Para o PP, Galicia é unha nación
Ultimamente os escanos, tanto os de Madrid e coma os do Hórreo, semellan estar cheos de lingüistas frustrados na especialidade de lexicógrafo. Dende o episodio da RAE e as súa definición de gallego até as reformas dos estatutos en que o termo nación non sae dos seus beizos. Que se significa isto, que se aqueloutro... Tamén lles gusta os termos multipalabra, dende o eufemismo nacionalidade histórica (que cotiza á baixa, pero algúns se empeñan en manter) até os máis recentes identidade nacional, realidade nacional, etc. E tamén teñen predilección por termos xenéricos tan cheos de significado coma de indeterminación (o que os avogados chaman conceptos xurídicos indeterminados); velaí está como a Quintana lle serve a igualdade e o benestar para incluír dende medidas contra a violencia de xénero até subvencións para as pemes do rural galego.
Volvendo sobre nación, onte mesmo Núñez Feijoo tirou de dicionario, abriuno polo n e puxo o dedo sobre a entrada nacionalidade. Di que a el lle serve, chégalle, abóndalle. Non precisa máis. Se subise un pouco o dedo atoparíase con nación. Alberto non é filológo, pero debería saber –porque é obvio– que nacionalidade provén de nación, que son da mesma familia e que na propia definición da primeira xa se di "condición de cidadán dunha nación". Ergo, o PP acepta que Galicia é unha nación.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home