Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

26.4.07

Benditas cursivas


Imaxinadesvos que en Galicia cos medios galegos funcionase algo así como unha Fundación del Español Urgente que estes días organiza un seminario sobre a calidade lingüística nos medios de comunicación? Que en vez de polo BBVA estivese patrocinada por Inditex ou Pescanova? Puff que lonxe ven os ollos deste moucho iso!!!

Aquí as urxencias no idioma soluciónanse a golpe de boca a boca e teléfono, preguntándolle ao colega que traballa en tal sitio ou fixo un traballo na facultade sobre non sei que; a golpe de rolda de discusión onde máis tarde ou máis cedo a nada que o tema se encerelle acaba por saír a que os chuceiros denominaron a lei de Berto; a golpe de se escornar cos dicionarios e ver como teñen o vicio de fuxir habilmente das dificultades; a golpe de lle botar enxeño ao asunto ou, simplemente, a golpe de lle dar a control+k e poñer a palabriña un chisco tumbada sobre o texto (ahh!!! bendita cursiva, cantas conciencias teñen calmado!!!).