Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

3.8.08

Saber vender


Lectura deste moucho da fin de semana: borrador da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia. Visto o escándalo montado e as ansias por derogala, antes de entrar en vigor, que xa lles entrou a algúns, un agardaba toparse con preceptos lingüísticos que non deixaran nada á improvisación. Desde que o cliente entra pola porta até que sae coa bolsa co produto pendurada da man, todo en galego (atención oral, instrucións, tique, etiquetaxe...).

Pois non. Un artigo 8, estruturado en tres alíneas, do máis inocente, inocuo e racional. Supera, iso si, o xeito de redactar doutras normas lingüísticas e por fin se empregan as perífrases de obriga.

A que vén tanto escandalo? pois a que as eleccións están próximas e o Feijoo nisto da lingua vai en plan kamikaze e coas luces apagadas, todo o que se mova lle vale para armar barullo.

Con todo algo disto tamén debería imputárselle aos promotores e, xa que falamos de comercio, hai que aprender a vender o produto e envolvelo en cores bonitas: falar coas asociacións de comerciantes, cámaras de comercio... Se, por exemplo, se asina un convenio coa Federación de comerciantes para facer un dicionario, non é lóxico que despois desde a mesma Federación se erga a voz e se abra o escándalo.