Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

28.7.08

De interese


Ao asexo estaremos desta serie iniciada polo diario Público sobre a discriminación lingüística das linguas cooficiais.

23.7.08

Mil manifestos máis...


Que por manifestos non quede... ao da Federación de Escritores Galeusca, agora unéselle o da Mesa. Boto en falta "primeiras espadas", xente con gancho mediático...
- Por que en Galicia hai "primeiras espadas", non si?
- Por que en Galicia hai xente mediática, non si?
- Ah, caramba, habelos hainos, pero non destacan precisamente por...
(permitídeme este monólogo comigo mesmo)

19.7.08

Ulos e ulas?

E neste manifesto non botades en falta máis profesores galegos e, sobre todo, de universidades galegas? Ou é que Taibo xa asinou por todos?

15.7.08

Galixia?


Xogo de agudeza visual que parece propornos Política Lingüística, vede a introdución ao web da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos". Non vos deixedes engaiolar pola boa música e se a vista non engana a este moucho, velaí veredes "A Xeración Galixia".

(estes lentes que puxen sonvos caralludos :-)

13.7.08

Máis sobre a EGU


A este moucho de pequeno ensináronlle a facer marcas nos cadernos e nos libros: nos cadernos para cando había que facer unha redacción de X liñas, un primeiro contaba as liñas que eran e sinalaba a liña que debería ser a última; nos libros para saber onde quedaba un lendo, dobrábase lixeiramente un recunchiño da folla en cuestión e listo (daquela, sonvos moi vello, non se levaba tanto o dos marcapáxinas...).

Pois ben, unha marca deste estilo é a que boto de menos na recentemente posta en rede EGU; por que entre as súas entradas atopo cousas como estructura e servizo? diferencia e ao mesmo tempo presenza?

A que vai ser que temos unha enciclopedia de dous sabores, metade normativa, metade non-normativa? Onde está a marquiña que separe o feito antes e despois de xullo de 2003?

Iso avísase Bieito!!! Claro, facer unha enciclopedia leva o seu tempo, por suposto (que llelo digan aos que agardaron por teren todos os volumes), e en facéndoa pillounos a cachimba da paz do 2003. Mais, á hora de póla en liña tempo tiveron de facer no texto as correccións oportunas, non si? Co fácil que era pasarlle unha macro ou un script que limpara o texto de grupos cultos nun amén, así como facer as buscas automáticas que cumprisen.

A cousa debe andarvos pola letra i, se as miñas peritaxes non me enganan, palabra arriba, palabra abaixo a marquiña habería que póla por irreductible.

Que a prensa amarela galega saia xa con eses titulares: "La EGU online está sin actualizar a la nueva normativa" (La Voz de Galicia); "Industria financia una obra en red que no incluye los últimos cambios normativos" (El Correo Gallego); "A editorial incide en que se trata dunha versión beta" (Galicia Hoxe)

12.7.08

Tele Espe


Un exemplo do que se pode ver por Madrid...

9.7.08

Pedrojotadas


Calquera diría que traballo para Público, mais gustoume este debuxiño de Manel Fontdevila.

Egu, egu


Señores da Editorial Ir Indo, e agora que a EGU xa está en rede e mañá se lle renderán os honores pertinentes na inauguración oficial, o moucho pregunta: esta obra vén por moito tempo ou dentro dunhas semanas van retirala vía nota de prensa como xa pasou co seu irmán pequeno? Sei de quen ten moito interese en vela, que lle digo? Ten que botar dúas noites en vela para degustala ou non vai haber problemas como xa pasou hai pouco?

E outra cousiña máis, vai haber que pagar nun futuro por consultala? Que significa iso de que se te subscribes agora terás acceso de balde até outubro?

8.7.08

Lalala


2008 ano tráxico: descóbrese que Massiel e o seu La,la,la gañaron Eurovisión con votos mercados; o Concello da Coruña dáse por vencido e tira a toalla na súa loita que parecía eterna... A este paso, quen vos di que á nota musical non lle fan a festa como lla fixeron a Plutón e a baixan de categoría na escala?
Sempre quedará David Tavare (por certo quen está ao mando do iate? non sei, non sei... sabedes se Paco Vázquez tiña título de patrón de embarcación ou algo así?)

7.7.08

Pensar co cu


Din os da Mesa do Turismo que isto da cooficialidade lingüística non se respecta, que isto de que haxa máis lingua que unha é unha lea, un incordio, un fastío... só lles falta dicir que detectan unha mingua de visitantes naquelas zonas con lingua propia porque os habitantes desas zonas, atrasadiños eles, se empeñan en falar na lingua que non deben.

Céntranse na sinaléctica, que crea confusións... este moucho sen ir máis lonxe o verán pasado topouse alemáns en Sanxenxo que chegarán aló seguindo os indicadores de Marbella, non se descarta que ao Courel cheguen holandeses despistados que pensan que aínda están nos Pireneos, e recoñezamos que todos nos topamos algunha vez algún guiri nos servizos do aeroporto abrindo nas portas das letrinas, pensando que detrás dalgunha estaría a súa pista de embarque.

Hai que unificar, caiamos da burra, U-NI-FI-CAR, que iso da diversidade non vende... unificada a lingua (que para iso é común), despois habería que seguir coa gastronomía, por exemplo, que non pode ser que nuns sitios prime a tortilla con cebola e noutros sen ela, que non pode ser que nuns sitios as claras sexan con gasosa e noutros con limoada, e o da paella xa non digamos, é un sarao que non vai a ningures: paella unificada xa!!! En todos os sitios, os mesmos ingredientes.

Manifesto pola paella que nos une, xa!!!!!

Para máis adiante seguiríase coas festividades, os acentos, as canles de televisión... o importante é que os turistas marchen contentos e que unha vez visto un sitio fose como se xa visen todo.

O que non entendo é como é que estes señores que rexen o turismo ibérico constituíron unha Mesa, non lles sería máis acaído un presebe?

2.7.08

Alá ti!


Amigo Óscar, en bicicleta ou a pé, ti o que pretendes é ir cos da feira e volver cos do mercado. Non sei na túa, mais na miña vila, as cousas non se fan así.

Mágoa porque sempre que te escoitei deume a sensación de teres a cabeza moi ben postiña... enleáronte, enleácheste, ti saberás...

As sestas deste moucho este verán van ser máis longas, non se me perdeu nada nas estradas francesas.

Ventá aberta


O xornal Público estase a revelar como o recuncho da prensa onde poder atopar un mínimo de cordura, sensibilidade e realismo á hora de tratar o tema das linguas que en Madrid chaman periféricas. Aquí seguimos sufrindo cousas como o Faro sempre con espazo para a parella de moda.

Por que os grupos de comunicación galegos non se apuntan directamente ao Manifesto por una lengua común?

1.7.08

Rexurdir


Veu para marcharse e, visto o visto, marchou para volver... Uns tiñan a plataforma, outros tiñan o dicionario e nin para ti nin para min. Este moucho calou porque algo facía pensar que habería unha terceira parte e aí está, o digalego volveu en si, quitáronlle o candado, a caixa de texto volve estar aberta e a buscar toca. Ao final como definimos o acontecido? Perrencha? medida de presión? cesión ás presións? malentendido? confusión? desavinza que remata en avinza? trapallada? ridículo duns e doutros?

O amigo Milincho non lle daría tantas voltas ao tema e diría aquilo de a xente anda aos cartos e ao carallo!!!!