Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

7.7.08

Pensar co cu


Din os da Mesa do Turismo que isto da cooficialidade lingüística non se respecta, que isto de que haxa máis lingua que unha é unha lea, un incordio, un fastío... só lles falta dicir que detectan unha mingua de visitantes naquelas zonas con lingua propia porque os habitantes desas zonas, atrasadiños eles, se empeñan en falar na lingua que non deben.

Céntranse na sinaléctica, que crea confusións... este moucho sen ir máis lonxe o verán pasado topouse alemáns en Sanxenxo que chegarán aló seguindo os indicadores de Marbella, non se descarta que ao Courel cheguen holandeses despistados que pensan que aínda están nos Pireneos, e recoñezamos que todos nos topamos algunha vez algún guiri nos servizos do aeroporto abrindo nas portas das letrinas, pensando que detrás dalgunha estaría a súa pista de embarque.

Hai que unificar, caiamos da burra, U-NI-FI-CAR, que iso da diversidade non vende... unificada a lingua (que para iso é común), despois habería que seguir coa gastronomía, por exemplo, que non pode ser que nuns sitios prime a tortilla con cebola e noutros sen ela, que non pode ser que nuns sitios as claras sexan con gasosa e noutros con limoada, e o da paella xa non digamos, é un sarao que non vai a ningures: paella unificada xa!!! En todos os sitios, os mesmos ingredientes.

Manifesto pola paella que nos une, xa!!!!!

Para máis adiante seguiríase coas festividades, os acentos, as canles de televisión... o importante é que os turistas marchen contentos e que unha vez visto un sitio fose como se xa visen todo.

O que non entendo é como é que estes señores que rexen o turismo ibérico constituíron unha Mesa, non lles sería máis acaído un presebe?