Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

29.6.08

As cores do moucho

Estas son as miñas cores, non outras.


Por moito que me impoñan unha programación ininterrompida de máis de 12 horas, por moito que me repitan os goles até a fartura, por moito que o vermello pareza inundalo todo, por moito que un goberno, tele e radio que van de "progres" se suban ao carro dun xeito que arrepía, por moito que te fagan sentir un becho raro, mesmo entre os teus máis achegados...

O que non se sente, non se pode impor.

As novas xeracións veñen pisando forte, non hai dúbida, rompen un tópico escurantista que xa duraba moito: os españois tamén a saber meter. Quero pensar que nese espelir complexos, unha miga tamén nos toca a nós, os galegos, aínda que a miña inxenuidade xa non é a mesma que cando neno. Hai outros tópicos que perduran, o discurso e a posta en escena parecen doutrora: as comparanzas cos touros salfiren o discurso e hai quen se lembra de José Tomás, estoques e tricornios locen nas bancadas, o xefe do Estado presidía o xogo, dos balcóns penduran enseñas, Manolo do Bombo ocupa segundos en cámara, os comentaristas recitan as 17 comunidades como se facía cos nomes dos ríos nas escolas de pupitre, catecismo e rezo diarios, reúnense nas prazas ao pé de grandes bandeiras, a canción Que viva España ameaza con rexurdir e cubrir o oco, a estas alturas aínda non cuberto, da canción do verán... Mágoa que os pilla con Manolo Escobar xa moi maior e co Fary, a Jurado e a Flores entoando o silencio eterno, senón abofé que este era o ano dalgún deles. Sempre terán a Camacho, a Rosa Díez do fútbol que sentenciou aquilo de que "siendo español, hay que sentirlo", e que cantando os goles parecía o mesmiño King África.

Á póla deste moucho, arestora, chegan os ecos dos coches de claxóns lixeiros, bombas de palenque e foguetes varios. Eu tranquilo, vou durmir, hai que entendelos: tamén eles, de cando en vez, necesitan reafirmarse... Só pido que a resaca non lles dure moitos días.
Por certo, o seu lema era PODEMOS; a nós, primeiro, agora que se senten fortes, que nos deixen tentalo.

1 Comments:

Enviar um comentário

<< Home