Galegolandia


Olladas con sorna, olladas con enfado, olladas ao exterior, olladas ao interior, olladas escépticas, olladas esperanzadoras, olladas que fan pensar, olladas para esquecer; olladas interrogantes; olladas declarativas; olladas exclamativas; olladas ao ar; olladas desde a terra; olladas de resignación; olladas de resistencia; olladas que non entenden; olladas que non se explican. Porque os “chascarrillos” son moitos e non todo vai ser perder falantes...

30.11.06

As pasantías de Montilla


Diciamos hais uns días que se en Cataluña teñen a Montilla en Galicia temos a Touriño e lingüisticamente tiñamos un empate, pois a verba de ambos e dous en catalán e galego está lonxe de ser a desexable. Porén, miren por onde que Montilla toma vantaxe: tomará clases de catalán e así o recoñece. Touriño seguramente tamén as tomou, algunha mellora apréciaselle, pero se houbera que lle pór nota o noso presidente móvese nesa media discreta, mediocre e ruinceira que predomina na clase política galega: apostar polo "pan i viño", bailar cos pronomes ao chou, fraseoloxía castelá agalegada etc. etc. A diferenza é que a Montilla vese que non lle chegaba con raiar o suficiente. Por contra, aquí en Galicia non parece que cree alarma ningunha o tema e só aos que nos tachan de esixentes nos dan ganas de correr a por tapóns para os oídos cando os escoitmos.
(por certo, o que é xusto é xusto dicilo: recoñezámoslle ao conselleiro de Economía os seu empeño por mellorar e aprender. Seica é posible velo por San Caetano coa Herba moura de Teresa Moure baixo o brazo)

Joystick = panca de mando


Pregúntanme como se podería dicir joystick en galego e recoñezo que no momento fico calado e mesmo dubido que haxa algunha proposta ao respecto. Sobrevoo a rede e levo a sorpresa de que si a hai e esta non me disgusta de todo: panca de mando (mellor sería panca ou mando a secas por aquilo de non facer dunha palabra dúas pero é o que atopo). Pódese ver nun glosario inglés-galego de termos informáticos sospeito que pouco coñecido e/ou difundido.
Ocórreseme pensar que é habitual escoitar como escusa para non empregar o galego o descoñecemento e/ou carencia de terminoloxía propia e específica... mais cun exemplo coma este temos a situación inversa: o/a lingüista fixo o seu traballo. É a sociedade a que debe facer uso del.
Á Playstation quérolle ver eu as instrucións en galego...

26.11.06

Incongruencias


Incongruencias como a de Medio Rural abrindo un concurso para se fornecer de ordenadores co windows xp en castelán non deberían collernos por sorpresa. En Traballo cando mudaron o sistema das oficinas de emprego estas só expedían certificados en castelán até que os do BNG protestaron e se corrixiu o asunto; en Xustiza cando se estaba a traducir o programiña co que traballan (de nome Libra) á administración deulle por mercar licenzas dunha edición máis recente e volta empezar...; ten habido casos de envío a centros galegos no exterior de material (coma por exemplo películas) en castelán no canto de enviar a súa versión galega; xa comentamos hai días que mal negocio que se pretenda formar o funcionariado en linguaxe administrativa e técnicas de redacción se logo se lle pon un tradutor automático ao seu dispor co que só ten que premer no rato e darlle a enviar; mal asunto se se di apostar pola normalización da lingua e despois canta consellaría hai lle patrocinou o coleccionable correspondente ao grupo Voz integramente en castelán; e mal asunto, moi mal asunto se a pouca terminoloxía que se fai dende o centro oficial que se debe facer non se distribúe ao xeito, dificilmente chega a onde debe chegar e a duras penas ultrapasa os andeis das bibliotecas e filólogos (e isto non é unha apreciación deste moucho, senón que está estudado).
Cantas van? cinco? seis? as que me viñeron arroutadamente á mente pero haber hai máis, diso estou certo...
(e da gran recuada xa non digo nada que o dixen todo no seu día)

25.11.06

El Pais e Afonso X


Menos dunha semana da edición galega d'El Pais e xa se pode ver que estes de Prisa non é que vaian darlle unha viravolta as estatísticas de uso da lingua galega na prensa, por moito que hoxe mesmo na edición impresa unha carta ao director (por certo non consultable no web) xa o reclame. E é que non chega que no acto de presentación o pasado martes Cebrián citase en galego a Cunqueiro se acto seguido se lembra de Afonso X e evoca que este usaba o castelán para ditar leis e o galego para a poesía. Ou sexa, traducido a termos xornalísticos: o castelán para as noticias e o galego os venres para iso que chaman cultura.

23.11.06

Mupi


As linguas non deixan de sorprender de modo que un pode ter lido moito, acudido a moitos dicionarios ou ter escoitado moito á xente que sempre ha de haber palabriñas que che descoloquen un tanto. Sobrevoo a cidade máis poboada do país e descubro a través dun tríptico municipal acerca da violencia de xénero que Vigo está inzada de mupis. Si, mupis, así como soa. Concretamente cincuenta. Así, inicialmente nin este moucho nin os compañeiros de voo máis cercano souberon dar co significado de tal vocábulo. Quizais algún estraño animal que precede ás vacas da cow-parade prevista?
Pois non, nin moito menos. Claro está que nin se me pasou pola cabeza acudir á lexicografía convencional e ver de atopar a palabriña (ou moito me equivoco ou ha pasar ben tempo até que obteña a bendición lexicográfica). Hoxe, a adega da neoloxía está en internet e chámase Google. O conto é que un mupi é moble urbano para a presentación de información. Así con todas as letras. Ou sexa un taboleiro dos de sempre, un punto de información, un poste, un marco... entendémonos, non si?
Unha palabriña máis para o peto...

20.11.06

E ti de quen vés sendo?


Dúas ferramentiñas ben curiosas e moi semellantes están dispoñibles na rede dende hai pouco: unha permite a busca e seguimento dos apelidos polas distintas provincias do Estado, e digo seguimento porque é curioso ver como apelidos galegos ao 100% están (por exemplo Pulleiro) é posible atopalos ademais de no país, en Barcelona, Madrid e Biscaia (as pegadas da emigración a través da lingua e os apelidos); a outra fai o mesmo pero a nivel dos 315 concellos galegos e permite ver a súa distribución local e comarcal.
Ala, a se entreter un pouco e non descartedes que co tempo teñamos un buscador por alcumes...

18.11.06

O outro "L" do galego


Seica mudou o de obter o carné de conducir: exames con máis seguridade vial e menos mecánica, preguntas-trampa fóra e quen sabe se mellor redacción sintáctica, menos lápis e papel e máis ordenador e rato. Da lingua, das linguas non se dixo nada: descoñezo se noutros lares é posible facer os exames e estudar o código na lingua propia. En Galicia dende logo non e o curioso é que este moucho non sabe de ningunha campaña que alertara desta situación e fixera algo por mudala. Fanse campañas para galeguizar facturas, páxinas webs e mesmo lápidas mortuorias, pero a obtención do carné de conducir semella esquecida.
A galeguización das autoescolas limítase, no mellor dos casos, ao cartaz no teito dos coches; ao galego nisto da condución mesmo lle sobra o L.

14.11.06

Sabías que a RAE quitou un novo dicionario?


Que non o sabías????? pero onde te metiches onte e máis hoxe? fuches ao café e estaban todos os xornais collidos? escarallóuseche a tele? só escoitas música na radio? estudas oposicións e non tes tempo para navegar? ah, que na túa cidade non hai prensa gratuíta? Pois si home, si como o oes: a RAE acaba de publicar un novo dicionario. Mira ti que cousas... E trae palabras como internet, abrefácil, salvapantallas... buah, unha manchea delas novas...
Para min tamén quero un gabinete de comunicación como o da RAE:-)

Montilla e Touriño: catalán e galego


Di Puigcercós que o catalán que fala Montilla é o catalán que representa a Cataluña real. Montilla é andaluz. Certamente aquí a situación é diferente e asemade semellante. Touriño naceu na Coruña, mais as fonotecas gardan numerosas secuencias do presidente referíndose a "tódolo galego e galega". Así, aspirando os eses, coma se o seu profesor fose o mesmísimo Felipe González.
O galego de Touriño foi mellorando, aínda que coma o do 90% da clase política segue sendo mellorable, moi mellorable. Por certo, quen sería ou é o seu profesor particular? alguén viu a asistencia técnica publicada no DOG?

9.11.06

Día despois


Baile de cifras e baile de noticias coma en calquera outro paro ou folga é o que nos deixa o realizado onte no ensino en Galicia. Só nos faltaría un Urdaci que se referise á Mesa como a A.M.N.L. e un Acebes que dixese que o goberno está a claudicar ante as presións. Ao parecer haberá novo decreto para o ensino que achegará o galego ao 50% e na Voz preséntannos a Touriño como un presidente firme que non cede ás presións. Dísenos que o goberno non mudará o plan de normalización lingüística... nin falta fai, se o que se lle pide é que o aplique!!!!!

6.11.06

Eu subscribo



Xa rula en papel, para goce ou calvario do funcionariado, a segunda edición do Manual básico de documentación administrativa que dende aquí está dispoñible na súa primeira edición. Entre unha e outra modificáronse os exemplos consonte a nova estrutura orgánica da Xunta, adaptouse o texto ás últimas mudanzas ortográficas e corrixíronse algúns outros erros.
Tamén mudou o limiar: onde puña Consellería de Educación e Ordenación Universitaria agora pon Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde puña Celso Currás Fernández e o seu cargo agora pon María Sol López Martínez e o seu cargo. No demais subscríbese na súa totalidade.
Mal síntoma, non credes?
Por certo, este mesmo volume circula en papel acompañado dun CD co volume en PDF cuxa única utilidade é poder imprimir o que xa se dispón editado en papel ou descargable dende o web. Nada máis, nin tan sequera dispón de modelos configurados de modo que se poida traballar sobre eles. Curioso xeito de entender as novas tecnoloxías...

5.11.06

Viva la Guardia Civil!!!!

Pese a quien le pese, así veña o demo, poñas como te poñas, caia quen caia, jamas de los jamases... vivan os tricorniados!!!!!

4.11.06

Voluntarios da lingua


Até agora iámonos apañando con que fixeran uns cursos (velaí están os do SNL da USC ou os de verán do ILG-USC de resultados sorprendentes) e, sobre todo, que se moveran por ambientes tipo Tarasca, as Crechas... no caso de Compostela e axiña enfiaban o galego. Agora a Vicepresidencia de Quintana crea a figura do voluntariado lingüístico supoño que para complementar (o Tarasca é insustituíble) o proceso e axudar a aqueles estudantes estranxeiros e inmigrantes e non galegofalantes en xeral a se mover en galego.
Chapeau pola iniciativa, recollida no PXNL por certo, e quen sabe se co tempo non habería que ir esténdendoa tamén a colectivos galegos, urbanitas eles, cuxa competencia oral deixa moito que desexar...
Por certo (bis), a SXPL unha vez máis adiantada pola esquerda...

2.11.06

Dillo a Laura

Orixinal anuncio do paro previsto para o 8 de novembro nos institutos galegos. Laura dáte por enterada...



... e para Marisol non haberá tamén unha cancionciña???

1.11.06

Lingua viva


Todo o que sexa desterrar, ou quizais para este caso habería que dicir soterrar, prexuízos ben vido sexa, mais a este moucho segue sen lle chistar moito esta mestura de lingua e morte. Xa non digamos o titular de La Voz hoxe mesmo.
Prefiro que me galeguicen antes os centros comercias, as salas de cinema, os xulgados, os lugares de lecer, as garderías... que eu para o cemiterio non teño moita présa por ir.
E como xa dixen noutra ollada reivindicadno os galegochorantes: miremos máis pola lingua dos que teñen toda a vida por diante, que de quen ten toda a eternidade.