveitan para dar as "grazas" cun "Z" voador moi ben disposto en flash.

7.3.08

Camacho e Rajoy


Leo n'A Nosa Terra que Rajoy falou galego ao saír do debate... a verdade é que é un titular ben ambicioso para o pouquiño que fixo. Escoitalo lembroume a Camacho a falar portugués... En que se parecen Camacho e Rajoy? pois xa non só en que ambos son do Madrid.

6.3.08

Os quehaides


Os quehaides son unha variante dos quefoides; non son cousas pasadas, senón presentes ou futuras. Cousas, ideas, iniciativas, propostas que parecen estar no limbo, ben porque non se materializaron, ben porque unha vez materializadas a súa concreción é máis ben cativeira e pouco ilusionante. Por isto, quizais son un chisco máis serias.
- Que hai da SGAT?
- Que hai do Día das Letras non festivo? e xa de paso, hai algo en llo dedicar a Carballo Calero?
- Que hai do rexuvenecemento da programación da TVG contemplada no PXNL?
- Que hai do deber de coñecer o galego á ferrolana? como non saber galego e safarse das multas
- Que hai da oferta positiva na Administración?
- Que hai da segunda canle da TVG? non hai sitio nos mandos dos televisores para ela?
- Que hai dos consorcios prometidos pola SXPL?
- Que hai de poñer unha base de datos terminolóxica en liña?
- Que hai da inspección educativa? vaise reforzar para velar polo cumprimento do Decreto?
- Que hai do Instituto Rosalía de Castro? volverá haber tortas para ocupar o seu cadro de mando como xa aconteceu con outros centros
- Que hai das gramáticas que había de publicar a RAG? atascouse o prelo indefinidamente?