Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

14.8.08

Bravo Sergio, bravo


Porque os mouchos non temos lingua que se non abofé que xa a tiña en sangue de tanto trabar nela e ficar calado estes días... pero había que saír, había que saír porque xa temos a declaración do verán.
O xogador do Dépor Sergio que di que o catalán e o galego non son linguas, e nós sen sabelo. Pero como non o dixeches antes home? ou é que fixeches un curso de verán na Pompeu e chegaches recentemente a esta conclusión? Non sexas tímido e comparte esa sabedoría que se ve que posúes coa humanidade. É máis, eu penso que deberías deixar o fútbol, perfeccionar e consolidar coñecementos durante un par de anos e eu véxote no 2011 recollendo o Príncipe de Asturias das Letras, das Ciencias Sociais, de Investigación... ou calquera outro que te propoñas.

A ver amigo, na próxima entrevista con que nos vas iluminar? que tal se lle metemos man á táboa periódica? penso que hai demasiados elementos e moitos deles cun número atómico moi baixo. Veña, cóllea e alixéiraa un pouco. Elimina os que ti vexas, tampouco lle deas moitas voltas... Os non metais, os halóxenos, os alcalinotérreos e os gases ao lixo con eles, que che parece?

Dá gusto ver como a xente se mete a lingüista, enuncia os seus postulados, pronúnciaos en público e aquí non pasa nada. Lingüistas somos todos pola graza do deus da Ignorancia acompañada da virtude do Atrevemento.

1 Comments:

  • Haha, que fenómeno este home. O resto da entrevista non ten desperdicio: película preferida "Rocky III", enganchado a Bea, desde que leva na Coruña non leu libro ningún, pero si revistas de lercheo, non sabe poñer unha lavadora...
    Que figura!!!!

    By Blogger omouchoasexante, at 7:42 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home