Pasou o día, pasou a romaría e este moucho non dixo ren, que un cumpre anos e vai perdendo o humor para estas lerias. Quedan dúbidas, sospeitas, interrogantes... velaquí unhas cantas.
- Cal foi a cifra exacta dos asistentes á manifestación? hai que entender que entre 8000 e 25000 estará o termo medio?
- Pódese estar na misa e repicando? pódese capar e asubiar ao mesmo tempo? por acción ou omisión non hai unha co-responsabilidade no BNG que ninguén parece querer ver?
- Facía falta irse a Bos Aires e facer o paripé cos emigrantes, mesturando o institucional co partidario, apelar á galeguidade e dicir que non hai conflito e que non enredemos coa lingua?
- Que se lles perdeu aos pepedegallos en Celanova para ir celebrar o Día das Letras e ir amolar ao bo de Curros? Que vergonza!
- Xa somos un país maduro como para que colectivos afíns se contramanifesten ou rebenten manifestacións uns aos outros? como para que se cuestionen e critiquen iniciativas como a de bloguespolalingua cuns criterios máis que discutibles?
- De que vai a Cadena Ser distorsionando a realidade da manifestación?
- Cando vai mercar A Mesa unha boa mesa de son para estes eventos?
Por certo, non se sabe nada de que as autoridades sanitarias intervisen ante a vaga de lingua azul do domingo. Aínda bo foi...