Galegolandia |
|
. : Eu son... : .
Crea a túa chapa . : Olladas recentes : .
. : Olladas que foron : .
fevereiro 2006 . : En construción : .
. : En construción : .
|
. : Galegolandia en PDF : . Maio 2006 // Agosto 2006 // Outubro 2006 // Decembro 2006 . : Así non... : .
- A demagoxia patética dalgúns colectivos co Decreto do ensino - O uso litúrxico da lingua por parte dos políticos - Espallando o tradutor automático sen rigor nin control - O antigaleguismo da nosa clase empresarial . : Así si... : .
- O maior número de caixeiros que xa falan galego - A tradución de software libre ao galego - Apostando pola prensa gratuíta en galego - Que non decaia o número de móbiles que falen galego Template By CazPowered by: Blogger Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons. |
|
30.9.08Tino coa linguaVía Chuza sabemos do programiña Cuidado com a língua da RTP e da súa edición dedicada á lingua galega. Non está de máis que alá polo sur saiban algo máis de nós. Sempre me rabeou que nós constantemente mirando cara a eles e eles por sistema sexa pisar A Guarda e xa se lles encha o peito dicindo que están en España. Claro que ben pensado as situacións non son comparables e a eles acó ben pouco se lles perdeu. Por certo, seguindo no allo televisivo: o Ben falado vai cambiar de hora, o moucho sobrevoou San Marcos e viu os rascuños da nova grella d'A Galega. Digamos que despois do xantar, pretiño do Cifras e letras. O cambio parece a mellor. Estaremos atentos á pantalla.
24.9.08Gol en campo contrarioDálle a este moucho que ANT pasouse un chisco requentando esta nova, aínda que coa que está a caer ultimamente agrádecese tanto coma un bo prato de callos requentes. O conto é que en Europa nos avalan e o informe que menciona o xornal da rúa Príncipe, que xa ten un ano, menciona explicitamente o caso galego. Iso si, xa ten coña que o informe só estea dispoñible en inglés, pero non teño dúbida amiga Gloria que ti como boa profesora da lingua de Shakespeare, que lle gusta dicir aos clásicos, non terás problema para entendelo. Copio e pego vale bonita? Bilingual communities comprised of speakers of regional or minority languages and of majority languages are good practice laboratories relevant to the EU’s aim of promoting multilingualism across the Union. In this context, reference was made to the know-how acquired in bilingual schools in the Basque Country, Galicia, Catalonia and the Valencian Country, where sophisticated methods of language immersion and special teacher training programmes had been in place for decades. It was felt, that these methods should be disseminated throughout the Union, as should the promotion of passive bilingualism, the management of linguistic conflicts, and the management of multilingualism in companies and public administration practiced in those territories. The Group came to the conclusion that further research should be conducted into educational and management practices in bilingual communities with a view to assessing their potential for application in other situations. Non me preguntes amiga Gloria onde os funcionarios europeos viron tal inmersión lingüística, pero non me negaras que na Champions das linguas xa vos metemos un gol e como é fóra da casa vale dobre :-) Bicos
23.9.08De acentos vai a cousaSospeitoso que en ningunha das noticias que dan conta da nova non aparezan datos sobre o acento galego e o que opinamos/opinan sobre el. Nin o GH, que tamén a recolle, achega nada novo. Algúen lle contou ao moucho en certa ocasión que das enquisas non se adoitan dar todos os datos... O caso é que seica o 78% dos enquisados están contentos co seu acento propio; gustaría de saber de cal é a porcentaxe en Galicia. Son da idea de que xentiña como Beatriz Carvajal et alii nos seus mellores tempos fixeron moito dano. O caso é que unha empresa (SpinVox) especializada na conversión de voz a texto fixo unha enquisa por España adiante para ver o grao de satisfacción da xente co seu acento. Que o madrileño é o favorito seica, mais que non vemos con malos ollos os acentos americanos (como nos gusta sempre o exótico!!). Para que queira subir un chanzo e pasar de enquisas a estudos máis serios que lea o volume O galego segundo a mocidade. Apostaría a que nesas enquisas hai moito do que reflicte este estudo. 22.9.08De(s)grazasVaia oportunidade perderon hoxe os mañicos de quedaren ben e non gastaren nada se introducisen na prensa en galego un anuncio en galego. Optimizarían ese Z acuoso enorme e non incorrerían en extravagancia ortográfica ningunha (que pregunten nas Xuventudes Socia-listas e xa verán que ben lle dan a isto do zeta-zeta). Falando do grazas, esta foi hai anos a forma modificada que máis proído e suspicacias levantou. Este moucho escoitoullas dicir en público a certo académico hoxe moi televisivo el. Facíanse mesmo hipóteses chusqueiras sobre cal ía ser o diminutivo a partir de agora (grazaciñas dicíase...). Porén, a este moucho é unha forma que lle gusta, que lle caeu en graza (valla a redundancia). Usándoa non só dás mostras de boa educación, senón tamén é un xeito de lle dicir á outra parte: falo/faleiche/falareiche galego. Abrir, abríchesme a porta, deixar, deixáchesme pasar diante túa, traer, trouxéchesme o café... pero lembra que eu falo/faleiche/falareiche galego. Paréceme un pequeno xesto dese valor de diferenciación, de identidade do que non deixa de falar o bo de Freixanes. 20.9.08Falamos galegoEste moucho xuraría que cando colgas algo en internet que aínda non é definitivo hai xeitos de ocultalo para que os buscadores non o reflictan nas buscas. Pois ben de tal cousa non deben saber en Política Lingüística ou na empresa de publicidade responsable do que parece ser ou ben unha inminente nova campaña de publicidade, ou ben unha campaña que houbo ser mais que ao final non foi e quedou no limbo da rede (fálase do "Ano María Mariño"). A páxina en si está no seu esqueleto, inclúe as notas do contido que falta por poñer e non presenta moitas novidades: publicacións da SXPL, datos sociolingüísticos do Observatorio, a normativa (non está claro se a legal se a ortográfica), fotografías de estudio ben escollidas... Por ter, tamén erros e algún parágrafo en castelán sen traducir aínda. Todo xa coñecido baixo un novo envoltorio. Iso si, polo lema ("Falamos galego") parece claro que está máis destinada para reafirmar os xa galegofalantes que para gañar clientes novos. Comeza a sobrar tanta publicidade na SXPL paréceme a min.
17.9.08Pasen e vexan!Alejo manifestou o seu apoio á "política equilibrada" que propón o CFV; o vindeiro día 17 de outubro Rosa Díez, como xa se temía este moucho, pisará o mesmo escenario. A que entre os equilibristas que ve Alejo, o documentiño do CFV e a visita que teremos dentro dun mes xa logo isto parece un circo? E se lle mudamos o nome ao CFV? Circo Funambulista de Vigo desde agora.
15.9.08sMs.galQue non todo vai ser queixarse díxome o galeno cando viu nas análises o ácido úrico disparado. Que se sigo así non vou chegar a ver os meus netos. Así pois, imos loar algo: loemos o dos móbiles en galego. Alegrémonos de que cada vez sexan máis e mellores. Esta fin de semana caeu nas miñas mans un Nokia 6500 que dá gusto mirar para el. E o dicionario preditivo T9? moi bo. Si señor. Ala, aí queda a loanza. Xa parece que me noto mellor e todo. 11.9.08Notas de lectura rápidaComo máis de 300 páxinas non se len ás carreiras, ideas soltas que atrapa este moucho do último estudo do CCG: o grao de satisfacción e motivación diminúe cos anos entre o profesorado (madia leva!!), as aulas de galego son en moitos casos pequenas illas nun contexto castelán, a valoración da materia vai á baixa, a renovación psicopedagóxica seica é "imprescindible" (así se pecha o libro cando menos) e a competencia comunicativa segue a ser o coma o oso do Courel da didáctica do galego. Sabése que existe, que é moi larpeiro, mais apenas se deixa ver, apenas se deixa fotografar e achegarse a el xa nin digamos. Por certo, o número de profes de lingua galega castelanfalantes vai en aumento e preparémonos para tempos peores. Un optimista diría que é síntoma de normalidade, un realista-pesimista diría que é síntoma de decadencia.
5.9.08Oración para a fin de semanaA aqueles que sosteñan, defendan, afirmen e queiran facer crer que o castelán en Galicia está en perigo, que está en marcha un plan destinado á súa desaparición ou exterminio e que os seus falantes son perseguidos e discriminados. A aqueles que para iso utilicen aquilo que todos máis queremos: os nosos fillos, sobriños, netos... A aqueles que para iso en tempos de crise invoquen cuestións que teñen que ver cunha suposta mingua de oportunidades laborais por culpa da lingua galega, supostas perdas de investimentos procedentes do exterior, supostas perdas de competitividade da economía galega... A todos eses que saiban que non merecen nin o máis mínimo respecto; que a súa visión da realidade é delirante; que se son crentes, están a pecar, e se non o son, están a ser manifestamente deshonestos coa verdade. O que están a facer é propio de miserables e mediocres. Para eles todos, o maior dos meus desprezos. Resposta social contundente, XA! Resposta dos nosos gobernantes sen ambaxes, XA!
4.9.08GooglegalegandoGoogle vén de quitar navegador, Chrome chámanlle, e hai quen xa non o ve tan amigo. Os tentánculos desta lura hai tempo que xa son ben grandiños... O novo fedello haino en varias linguas, ao redor dunhas 45 (contando linguas e variantes que xa se sabe que nestas cousas os informáticos estíranse o seu e permiten distinguir español de Valladolid, de América de Arriba e de América de Abaixo; portugués de Sao Paulo, portugués de Estoril;...). Entre elas non está o galego; nin o galego estándar, nin o galego de Ribeira, nin o da Fonsagrada. Évos o que hai... O estado das traducións é o que reflicte a imaxe de arriba. A ciberaldea galega tan loable noutras cousas, dálle a este moucho que nesta epígrafe das traducións ten unha lagoa moi grande.
3.9.08Alfombra vermella para AlejoO día 8 no CFV de Vigo estará Alejo Vidal Quadras (sobra dicir nada máis...) e estes do CFV parece que comezaron cos preparativos e a catro días vista xa lle puxeron a alfombra vermella en forma de sisuda análise sociolingüística. Tamén se me ocorre outra palabra que comeza por lame e remata por cu, pero non vou dicila. Estes do CFV de Vigo son a clase empresarial viguesa que non fala galego, nin intención ten de facelo, malia teren moitos deles as súas orixes en aldeas ourensás, hoxe semidesertas, e malia invocaren insaciablemente o eixo Porto-Vigo como motor do Atlántico. Ou sexa, uns acomplexados... ricos, pero acomplexados. O que é curioso é que son os mesmos que despois arremeten contra a clase política cando non ven satisfeitos os seus intereses... que se non actúan en clave de país chegan a dicir en ocasións, que se en Cataluña e outras rexións xa teñen AVE e mellores autovías e nós aínda non, que se a Zona Franca de Barcelona, que se o Porto de Bilbao... Todo lles parece que se fai mellor noutros sitios, quizais así pensan que engrandan a súa carreira profesional... Iso si, en cousas de lingua, nada de cataláns, nin de vascos... Galegos todos, ou sexa españois. O galego para as aldeas que eles deixaron atrás. Os argumentos que manexan sinxelamente abracadabrantes. A descontextualización que fan de intervencións de Quintana e Touriño pois sinceramente estalles ben a eles dous por seren mediocres en temas de lingua. Por certo, cando estes señores conviden a Rosa Díez, con que nos van sorprender? Xa están a coser outra alfombra?
|