Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

3.2.09

Falou o pobo


Falou o pobo e este moucho non está de acordo co seu veredito: sen lle negar a importancia que teñen, non creo que o futuro pase por unhas galescolas que coidan dos cativos, por moito que uns vexan nelas viveiros de bloqueiros cando en moitos casos son antigas garderías ou escolas infantís renomeadas.
No ensino xa teñen posto moitas cartas e non se revelou aínda como unha fonte de galegofalantes. A campaña E logo! dóenos nos petos para os resultados que dela se poden obter.
A este moucho o que lle convence é o De luns a venres, a súa publicación diaria, a súa distribución urbana, enchendo de letras galegas os Urzaiz, Progreso, Rosalía de Castro, Juan Flórez... do rueiro galego. A esa batalla si me apunto.
E para os que lles guste votar velaí ten unha nova enquisa. A un mes das eleccións, logo de que Marisol se confesara en Gznacion e días antes dos Encontros das lamentacións do que puido ser e non foi.