Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

26.4.07

Benditas cursivas


Imaxinadesvos que en Galicia cos medios galegos funcionase algo así como unha Fundación del Español Urgente que estes días organiza un seminario sobre a calidade lingüística nos medios de comunicación? Que en vez de polo BBVA estivese patrocinada por Inditex ou Pescanova? Puff que lonxe ven os ollos deste moucho iso!!!

Aquí as urxencias no idioma soluciónanse a golpe de boca a boca e teléfono, preguntándolle ao colega que traballa en tal sitio ou fixo un traballo na facultade sobre non sei que; a golpe de rolda de discusión onde máis tarde ou máis cedo a nada que o tema se encerelle acaba por saír a que os chuceiros denominaron a lei de Berto; a golpe de se escornar cos dicionarios e ver como teñen o vicio de fuxir habilmente das dificultades; a golpe de lle botar enxeño ao asunto ou, simplemente, a golpe de lle dar a control+k e poñer a palabriña un chisco tumbada sobre o texto (ahh!!! bendita cursiva, cantas conciencias teñen calmado!!!).

25.4.07

Galego coma ti


Dubidei o seu en se facía ben en lle dar publicidade a páxinas coma esta temendo que se me fose remexer o estómago, irritar o colon, ser sorprendido por unha psoríase rabuda ou ter unha mingua no apetito sexual. Ben pensado decidín mencionala pois no fondo é deses sitios onde xa sabes que te vas topar forofos dun e doutro bando a esgalla, pero as risas co que alí se comenta e di están garantidas. É deses sitios onde un pode atopar unha visitante que se fai chamar "Coruñesa, gallega, española, europea" ou onde outro visitante ten especial interese en coñecer o correo de Anxo Quintana (homiño de deus entra na páxina da Vicepresidencia!!!). Ah!! e a última: esa comparanza do novo decreto coas aeroliñas de baixo custo hai que recoñecer que é moi boa e ten o seu aquel.

20.4.07

Tirón de orellas a Rajoy


Rajoy tivo opción de salferir a súa intervención con algún boas noites e moitas gracias. Había galegos no plató e un deles, un tal Sandro Zapata díxollo clariño: "la verdad es que me sorprende cuando le escucho pronunciar palabras en gallego porque la verdad no se prodiga usted en hablar en nuestra querida lengua gallega" (4'50''). Rajoy ignorou na súa resposta o comentario.

19.4.07

Máis masa!!


Veña plans, veña comisións de traballo, veña estudos, veña enquisas, veña diagnósticos... veña facer masa e máis masa... Que non pare a máquina!!!!


18.4.07

Falou un ex presidente


Onte Sarille exerceu como o que é, ex presidente. Os ex presidentes ás veces poden ser tan útiles como molestos para os que lle toman o revezo. Non están, pero están. Calan moito, pero o pouco que falan non ten desperdicio, malia que se lles adoita buscar unha saída e colocación honrosas que os teña entretidos. Pasa e pasou nas altas esferas da política. Vede a González, hoxe de profesion conferenciante, que de cando en vez aínda solta algunha ben boa e tempo lle custou que Zapatero lle entrara polos ollos. Vede a Aznar que desde a súa FAES e prepotencia particular non dá saído do lombo de Mariano e provoca vergonza allea menos para os seus fregueses. Ou vede ao propio Fraga que se empeñou en ir a Madrid e aínda hoxe anda a facer traballiños preelectorais polas Américas.

Permítense, coa experiencia que acumulan e desde a súa independencia, tocar as teclas que desexan, apuntar os males, os vicios e as trampas. E onte foi precisamente iso o que fixo Sarille. Sen medias palabras pero con moi poucas dixo, nun breve artigo e finamente, que imos de cu, que as árbores impídenlles a algúns ver as fragas, que moito ruído e poucas noces, que na política lingüística galega os que estiveron van camiño de poder entoar aquilo de outros virán que bo me farán...
Deus lle garde a vista ao Sarille, ben por el!!!

12.4.07

Albaroque da lingua


O summum da endogamia filolóxica-lingüística feito realidade. Filólogos barra as galegos barra as, filólogos barra as hispánicos barra as (subsección galego-portugués) unídevos!!!! Acudide!!!!!! Secundade a convocatoria sexa na súa versión galega, sexa na súa versión aportuguesada (os carteliños bilingües que tanto criticamos nas estacións de trens mira por onde os reproducimos :-(
Calquera cea de fin de carreira das moitas promocións habidas vaise quedar en nada comparada con esta xuntaza. Vai ti saber se tamén se supera en número a unha edición dos Encontros do Consello ou a unha das Xornadas da AS-PG (o que xa lle parece máis difícil a este moucho é que supere o das oposicións do mes de xuño:-)
No Google maps ou nalgún sitio tería que quedar rexistrado que un 16 de maio, á noitiña, preto de Santiago nunca tantos filólogos/as galegos/as estiveron ao redor dunha mesa coas mans cheas de graxa...
E despois xa todos xuntos, ao abrir o día, a pé cara á Alameda para baixar o comido e veña manifa...

11.4.07

Galego urbanita


O que se diga do galego nas cidades seguramente non ha ser novo, mais tampouco por iso ha estar de máis e que haxa un estudo que lle bote ciencia e dea cifras, datos e reflexións sempre é positivo. Non hai que ter un sexto sentido sociolingüístico para percibir o que ocorre. Téñense dito tantas cousas que mesmo xa hai unha especie de lendario urbano sobre se en tal cidade hai un establecemento que non te atenden se lles vas falando galego, etc. e xa non digamos a de comentarios que suscita. Os neofalantes, por exemplo, constitúen un grupo como non hai moitos que tanto debate e división esperten.

Unha que me contaron hai pouco: ligar polo Orzán coruñés ou polo Areal vigués falando galego, mesmo resulta exótico, corres risco de que te confundan con ser portugués e provoca ter que responder preguntas absurdas. Outro dato: quen é filólogo seica tende a ocultar a titulación (será para se dar máis mérito) e os que non o son tenden a dicir que si o son (será para non ter que dar explicacións...).

10.4.07

E agora que?


De fracaso insólito cualifica o Consello Escolar na páxina 630 do seu informe o da lexislación lingüística no ámbito do ensino. Di que nin se cumpre aquilo que se debería cumprir por lei. Segue e di que a situación máis deficitaria está nos máis cativos (educación infantil e primaria). Continúa e di que os equipos de normalización lingüística son estruturas débiles no conxunto dos centros. Prosegue e confirma e insiste que o sistema de cursos até agora practicado está caduco (aínda menos mal que está próxima a súa reconversión). Engade que o das campaniñas como as d'O tren da lingua habería que ir repensándoas ou cando menos valorar rigorosamente o que supoñen en canto a avance no uso da lingua e mellora das actitudes.
En definitiva, o máximo órgano de participación e consulta en materia educativa do país dá todo un repaso á política lingüística no eido educativo (interesante o voto particular da CIG nas páxinas 683-685). Durante anos criticando que a antiga DXPL dependese de educación e que fose neste ámbito onde máis se actuase e resulta que non nos queda nin o consolo de que cando menos se estaban a facer ben ou medianamente ben as cousas... algo que por outra banda xa sabiamos, mais que o diga un informe sempre convén e dá máis forza...
E agora que? Que dirán os que nos últimos tempos se enchían a boca coa suposta imposición, liberdade de idioma e outras miraxes? Enténdese agora as constantes e repetitivas reclamacións de colectivos como A Mesa? Contribuirá o novo decreto a mudar algo? Notarase o troco dos Bolechas polo ditoso tren da lingua? Moitas preguntas no ar e a falta de respostas a este moucho dálle por lembrarse a estas alturas dos Currás, Tenreiro and company... quizais están por chegar aínda os que os fagan bos, mais volver escoitar o do bilingüismo harmónico crédeme que con estes datos vai camiño de raiar a provocación e ser incitador á violencia.

Mañá falamos doutra que tal baila: o galego nas cidades.

7.4.07

Arrepiado


Con esa cara de susto ando estes días. E non sobrevoo dúas cidades galegas e comprobo cos meus ollos que a pailanada de entoar saetas nas procesións xa está entre nós?? Que profesionais da importación somos carallo!!!
E por riba leo a Voz resesa de onte e xa me gustaría que o Blanco Valdés, que a boa hora reparou no de Galicia-Galiza e o bipartito, utilizase os mesmos argumentos para cargar contra Galiza que para facer o mesmo contra La Coruña.

3.4.07

Xuntos, máis fortes


Tranquilos que aínda que o título soe moi pepeiro e xoanpardesco só é para traer a pantalla o convenio da SXPL cos departamentos homónimos de Cataluña e Euscadi. Fálase moito de difusión, intercambio, fomento... que agardemos dean froitos reais, visibles e útiles. A este moucho gústalle iso de instar ao goberno central a mollarse e implicarse. Xa é hora de que o plurilingüismo do Estado non se quede só na carta magna (que lles gusta chamar...) e nos discursos de palacio.