Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

31.10.06

A bruxa de Sort e o galego


Nisto das linguas un ás veces leva labazadas onde menos agarda. Chega o Nadal e con el a lotaría e este moucho, recoñézoo, desexaba importar uns decimiños de Cataluña. A onde acudir? pois a esa bruxa de tanta sona cuxo propietario seica quere chegar á Lúa. Cal é a miña sorpresa cando á hora de facer a compra e introducir os datos postais da miña póla me atopo que o sistemiña dá erro. O motivo? Pois que o dito sistemiña ten os códigos postais cos topónimos ao xeito de Vázquez, Méndez Romeu e demais. Resultado? Que como non lle poñas o topónimo tal cal o que ten na súa lista pois non hai maneira...
Demo de bruxa!!!! mirade, mirade os pantallazos: Villagarcía de Arosa, Mellid, Jubia-Narón, Sangenjo, Ginzo... e así todos os que se vos ocorran que aínda mirei uns cantos...
E aquí tendes ao moucho, sen a lotaría que había chegar de Sort, pero, iso si, agardando por outra que ha vir dende Hospitalet.
Por certo, se non queredes deixar a este moucho só na queixa preceptiva nestes casos eis o enderezo: loteria@labruixador.es

29.10.06

Ai Marta, Marta...


O que para os colegas de culturagalega.org é o gusto galega pola cultura bizantina, para este moucho é serios indicios de sermos todos teimudos. Os dun bando e doutro. A Marta Rivera ninguén a coñecía antes e agora si. Déronlle unha suculenta medalla de prata literaria e arremeteu contra o sistema literario galego por non considerala galega. Quizais Marta Rivera queira remover no que está fixado, e comunmente aceptado, polos teóricos da literatura. É curioso que sendo un debate entre xente de letras queiran confundir e facer demagoxia coas acepcións das palabras: ninguén lle nega a esta señora que sexa galega, pero outra cousa é que sexa escritora galega e aquí galego non é xentilicio senón adxectivo ("que ten que ver co idioma falado en Galicia").
Se Marta Rivera non escribe galego é porque quere e se optou polo castelán fíxoo libremente. Claro que ao mellor tivo algo que ver que teña un espazo de millóns e millóns de potenciais lectores ou posibilidades de optar a numerosos premios (moitos deles moi ben dotados). Que subvención ou chamada espera daquela da consellaría de Cultura?
Por certo La Voz sempre rauda a chapotear en canta poza lingüística hai...

28.10.06

Encontros


Dicir esta palabra falando con lingüistas non hai risco de confusión e que a cabeza se nos vaia a Carme Mella e aquel seu programa. Este ano chegaron á súa décima edición polo que se poden sinalar sen medo como o punto de encontro ineludible dos lingüistas encargados de lle devolver a normalidade a este país. O que comezou sendo unha especie de terapia de grupo colectiva e feira de mostras onde cada un expuña o que facía no seu horto particular (ben, todo sexa dito, o que facía e mais o que non lle deixaban facer...) e se acostumaba pechar cun sabor a crema catalá (especialistas chegados do Mediterráneo sempre provocándonos sá envexa e innovando co powerpoint), ultimamente vira máis cara á focaxe nun tema concreto, a análise e maior presenza de políticos.
Na edición deste ano salienta que a Xunta debute como colaboradora (nunca é tarde...), o maior investimento no ensino (agardaremos resultados...) e os perfís lingüísticos socioprofesionais nos que se estivo a traballar ultimamente e que agardemos axuden a pór orde e seriedade no tema.
Do debate dos políticos sobre a lingua no novo Estatuto, este moucho non pode informar e polo que pescudei tampouco a prensa o recolle no día de hoxe... seguiremos sobrevoando.

27.10.06

Arruade este plan!!!!


Non é habitual aprender palabriñas nunha manifestación ou acto de protesta, si rimas xeitosas e pegañentas mais non é costume que un arrequente o seu léxico protestando. Porén, das protestas que levan a cabo os veciños de Nigrán estes días en contra do plan de urbanismo este moucho aprendeu o verbo arruar. Sospeito que non serviría para sumar seis letriñas no Cifras e letras como a Yolanda lle gusta dicir, pois nin no Volga se sabe del, nin no Tesouro do ILG parecen telo gardado...
O certo é que consultado o Gran Xerais, velaquí a definición:
1. Arranxar.
2. Entrecolle-las herbas malas dunha sementeira.
3. Arrolar un cativo
Está claro que a primeira das acepcións é a empregada. Ben polos veciños de Nigrán e sorte na súa loita!!!!

25.10.06

Este moucho non se fía...


... non, porque a confianza se dá ou non se dá, se gaña ou non se gaña e cómpren moitos xestos coma este para contrarrestar tantos anos de ilegalidade e apartheid lingüístico; ademais se se respecta o topónimo será porque a campaña está participada pola Xunta e xa sabemos o que dende a Consellaría de Industria se lle dixo ao concello...

24.10.06

Volveu haber debate...


No reformatado Hai debate d'A Galega, coa presenza do presidente d'A Mesa e o da federación das asociacións de veciños da Coruña, ao que non se lle coñece publicada obra filolóxica ningunha (o que quero dicir é que curioso convidado para tratar o tema) e coas palabras de Méndez Romeu de fondo, pois iso: houbo debate de novo.
A falta de que alguén o colgue do youtube, pois tampouco deu para moito o asunto: Callón reafirmouse no xa coñecido (legalidade consensuada, o problema non é do topónimo...) e o presidente dos veciños en que os cidadáns teñan a palabra...
A un quédalle a sensación de que presenciar debates coma estes é como volver ver un capítulo de Verano azul, que xa todos sabemos de que vai, xa o vimossss!!!!!!

23.10.06

Galegolandia en PDF. Volume 3


Volve o moucho co seu prelo marca Acrobat e tres son tres. Desta volta cun un editorial dando caña como por desgraza vén sendo costume, coas mellores olladas dos últimos meses, con algún detalliño máis e, o fundamental, cunha entrevista imposible á "mandamáis" da política lingüística galega: Marisol López.
Valo perder??? xa tarda que premas aquí.

20.10.06

Funcionario... e tradutor


Se a un funcionario lle poñen internet libre, navega; se lle poñen un tradutor automático ao seu dispor, traduce. Recoñézoo, o da tradución automática pódeme, tráeme de cabeza ultimamente. Un moucho habilmente infiltrado polos corredores de San Caetano pásame os pantallazos que demostran que dende a intranet da Xunta os funcionarios barra as poden traducir todo canto queiran do castelán ao galego. Poden enviar textos, enviar documentos en formato .doc e tamén traducir páxinas web. O sistema é sinxeliño de todo, tanto que non precisa nin un mínimo manual de instrucións (de feito non o hai) e por non haber, parece non haber alguén que controle un tanto o tema. É dicir un funcionario pode traducir canto documento queira sexa feito elaborado por el e que garde relación co seu traballo, sexa, postos a ser malpensados, a dun colega tradutor que traballa para unha editorial. Deberían copiar un chisquiño de como o teñen organizado no SNL da USC.
Unha cousa máis, isto non bota por terra os plans de formación do funcionariado en materia de linguaxe administrativa e técnicas de redacción?

16.10.06

Patético

Declaracións como as feitas por Méndez Romeu medio propoñendo o uso de A Coruña/La Coruña e avogando por un pacto neste asunto resultan incribles a estas alturas. Cualificativos seguramente haberá moitos tantos como sensacións que produce. Que pacto? que conflito? hai que recordar quen o propiciou? dende que partido? que hai que pactar sobre algo que recolle a lei e é amparado en sucesivas sentenzas xudiciais?
Na España cañí ás veces escóitase iso de "somos un país de pandereta", en Galicia habería que mudalo por "somos un país de chiste" ou "de carallada"... e cuns gobernantes patéticos...
Que alguén vaia sinalando as paradas porque hai veces que dan ganas de se baixar na próxima...

11.10.06

A Axencia Tributaria responde

Este moucho queixábase en abril da tardanza do seu borrador da declaración da renda e non só no foro de vieiros, senón tamén na canle establecida para tal fin dende o web da Axencia Tributaria. O borrador finalmente chegou e tamén acabou chegando estes días até a miña póla unha curiosa e longa carta (en dúas follas) en resposta á queixa presentada. A carta dispón dos elementos clásicos que caracterizan todo bo discurso: unha especie de captatio benevolentiae incidindo no grande esforzo da Axencia Tributaria por se comunicar cos contribuíntes na lingua que estes desexan, e incidindo tamén que en menos de dous meses a AET envía ao redor duns doce millóns de borradores por volta de millón e medio por semana. Captada a benevolencia (ou cando menos eles así o deben pensar) tíranlle das orellas a este moucho por trasacordar e pedir o borrador en galego cando o ano pasado o aceptara en castelán. De acordo, pero se se aplicasen o lema "En Galicia, en galego" e os enviaran por defecto nesa lingua non andariamos con estas caralladas. Que copien de Telefónica por exemplo.
A carta continúa cunha curiosa contradición: excúlpase de calquera presunta demora afirmando que

los programas informáticos de confección y envío de borradores y datos fiscales no tienen establecido ningún orden de prioridad entre las distintas lenguas.[...] El orden en el que se envían, a razón de 1.500.000 por semana, obedece fundamentalmente al azar.

Pero, a continuación, recoñécese que

puede ocurrir con la documentación en gallego, catalán o valenciano, dado que la primera versión se hace en castellano y seguidamente se traducen las distintas partidas y modelos de comunicación a las otras lenguas oficiales. Una vez traducidos y adaptados los modelos, son supervisados por las unidades lingüísticas de la Agencia Tributaria, para depurar deficiencias gramaticales y garantizar la debida calidad sintáctica.

De acordo, pero entón hai demora ou non hai demora? Porque de feito recoñécese que

se hará todo lo posible en futuras campañas para reducir al mínimo imprescindible el tiempo que se tarda en las adaptaciones técnicas, de tal forma que se esté en disposición de enviar, desde el principio mismo del período de envío masivo, borradores y datos fiscales en castellano, gallego, catalán y valenciano.

E a carta remata, e isto si que me amolou, co seguinte apuntamento para xustificar que os documentos se fagan orixinariamente en castelán (cousa que ninguén cuestiona):

entre los más de 12 millones de solicitudes recibidas, alrededor del 98 por 100 incluyen la elección del castellano como lengua de comunicación. El número de solicitudes recibidas en gallego, en el momento de realizarse el presente informe, no llega a 35.000, lo que supone un 0,3% del total.

Ou sexa que aínda habemos ter que darlle as grazas... Hai demora porque sodes moi pouquiños

7.10.06

Touriño e Losada teñen a palabra


Nova sentenza do Tribunal Supremo e un xa non sabe cantas van... que non se empeñen, que o único topónimo oficial da cidade é A Coruña, iso é o que veñen de dicir novamente os maxistrados. Agora Losada e Touriño deben dicir algo: un, coas eleccións locais moi próximas, debe decidir se comeza a marcar distancia con quen lle deu o mando ou segue ao pé da letra as súas máximas; o outro porque a febleza coa que sempre pasou polo tema poida que lle valera estando na oposición, pero xa non sendo o inquilino de Monte Pío.

2.10.06

Peregrinaxe polos quioscos


Os quiosqueiros tolean ultimamente... Sexa pola puxante prensa gratuíta, sexa polos baixos índices de lectura... raro é o xornal que non ten en marcha nunha mesma semana a dúas, tres ou catro coleccións distintas: literatura, atlas, enciclopedias, álbumes, dvd’s, libros de receitas son o máis normal, mais tampouco escasean utensilios para a praia, a acampada, o enxoval ou última tecnoloxía a base de cupóns diarios. E á prensa diaria aínda hai que engadirlle toda a gama de revistas, coleccionables e agasallos coñecidos e por coñecer. En definitiva, as librarías e os quioscos, con tabaco ou sen tabaco, convertéronse en bazares onde o principal mudou en accesorio. Neste marasmo de xornais, revistas, agasallos, especiais de Fernando Alonso e lentes de sol para o verán, pedir un Galicia Hoxe, un Tempos Novos, un Grial ou a recente Nazón pode resultar unha aventura. Os medios galegos parecen diluirse coma o azucre na auga: caras de extrañeza no dependente, un “non o recibimos” (aínda que o esteas a solicitar na cidade mesma onde se edita) ou un “xa o acabei” (sinal de que os números recibidos son escasos) son as respostas máis habituais...
Paciencia e a peregrinar de quiosco en quiosco...