Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

27.12.06

Pois iso, saúde que non falte



Entro na páxina da SXPL (a mesma que no seu día me atrevín a rebautizar SXTAL) e tópome con esta felicitación de nadal cuxa mensaxe é un lacónico "Moita saúde" acompañado de foguetes a esgalla non moi propios desta época certamente.
En si valería perfectamente para colgar do web do Sergas, mais tamén podería ser unha mensaxe subliminal. Pensemos, popularmente o día da saúde foi o 22 deste mes xa que cando un comproba que non lle tocou a lotaría adoita ser a palabra máis socorrida ("O importante é ter saúde" dise).
Pois iso, moita saúde para todos que con esta SXPL tampouco é que nos tocara lotaría ningunha.
E para que non me chamedes malo, da estrela de cinco puntas cara a arriba xa non digo ren...