Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

29.8.06

DOG en castelán primeiro


Coméntamo un moucho funcionario e seica sucede algún que outro día: a primeira hora da mañá o DOG só está dispoñible en castelán e minutos despois acaba aparecendo tamén en galego. Explicación? Moi sinxelo, o diario oficial deste país realízase en castelán e despois é traducido –automaticamente– ao galego.
A imaxe negativa e lectura que disto se poden facer resultan obvias: a lingua galega está moi lonxe de ser lingua de traballo da administración galega, está en terra de ningures máis cerca do uso simbólico que do operativo. Maniféstase como un requisito máis, unha obriga máis como pode ser o emprego do papel oficial correspondente ou o cumprimento no procedemento dos preceptivos trámites. Que ten que ser en galego está naturalizado, que haxa que agardar pola versión galega cinco, quince ou vinte minutos córrese o risco de que tamén o acabe estando.

26.8.06

Lingua e fútbol


Lingua galega e fútbol teñen unha relación especial. Para empezar no seu momento houbo dúbidas de se tiña que ser fútbol ou futbol (por aquilo da acentuación na lingua orixinaria, que se os portugueses si a respectan...) e por aí aínda circula algún Xerais coa acentuación virada. Pero dicir lingua galega e fútbol é dicir a rentes do pao, falar de longueiros e seareiros (así con e aínda que todo quisque pronuncie siareiros), de bancadas ateigadas, de padiolas e de saques dende o curruncho grazas ás retransmisións televisivas. Aquelas primeiras con Manuel Pampín suscitando debates e discusións sobre se era deste ou destoutro equipo (aínda hoxe non se sabe moi ben de que pé coxea...). O futbol, por mal que lle pareza aos non futboleiros, contribuíu ao desenvolvemento do galego, á formación do seu estándar léxico como poucos outros ámbitos. E aínda hoxe o fai o deporte en xeral, se non que llo digan aos responsables de Vieiros que no seu intento de facer xornalismo deportivo en galego son moitos os baleiros e lagoas, sobre todo léxicas, que teñen que enfrontar (en Cataluña o groso da terminoloxía deportiva catalá asentouse a canda os xogos olímpicos do 92).
Miren se ten a súa importancia a cousa que á vista da seria ameaza de que a TVG sen quede sen o fútbol do sábado á noite, atopamos xuntos reclamando o mesmo á Mesa e ao PP.
Por certo, ben polo detalle da Sexta, mais este moucho e moitos máis non temos aínda dixital...

24.8.06

Vacas con gheada?


Seica as vacas teñen acento. Alguén se decatara tal cousa do noso animal nacional? A vaca ten dado para unha obra de Rivas, coa bandeira galega de fondo é o antidoto ante tanto touro bravo sobre fondo vermello e amarelo, e agora que o penso mesmo é obxecto dun proxecto no mesmísimo Centro Ramón Piñeiro, ese centro de investigación que tantos cartiños de política lingüística leva consumido... Logo do refraneiro, encetarase a análise fonética da vaca galega?? convocoranse bolsas de colaboración ao respecto? cal será o perfil? será ser fillo de gandeiro un mérito ou un requisito? E o ILG? contraprogramará cun Atlas lingüístico-bovino de Galicia? porque seguramente non fale igual unha cachena ca unha marela e ao mellor hainas con seseo ou con gheada...
O tema certamente que se presta...

22.8.06

Publicidade a eito pero sen xeito


Este moucho observa que en pleno século XXI a guerra dos prezos xa non está nos comestibles senón na tecnoloxía, os mp3s, TFTs e ordenadores portátiles substituíron o aceite, o deterxente ou a botella de Soberano doutrora, e cada vez son máis as cadeas comerciais dispostas a equiparnos o fogar co último chegado de Xapón ou Taiwan.
Na cidade máis poboada do país, mesmo é a guerra. Nunha mesma área comercial comparten teito unha cadea portuguesa e unha catalana. Folletos de inauguración multipáxinas, a toda cor e moreas de fotos. O idioma elixido? o castelán como non... Con todo, no folleto da portuguesa aínda quedan retallos do tipo "disponivel" (sic) (no anuncio dun mp3), "viagen" (no anuncio dun secador) ou "retrácteis" (no mesmo anuncio do secador); no folleto da empresa catalá o castelán está impoluto, mais convidásenos en catalán a contribuír co medio tirando o folleto a un colector de papel cando xa non nos sexa útil. Da lingua galega nin a máis mínima pegada.
Ás veces penso que a normalización se perde día a día con cada comercio que se abre...

19.8.06

Shola y Angeliño


Sei polo último número de Tempos da existencia desta xoia da literatura infantil. Na arquicoñecida colección Barco de Vapor e da autoría de Bernardo Atxaga está dispoñible Shola y Angeliño, para lectores de sete anos e que ten por protagonistas a uns cans. O argumento? velaquí o oficial tirado da páxina web:

Shola va de viaje al campo. Allí conocerá a Angeliño, un perro muy tozudo que está empeñado en cazar a un ratón muy listo. Shola decide ayudar a su nuevo amigo y, en la aventura, terminará por convertirse ella también en una perrita de pueblo.

O non oficial ou, mellor dito, o que se agocha detrás desta viaxe ao campo é un uso diglósico da lingua: a Shola seica é unha cadeliña urbana que "ladra" un castelán perfecto, mentres que o Angeliño é un can aldeán un pouco parvo que "mal-ladra" un castrapo inzado de tópicos típicos ("filliña", onde vas", "eres bien mexeriqueira"...).
Non se entende moi ben o por qué desta edición, o proceder da editorial (sabera isto o propio autor?). Na versión éuscara seica se botou man de diferentes niveis de lingua, en Madrid, porén, non se mataron moito e tiraron do galego... Patético.

15.8.06

Mágoa que estea en galego...


A rede está inzada de curiosidades e ás veces sen buscalas aparecen: sobrevoo Vieiros, no seu apartado de galego.org, e atópome con que se un busca Meteogalicia no Google atópase cunha descrición do tipo: "Predicción, modelos, documentos, información, observaciones. En gallego pero de interés para los castellanoparlantes". Fallou a elaboración da páxina, por non incluír uns meta que a describisen, e fallou tamén que o Google utiliza o Open Directory Project, onde miles de mans voluntarias meten man (valla a redundancia) e o editor correspondente (da lingua española todo hai que dicilo) luciuse que non vexas coa definición.
Parece estar dicindo algo así como unha páxina moi boa e completa, pero está en galego, se non sería perfecta...
Ou algo así como o banco é moi cómodo, pero está acabado de pintar ou sen os parafusos de embaixo...

12.8.06

Xogos de palabras en tempos de lume


As linguas son ricas e variadas. Coas palabras expresámonos, comunicámonos, contrariámonos, emocionámonos, namorámonos e namoramos. Coas palabras mesmo xogamos. Os xogos de palabras son moitos, ás veces pasan desapercibidos mais están aí. Todos escoitamos iso de por que separado se escribe xunto e todo xunto se escribe separado.
Algúns chegan á categoría de chiste: por que lle chaman Superman, se eu non lle vexo a man tan grande?
A este moucho estes días de cinza e fatalidade aprendéronlle un novo: por que se o home provoca case todos os fogos, só uns poucos se chaman de artificio?

QUE PARE ISTO XA!! NUNCA MÁIS LUMES!!

9.8.06

Falar por falar


Hai cousas que non mudan: este moucho lémbrase de Beatriz Carvajal imitando aos galegos, das "prestitutas" daquel home que saíra no programa do Lobatón, de Cañita Brava e o señor Faílde no programa de Estadella... e a lista seguiría. Todos eles tiveron moita repercusión nos medios estatais. Aos casteláns de Castela encántanlles os acentos dos demais, deben pensar que eles non teñen, que están dotados da neutralidade fonética (se é que existe).
A cousa é que os oíntes de Hablar por hablar andan estes días co riso nos beizos pola chamada dunha galega que a seguir ligo.
O tema que conta a boa señora préstase ao riso e con isto dos incendios mesmo se agradece, pero que cheguen a repoñer a intervención no programa xa me parece excesivo. O dito hai cousas que non mudan...

8.8.06

Sucia demagoxia


Deus dáos e eles xúntanse!!! Urdaci, Pedro J. e o "noso" Núñez Feijoo (e seguramente algún outro) collidos da man e relacionando o lume en Galicia co coñecemento do galego. Este moucho non vai perder moito tempo: finamente iso é demagoxia e da boa, desa que na rúa Génova madrileña e o grupo Recoletos (nisto non se sabe quen vai antes) tan ben elaboran; menos finamente, iso chámase intentar botar merda sobre a lingua galega e o nacionalismo (non o conseguirán!!!) e os que andan con merda, mardentos son!!!

As ligazóns (coidado que manchan e feden!):
http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=759
http://www.larazon.es/noticias/noti_soc22971.htm
http://alfredourdaci.blogspot.com/2006/08/galicia-caliente.html

6.8.06

Somos un país suicida


Levo con esta idea na cabeza moito tempo e cada vez creo máis nela: somos un país que se suicida.
Suicidamos a nosa paisaxe deitando a cor gris cinzenta onde antes había verde...
Fabricamos unha mocidade suicida que tunea coches, merca quads sen temor ningún e colle as curvas batendo records cada sábados pola noite...
Somos unha sociedade que defende piscifactorías a custa de recantos naturais e a cambio de ducias de postos de traballo...
Non cremos na defensa e protección do lobo ou do xabarín porque as colleitas son o inmediato...
Gustamos do ladrillo nas casas e das alturas nas construcións porque o lema ti vai facendo e a consigna...
Arelamos subvencións en todo canto sexa subvencionable, cegámonos porque o que poida pillar eu xa é meu e para min...
Suicidamos a nosa lingua, ocultándolla ás crianzas e poñéndolle pexas na súa entrada a despachos, tribunais, consultas, comercios, espazos de lecer e empresas.
Síntoo, pero o pesimismo invade a póla deste moucho cun aroma a queimado e unha sombra de cinza...

2.8.06

Galegolandia en PDF. Especial verán


Este moucho vólvelle dar ao prelo do Adobe e aquí vos deixa un novo exemplar inzado de olladas que foron, un editorial porque nalgures hai que desafogar, unha escolma de libros (moi persoal de diola... recoñézoo) para ler nestas datas, algún detalliño máis e coma sempre unha entrevista imposible e apócrifa a todo un personaxe das nosas letras.
Unha pista: o home que mellor controla os tiles de nasalidade do galego-portugués. Outra pista (esta ao estilo Tomate): ten por iniciais R.L.
Preme aquí.

Discursos idénticos


Escoito na radio unha representante dunha asociación de minusválidos, non estou o suficientemente esperto para quedarme co seu nome pero si para apreciar (e agradecer) a claridade coa que fala. O tema é a accesibilidade nos edificios, as barreiras arquitéctonicas e as dificultades dunha gran cidade para as persoas coa mobilidade reducida. Logo duns minutos escoitándoa reparo nas semellanzas que ten o seu discurso co da normalización da lingua. Fala de transversalidade nas actuacións, de coñecer e facer cumprir as leis, de coordinación entre as distintas administracións, da falta de previsión destas, de que xa abonda de discursos cara á galería e maior concreción e resultados. Meu deus!! discursos cuspidiños... Os minusválidos tamén teñen a súa Callón particular (e con mellor verba que todo hai que dicilo).
É curioso ver como as situacións que se queren mudar partindo da desvantaxe, do descoñecemento, dos prexuízos, da discriminación... comparten leiv motivs.