Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

1.7.06

Lingua dos exames grupo D


Unhas amigas pombas, habilmente infiltradas no interior dos pavillóns feirais, infórmanme do acontecido hoxe en Silleda (exames de acceso ao grupo D): a instrución de Méndez Romeu que este moucho insiste en chamar a gran recuada segue cotizando á alza, e son maioría os aspirantes que solicitan o cuestionario en castelán (seica a ollo sobre un 20%, sendo xenerosos, o solicitaron en galego). E este moucho di solicitar e di ben, pois o método utilizado era o de tu pide por esa boquita y se te dará... coma cando nunca cafetaría che preguntan de lata ou de botelliña ou nunha farmacia de seis ou doce comprimidos, pois tal cal. Os chamados coidadores, aos que seica a algún lle facía gracia o escaso número de exames en galego entregados, limitáronse a levar nos brazos exemplares en cadansúa lingua e ían un por un preguntando en que idioma se desexaba.
Lembremos o que dicía a Orde da convocatoria: "O primeiro e o terceiro exercicio redactaranse
e distribuiranse exclusivamente en galego."
; lembremos o que dicía a nefasta instrución: "ordenáselles aos membros dos tribunais cualificadores dos distintos procesos selectivos que lles faciliten aos candidatos que así o soliciten expresamente ao comezo dos referidos exercicios tipo test exemplares destes redactados en castelán, en aplicación da normativa de rango superior citada nesta instrución." Por expresamente este moucho entendía que os exames serían por defecto repartidos en galego e aquel que o desexase en castelán tería que requirirllo ao coidador correspondente que estivese encargado unicamente diso, pero nunca que ía estar servido en bandexa de prata.
O acontecido semella gravísimo, patético e unha trapallada: candidatos a funcionarios públicos da administración galega foxen do galego coma da auga fervendo, dunha disposición con rango de orde que nacía das bases do plan xeral de normalización modíficase cunha instrución e a aplicación desta acaba rematando nunha auténtica e vergoñenta chapuza; minorízase máis o que xa é minoritario.
Un último dato: no web da consellaría de Presidencia xa non hai nin rastro da devandita instrución.