Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

29.10.08

Luisma II


Un di Galiza, o outro di Galicia e este último foi devolto a corrais que se diría en terminoloxía taurina. Xa ten guasa que o mesmo que seguro que veranea ou pasea por Panjón, Bayona... e se cadra ten familia en Corujo veña agora dar clases de purismo e corrección.

(estaremos atentos ao documento sonoro para ver a Luisma López-Chaves 2ª edición)

27.10.08

Labirinto


Cando posiblemente a normalización lingüística está máis rebatida e cuestionada, cando fases e estadíos que se crían superados (como a necesidade de dispor dunha Lei de normalización lingüística) volven ser removidos (por grupos minoritarios, pero barulleiros e con parabéns mediáticos) non sei moi ben a que intereses obedece resucitar ou querer pór en primeira liña as relacións do galego co portugués. Francisco Rodríguez saberá.

Este moucho quédase coa carta aberta de Xoán Vázquez, un galego emigrado en Nova Jersey, que non teño o gusto de coñecer nin de saber exactamente o que aló fará, mais que non di cousas nada desatinadas ao respecto.

Este moucho évos moi inxenuo e pensou que había acordo en que o debate normativo gastara xa moitos esforzos e fixera moito dano. A chamada "normativa de concordia" non ten por que ser un punto final, claro que non! pero déixemola levedar un pouco, que colla corpo, que descansen os lingüistas un tanto do tema e a outra cousa! que digo eu que haberá moito que facer.

Por certo, que agora no país temos dúas academias, pois bárbaro, tamén temos sete campus universitarios, nove cámaras de comercio, tres aeroportos... En Galicia todo ao grande, xa se sabe!!!!

19.10.08

Pouco xeito


Teño as miñas dúbidas de que este sexa o ton máis correcto para o fin desexado polo que non é de estrañar a nova de LD ou que ao Faro lle faltara tempo de montar a súa enquisa.

O que lle cumpría a unha campaña deste estilo eran dúas cousas: xente coñecida que en efecto mudase o seu nome e apelidos, e que a CRTVG comezase a pronunciar á galega os Seijo, Ameijeiras, Tojeiro...

13.10.08

Tirar a dar


O artigo desde logo é dos que tiran a dar, aínda que se cadra a diana non é a máis adecuada: este moucho non é da idea de que haxa en marcha un plan para facer un galego light, adulterado e descafeinado, por algún que outro exemplo que poida apuntar nesa dirección. Non pillaredes a este moucho lanzando ese dardo.

Chamo a amigos filólogos e dinme que bote os dardos contra as editoriais e o seu xeito de produciren libros coma churros, contra a súa promoción do freelancismo e a pouca aposta pola profesionalidade e a estabilidade laboral, contra a Administración que non vela pola calidade dos libros malia subvencionar os máis deles, contra esa mesma Administración que espallou o tradutor a eito e sen control, contra os plans de estudo universitarios que evolucionan a paso de tartaruga e seguen criando excelentes filólogos para faceren a segunda parte do ALGa (cando a primeira aínda non está completa) e con nulos coñecementos de corrección textual, contra unha Academia cuxo vigor editorial se limita a unhas normas e a uns dicionarios que sempre nos deixan a medias e non deixan de sorprendernos a cada edición, contra as novas xeracións de filólogos, fillos das primeiras playstations, e que non saben en que póla se meteron...
Cantos dardos van xa? Engade ti outros máis...

9.10.08

López-Chaves, o Luisma

Tiña gañas de que a puxeran en rede o documento sonoro e visual. López Chaves na súa calidade de secretario e en perfecto castelán dando fe de que "Galiza non existe". O documento tédelo aquí, mais non podo evitar facer comparanzas co Luisma da serie Aida, outro que se di notario e dá fe.

6.10.08

De vídeos vai a cousa


Ana Palomo no Star Academy 8
Cargado por seioque

Como vos queda o corpiño despois de escoitalo eh??!!!

Dos acentos xa nin falamos pois o que nos temiamos cumpriuse. Non nos queren ver, non nos queren escoitar. Así de simple. E con embaixadoras como a gandeira-servecopas de Vimianzo así nos loce o pelo!!