Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

30.12.07

Os quefoides


Agora que remata o ano ímonos pór nostálxicos e falar dos quefoides. Tranquilos, non son ningún músculo cuxa localización descoñezades e talvez necesitedes exercitalo no ximnasio. Cos quefoides imos traer a escena por un intre aquelas persoas, cousas, proxectos, polémicas... que foron e xa non son e que, ás máis das veces, te decatas disto último sen querer, sen pensar.Véñenche á mente nun intre dado e suscitan a túa curiosidade por uns segundos.
-Que foi daqueles debates no cumio entre Monteagudo e Elías Torres que enchían aulas ata rebordar, fosen na facultade que fosen e sempre acababan defraudando? (o pobo quería máis)

-Que foi daquela traballadora de Agolada que perdera o traballo por falar galego? segue sen avogado?

-Que foi de Concha Costas? ex-presidenta da Mesa.

-Que foi de Edicións de Referencia e aquela vella arela de ter un xornal en galego progresista?

-Que foi de Encina Ramos, a voz feminina galega dos primeiros informativos da TVG? Foi vítima da tradución automática e agora chámase Aciñeira Polas?

-Que foi de Erica Mel? seguen etiquetando en galego? É certo que non todas as abellas eran galegas?

-Que foi de Galego21? e do Ciberlingua? Morreron de éxito?

-Que foi de Pupo? aquel cempés que hai anos falaba en galego na televisión e tanto gustaba aos rapaces.

-Que foi de Xesús Paulo Moreiras? último director de Política Lingüística; e do antepenúltimo? que foi de Manuel Tenreiro? formaron talvez un dúo baixo o nome Os harmoniosos?

-Que foi do Golfiño? aquela revista de banda deseñada que non tivo relevo nos quioscos

-Que foi do LubaTV? quen gañou ao final a liga de baloncesto? houbo empate acaso? (á hora que acabaron poñéndoo este moucho non estaba diante do televexo)

-Que foi do asterisco na palabra senllos que antes non valía e agora seica si? quen lle concede neste país a aministía ás palabras?

-Que foi dos Encontros de normalización lingüística? correron acaso a mesma sorte que os Reencontros de Carme Mella?

-Que foi (e que fai) da comisión bipartita asesora da SXPL? é certo que houbo cambios na parte socialista?

-Que foi de Avaliaxe? aquela páxina que se quería converter en guía de empresas galeguizadas e acabou sendo un revoltallo de caixas de aforro con panadarías de barrio.

-Que foi da segunda forma do artigo? Caeu no esquecemento máis absoluto? segue tendo practicantes e seguidores? é que os galegos xa non volvemos come-lo caldo desde xuño de 2003?

-Que foi de Josito Porto? segue a ver talibáns nos lingüistas das series en que participa?

-Que foi das pasantías de galego no Luar? xa non volverá ningún académico a ghastar pista xunto Gayoso?


Segue ti a lista...

1 Comments:

  • E que foi do Galegolandia que non actualiza o seu blogue?
    Volve! Por favor.

    By Anonymous Anónimo, at 9:31 da manhã  

Publicar um comentário

<< Home