Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

30.6.06

Para o PP, Galicia é unha nación



Ultimamente os escanos, tanto os de Madrid e coma os do Hórreo, semellan estar cheos de lingüistas frustrados na especialidade de lexicógrafo. Dende o episodio da RAE e as súa definición de gallego até as reformas dos estatutos en que o termo nación non sae dos seus beizos. Que se significa isto, que se aqueloutro... Tamén lles gusta os termos multipalabra, dende o eufemismo nacionalidade histórica (que cotiza á baixa, pero algúns se empeñan en manter) até os máis recentes identidade nacional, realidade nacional, etc. E tamén teñen predilección por termos xenéricos tan cheos de significado coma de indeterminación (o que os avogados chaman conceptos xurídicos indeterminados); velaí está como a Quintana lle serve a igualdade e o benestar para incluír dende medidas contra a violencia de xénero até subvencións para as pemes do rural galego.
Volvendo sobre nación, onte mesmo Núñez Feijoo tirou de dicionario, abriuno polo n e puxo o dedo sobre a entrada nacionalidade. Di que a el lle serve, chégalle, abóndalle. Non precisa máis. Se subise un pouco o dedo atoparíase con nación. Alberto non é filológo, pero debería saber –porque é obvio– que nacionalidade provén de nación, que son da mesma familia e que na propia definición da primeira xa se di "condición de cidadán dunha nación". Ergo, o PP acepta que Galicia é unha nación.

28.6.06

Galicia/Galiza nesas andamos... (e andaremos)


Por que as seleccións deportivas se seguen a anunciar como tal e non levan o nome do país? É dicir, por que se crea un híbrido selección galega-Xapón (baloncesto feminino) ou selección galega-Uruguai (fútbol masculino) no canto dos máis correctos Galicia-Xapón e Galicia-Uruguai, ou selección galega-selección xaponesa e selección galega-selección uruguaia? Aahhh porque debemos ser o único país no mundo mundial con dous nomes (e a explicación de Manolo González no Luar non pareceu moi satisfactoria)... e porque dende a Dirección Xeral para o Deporte parece non haber valentía por quitar a Galiza do armario, e porque anunciar un Galicia/Galiza-Xapón daría pé a pensar que ao mellor o que se xoga é un triangular pachangueiro, e porque...

26.6.06

Outros selos polémicos


Despois do de Afinsa e Fórum, outro selo da polémica: que seica por terras de Bono non aceptaron unha instancia para unhas oposicións por proceder da Xunta e estar en galego. Ou o selo era do tamaño dunha empanada e contiña en galego toda a Lei de procedemento administrativo, cousa que non creo, ou este moucho pregúntase que palabras do ditoso carimbo non entenderían os funcionarios manchegos. A abreviatura de tres letras do mes correspondente??

25.6.06

Vellos vicios...


A programación da TVG certamente sufriu unha considerable remodelación, mais os vellos vicios seguen presentes. O programa Luba TV, do pouco que segue habendo destinado á xuventude, mesturando deporte non profesional, música feita no país, movementos cívicos, artes plásticas... con portal e todo, e dun xeito apenas explorado na TVG emitíase os sábados á tarde. Digo emitíase, pois onte mesmo a mocidade que o quixera ver ou quedaba na casa e renunciaba ao sábado noite ou dificilmente... lémbrádesvos de Chambo? pois a situación semella cuspidiña

24.6.06

Unha maldade....


Agora que se cumpriu un ano do cambio de réxime e por se vos piden dúas mostras que o exemplifiquen, acó van dúas: Miguel de Lira está a todas horas na TVG e os Bolechas convértense en iconas publicitarias do goberno... é así ou non é así?

20.6.06

Unha copia por favor


Varias fontes confírmanme que visualmente máis dun 90% dos examinandos do grupo A da Xunta solicitaron copia do exame en castelán. O dato ten o seu aquel. Este moucho só quere pór sobre a mesa outros datos máis que cumpriría ter en conta nun hipotético debate: a lingua dos temarios, a lingua de traballo das academias, a lingua coa que se licenciaron os opositores (os máis deles procedentes do Dereito...), etc
O diálogo de xordos ten momentos en que se acentúa: uns solicitan o que outros ignoran, uns arelan o que outros non desexan, un aparente paso adiante agocha unha manchea de carencias, lexíslase que si pensando en dicir non... País, país...

19.6.06

Equipo A



Domingo 18 de xuño, pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, un milleiro de aspirantes á elite do funcionariado galego (léase grupo A) para pouco máis de ducia e media de prazas. A instrución de Romeu que este moucho deu en chamar a gran recuada comeza a rular. Son maioría os aspirantes que solicitan o exame en castelán. Xa se sabe que entre revocación e revogación, entre desistimiento e desistencia, entre a sintaxe castelá e mais a galega median abismos.
Cuestión de lóxica: no fondo cando te estás a xogar o futuro todos apostamos polo seguro, para outro momento quedan os cursos de perfeccionamento ou mesmo linguaxe administrativa que seguro que moitos aspirantes posuían e que alegremente se reparten.
De lóxica tamén é que unha instrución non modifique unha orde; a devandita instrución está recorrida pola CIG, a xustiza unha vez máis tarde piará...

17.6.06

Manolo González no Luar!!!!!!



Vimos o negriño de Boney M magreado por unha velliña das nosas, vimos a Camilo Sesto entrar en trance cantando, vimos como alguén ao outro lado do teléfono mandaba ao carallo a Gayoso, vimos mesturar as Azúcar Moreno cunha cantareira de Rois, vimos un espontáneo de Nunca Máis tomar o escenario ante un Gayoso con cara de circunstancias... pero se nos din que tamén iamos poder ver no Luar unha clase de sociolingüística, que esa clase a ía impartir o secretario da RAG, catedrático da USC, máximo responsable do Ramón Piñeiro etc etc ou sexa Manuel González, custaríanos crelo, non si??? Pois estivo e sentíase a gusto (o chiste do xuízo/suízo todo un punto).
Despois de Pimpinela e Peret cantar en galego, Manolo González en rigoroso directo!!!!
Estabamos equivocados se criamos que despois do nomeamento de Marisol xa o viramos todo, a política lingüística galega parece encetar vieiros insospeitados...
E se estiveramos ante o nacemento dunha estrela televisiva???? Con razón este moucho estreou as entrevistas apócrifas co sr. González, xenio e figura...

13.6.06

Ahhhh, sorpresa!!!!!!!



Cóntanme que os terminólogos deste país andan sorprendidos porque acaban de descubrir que desde o 2005 e publicado en papel hai un Dicionario Galego de Televisión. Non se sabía del, apenas hai referencias del nos buscadores, estamos diante dunha pantasma bibliográfica que alguén descobre e se converte en aparición repentina. O peor de todo? pois que isto acontece non porque estea detrás unha asociación cultural que tiña que xustificar unha subvención e non tiña mellor cousa que facer, non; detrás desta publicación está o Termigal, o centro que debería ser de referencia na terminoloxía galega, o centro que debería ter como deferencia de divulgar todo aquilo que realiza, que digo deferencia!!!!! esixencia de divulgalo!!!!

8.6.06

Benemerita


Animar os gardas civís a que coñezan e falen galego e meu deus como reaccionan os tricorniados!!!! e iso que a suxestión non proviña dun calquera, senón que nin máis nin menos que do seu director xeral... está visto que nun estamento militar só funcionan a base de ordes... pero con suxestións, convites non parecen reaccionar, calquera lles di nada se che dan o alto no coche e lles pides que che falen na túa lingua... patético

7.6.06

Castelao versus Ibarra


Andan os españolitos todo contentos porque á súa colección de Ibarras -a do boss estremeño e mais o aceite- engándenlle un novo: unha letra para os ordenadores, ou sexa unha fonte, que seica é xenuinamente hispana.
Pois que saiban os españolitos que nisto das fontes nós os galegos gañamos, que cando eles van nós xa vimos de volta porque dende hai tempo que xa temos a Letra do noso Daniel ao noso dispor, e usámola e presumimos dela...

5.6.06

Aquí algo falla



Este moucho hai algo que non entende no seguinte: na literatura sociolingüística deste país adoitan citarse os concellos de Vigo e Ferrol como pioneiros e modelos no que a normativa lingüística local toca. Teñen cadanseu regulamento ou ordenanza de usos do galego. Porén no caso de Ferrol, o alcalde Juncal apunta formas para ser o substituto de Vázquez e en Vigo é máis doado ver o Queen Mary aportado na ría que escoitar a Corina (e boa parte dos restantes concelleiros) falar en galego.
O dito, algo falla...