Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

19.8.08

50 anos felices


Estimado Sr. Mouchoasexante,
Agora que xa volveu das vacacións e parece que trae o peteiro ben afiado ofrézolle un documento gráfico inédito que acho de interese para contemporizarmos a respecto do
coruñesian way of life e a bilingua e outras características dos habitantes da cidade herculina.
Creame se lle digo que a súa visión me turbou levemente, detivo o meu camiñar e fíxome pensar por un bo anaco. Motivos estes polos cales lla envío para a súa análise e consulta.
Se lle ten curiosidade o feito e lle cadra andar pola Coruña, despois de mercar libros sisudos para lingüistas con carné na feira do libro antigo (no caso de seren do seu interese), déalle un paseo pola avenida de S. Roque de Afuera [sic] e poderá velo todo con eses olliños de moucho que a vida lle deu ou vostede se puxo.
Reciba un cordial saúdo da súa correspondente improvisada,

Adelita

Estimada Adelita, non quero comezar esta disertación sen antes agradecerlle a confianza e amabilidade de me facilitar esta fotografía tan reveladora e chusqueira. Tómolle a palabra e quen sabe se co tempo este moucho, que publicamente lle responde, acaba montando un consultorio lingüístico. O galego xa ten observatorio, ONG, arquivo, academia, instituto e centro de investigación, fundación, día propio, secretaría xeral, departamentos universitarios, sindicato profesional, grupo exterminador... Bótase a faltar, certamente, un espazo multitemático ao que acudir cando as dúbidas nos xurdan, a confusión nos asalte e as situacións nos parezan insuperables: que facer se a nosa parella non permite que lle falemos en galego en pleno acto? a onde levar o neno se apreciamos que comeza a falar o galego coma Touriño? como actuar se un veciño de escaleira se apunta aos tangallegos e nos rouba mes a mes o Longa lingua da caixa do correo? Os perigos e a casuística é infinita. Convén estar preparados.


Indo ao que nos ocupa, como lle dicía a foto é ben chusqueira, o cal non é sinónimo de inocente. Comprendo a súa inquedanza inicial ao vela. Non deixa indiferente. Di vostede que corresponde a unha parede da cidade da Coruña, cuxo devir lingüístico nos últimos tempos é ben coñecido por todos e a súa presenza nela abofé que non é gratuíta nin casual (do demo se as centenarias pedras compostelás aturaban tal razoamento por moito tempo). Mais é unha mágoa, malia vostede indicar a rúa exacta, que non saibamos a zona en que se localiza. Isto é, coincidirá comigo en que non é o mesmo que estea nunha zona asidua de botellón e excesos etilíticos nocturnos, que pertenza (ou estea camiño de) a unha zona nobre, estilo urbanización de clase media-alta, en que os Mini Cooper e BMW serie 1 descansen nas beiravías e garaxes, a televisión satélite e seguridade privada sexan comunitarias e cada "casiña" dispoña de cadanseu can afable e rebuldeiro coas caras coñecidas, implacable e feroz coas facianas estrañas.


No primeiro caso habería que entender o graffiti como unha inspiración nocturna só atribuíble á graduación dos preparados a base de JB, Absolut... e bebidas carbonatadas. Cantas boas ideas nos teñen xurdido a todos a iso das tres e media da mañá, camiño do antepenúltimo local, cunhas copiñas xa baixadas cando a risa xa é frouxa e as neuronas bulen na cabeza na procura do repouso interrompido!!!! Mesmo sei de casos de monolingües acérrimos e convencidos que comezan en tal estado a practicar un bilingüismo sorprendente e, pola contra, coñezo bilingües que comezan a non remexer a lingua na boca e o seu falar semella máis unha interlingua digna dun gabinete de logopedistas que dun desexo explícito e inequívoco de querer estar a ben cos de Laíño e cos de Lestrove.


No segundo caso, a priori, a fachada non parece ser propia dunha urbanización á descrita. De aí que se garden as reservas e se acuda ás parénteses. É posible que estea "camiño de", que o seu autor ou autora de volta do traballo, camiño cara á casa, detivera o seu coche a unha beira e a plasmara negro sobre cemento. Quizais un médico do Sergas? un profesor de Historia da ESO? un director de banca? un arquitecto de éxito? A saber a autoría das tres liñas!!!!

O motivo? máis insodable aínda estimada Adelita: un cabreo ao volante por caer nun atasco provocado polo Correlingua? a queixa na consulta dunha paciente que resultou ser socia da Mesa? unha circular da inspección de Educación malentendida (porque seguramente non era tan fera)? un titular do xornal dando conta dunha nova conferencia de prensa de Bieito Lobeira? unha aposta entre camaradas de ximnasio que están a pensar en se apuntaren a Galicia Bilingüe por non creren soportar a presión nacionalista? Vaia vostede a saber. O caso é que quen escribiu tales liñas vén dicir algo así como "non me veñades con lerias". Non quere regras marcadas, non está para contos, non lle vaian con circulares ou queixas. Se o que lle molestou foi o Correlingua seguro que non lles meteu o coche aos rapaces porque xa se sabe que a mocidade de hoxe en día axiña se revolve e se volve contra un, e volver pintar o coche custa o seu.

Reparemos, ademais, en dous factores: a grafía non parece infantil ou adolescente, nin presenta irregularidades só propias dun pulso tremente e bailarín provocado polo alcohol e dificultado pola nocturnidade e carencia de luz natural. Así mesmo, se a parella en cuestión xa leva 50 anos casados iso só pode indicar unha cousa: o autor ou autora xa non é un neno ou nena. Xa seguramente ten prole propia, peitea canas ou ten próxima a menopausa, e tiña uso de razón cando o Amstrong se di que pisou a Lúa. Xa que logo, xa seguramente ten os seus usos lingüísticos moi ben esteados, asentados e definidos.


Interesante sería tamén coñecermos canto tempo leva a fachada termando do texto, isto é, cando foi escrita. As letras non semellan moi borradas e non parecen estar especialmente ao abeiro da choiva. Podería ter un ano? se cadra ano e medio? Mmmmm a que organización se lle podería sinalar a mesma antigüidade? (o moucho non sinala a ninguén, só da ideas...).


Enunciados estes interrogantes e cautelas, entremos en fariña e analicemos o que se nos transmite: o autor ou autora confesa a dicotomía lingüística en que os seus proxenitores labraron e estearon a súa convivencia marital. A nai, seguramente muller da súa casa, fala galego, mentres que o pai, profesional autónomo, empregado de banca ou, se cadra, de procedencia non galega, fala castelán. Pero, ollo, as árbores non deberían impedirnos ver a fraga: a pintada está escrita en castelán. Ese "años" nada ten que ver coa raza bóvida nin co embaixador de Woolite. Ese "años" só é sinónimo de "doce meses". Mire por onde xa sabemos algo d@ nos@ amig@ dos sprays.




Velaquí, un exemplo gráfico, de como en tres simples liñas se confirma un dos axiomas dos estudos sociolingüísticos galegos: mal negocio para a lingua este o do bilingüismo. Bilingüismo subtractivo chámanlle os expertos do caso gallego.



Continuemos: podería deducirse da pintada que o bilingüismo é indicio, sinónimo ou factor favorecedor dunha maior felicidade? Francamente Adelita, este moucho carece de opinión. A sociolingüística galega aínda non se desenvolveu dabondo como para encetar novos vieiros e comezar a manexar variables tan dispares como a felicidade, o éxito persoal ou a predispoñibilidade a padecer alzheimer etc etc... Non se coñecen casos en que o emprego das dúas linguas sexa predispoñedor para unha maior felicidade familiar, e, desde logo, en ningún caso se pode inferir, e isto hai que dicilo moi alto, que o emprego dunha soa sexa un xeito de invocar á infelicidade ou desgraza.

Todos coñecemos parellas de velliños ben entrañables que xa celebraron as súas vodas de ouro, nunca outra lingua falaron mais que o galego e só un lles pode desexar saúde para os días que lles restan e, se for posible, outra vida para volver vivila tan dignamente.




E tamén todos coñecemos, ou podemos facilmente imaxinar, parellas que se din "bilingües" eles dous, destes que axiña pronuncian "yo contra el gallego no tengo nada en contra", cuxa rodaxe como parella non chega nin á decada e que chegados un momento ben que acudiron ao notario para asinaren, en perfecto castelán, a separación e convenio regulador correspondentes: a casa para ela, o coche para el, a hipóteca subrogámola, os nenos con ela e que decidan cando cheguen á maioridade... e as linguas? Que facer coas linguas?

As linguas nestes casos non importan Adelita: cada un coa súa e toca buscar con quen volver cruzala, trabala, enredala e, sen ánimo de resultar procaces, groseiros ou porcalleiros, toca buscar novo burato e/ou cavidade onde volver metela. Desta última felicidade erótico-festeira e mais da producida pola gastronomía (degustar o noso prato preferido, lamber e derreter un xeado sabedoiro, degustar un bo licor...) é das únicas das que sabe este moucho que sexan producidas directamente pola lingua. O resto é querer desviar a atención, entrampallar as cousas, querer facer ver o que non é, xogar á demagoxia e á confusión.


Comprendo, prezada Adelita, a súa sorpresa inicial, o seu pasmo, o seu querer comprender, mais se o pensa ben a cousa non é para tanto. Intención desde logo non lle falta ao/á nos@ amig@ secret@ e mentres o único que manexen nas súas mans tipos coma el ou ela sexan sprays todos contentos e nada que temer. En todo caso, se lla quixeramos devolver e desacougal@ un pouco todo sería buscar unha parede próxima e deixarlle algo así como o que pecha esta humilde resposta. Mesmo se a quixeramos asinar e asemade darlle maior categoría, todo sería consultalo co bo de Isaac Díaz Pardo, o precursor da corrente xenitalista da sociolingüística galega, e de certo que se había prestar para asinala.


Wizard Animation

Sen máis, Adelita, despídese este moucho con cariño e gratitude.


2 Comments:

Publicar um comentário

<< Home