Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

27.10.08

Labirinto


Cando posiblemente a normalización lingüística está máis rebatida e cuestionada, cando fases e estadíos que se crían superados (como a necesidade de dispor dunha Lei de normalización lingüística) volven ser removidos (por grupos minoritarios, pero barulleiros e con parabéns mediáticos) non sei moi ben a que intereses obedece resucitar ou querer pór en primeira liña as relacións do galego co portugués. Francisco Rodríguez saberá.

Este moucho quédase coa carta aberta de Xoán Vázquez, un galego emigrado en Nova Jersey, que non teño o gusto de coñecer nin de saber exactamente o que aló fará, mais que non di cousas nada desatinadas ao respecto.

Este moucho évos moi inxenuo e pensou que había acordo en que o debate normativo gastara xa moitos esforzos e fixera moito dano. A chamada "normativa de concordia" non ten por que ser un punto final, claro que non! pero déixemola levedar un pouco, que colla corpo, que descansen os lingüistas un tanto do tema e a outra cousa! que digo eu que haberá moito que facer.

Por certo, que agora no país temos dúas academias, pois bárbaro, tamén temos sete campus universitarios, nove cámaras de comercio, tres aeroportos... En Galicia todo ao grande, xa se sabe!!!!

1 Comments:

  • Sr. Asexante, faga o favor de poñer ben a ligazón á carta aberta de Xoán Vázquez, que é a seguinte: http://www.xornal.com/article.php?sid=20081027080744

    By Blogger estruturas disipativas, at 10:01 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home