Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

10.4.07

E agora que?


De fracaso insólito cualifica o Consello Escolar na páxina 630 do seu informe o da lexislación lingüística no ámbito do ensino. Di que nin se cumpre aquilo que se debería cumprir por lei. Segue e di que a situación máis deficitaria está nos máis cativos (educación infantil e primaria). Continúa e di que os equipos de normalización lingüística son estruturas débiles no conxunto dos centros. Prosegue e confirma e insiste que o sistema de cursos até agora practicado está caduco (aínda menos mal que está próxima a súa reconversión). Engade que o das campaniñas como as d'O tren da lingua habería que ir repensándoas ou cando menos valorar rigorosamente o que supoñen en canto a avance no uso da lingua e mellora das actitudes.
En definitiva, o máximo órgano de participación e consulta en materia educativa do país dá todo un repaso á política lingüística no eido educativo (interesante o voto particular da CIG nas páxinas 683-685). Durante anos criticando que a antiga DXPL dependese de educación e que fose neste ámbito onde máis se actuase e resulta que non nos queda nin o consolo de que cando menos se estaban a facer ben ou medianamente ben as cousas... algo que por outra banda xa sabiamos, mais que o diga un informe sempre convén e dá máis forza...
E agora que? Que dirán os que nos últimos tempos se enchían a boca coa suposta imposición, liberdade de idioma e outras miraxes? Enténdese agora as constantes e repetitivas reclamacións de colectivos como A Mesa? Contribuirá o novo decreto a mudar algo? Notarase o troco dos Bolechas polo ditoso tren da lingua? Moitas preguntas no ar e a falta de respostas a este moucho dálle por lembrarse a estas alturas dos Currás, Tenreiro and company... quizais están por chegar aínda os que os fagan bos, mais volver escoitar o do bilingüismo harmónico crédeme que con estes datos vai camiño de raiar a provocación e ser incitador á violencia.

Mañá falamos doutra que tal baila: o galego nas cidades.